Fetiche, Malafera, Leite e Saurobuks teñen en común unha sorte de disidencia do establecido, sexa o que sexa exactamente isto, e difunden creacións en galego
Editar nas marxes? Pero nas marxes de que? ″Queríamos darlle un espazo a xente que, como Nuria Vil e mais eu, estamos facendo poesía escénica e cousas así, é dicir, literatura máis alá dos libros. Darlle espazo editorial a propostas diverxentes do centralismo ou discursos que non entran dentro do politicamente correcto″, conta Vanessa Glemsel.
″Teño falado moitas veces co poeta Adrián Maceda de que a editorial é un pouco como o salón dos rexeitados dos Impresionistas porque collemos a poesía que vai de cousas estrañas, como no noso segundo fanzine no que se fala da ciencia ficción e a tecnoloxía″, di Branca Trigo. ″E si que estamos fartos dos dinosauros dos que está cheo o sistema literario galego, pero iso é outro rollo″, afirma Afra Torrado.
″Está ben que haxa alternativas ás editoras grandes para xente que fai cousas moi boas, pero que non ten acceso á publicación″, incide Alfonso Rodríguez. Son novas e tamén novos, ou tampouco tanto, e apostan pola creación en galego desde Galicia. Teñen en común unha sorte de disidencia do establecido, sexa o que sexa exactamente isto. Mais non compiten nin menosprezan. Fan apostas diferentes. Estes son algúns dos proxectos editoriais alternativos que funcionan na actualidade.
Vanessa Glemsel está detrás de Fetiche Edicións, e producións, que comezou a funcionar en marzo de 2020 sen saber o que nos viña enriba a todas coa pandemia. ″Foi marabilloso porque comezabamos coa actividade e tiñamos previstos varios obradoiros, e de súpeto todo o traballo que había para os seguintes meses desapareceu″, ironiza. Hai dous meses que recuperou esa actividade e xa ten o primeiro libro dispoñible nas librarías.
É o poemario Little Babilonia, unha tradución da lingua asturiana, de Pablo X. Suárez, ao que coñeceron pola súa faceta de rapsoda nunha actividade no espazo PELUQart de Vigo hai varios anos. Pois Glemsel forma dúo con Nuria Vil en Dúas Gamberras e un Micro. ″A poesía de Pablo é súper interesante. Ten moito que ver tamén con Galicia porque son como realidades paralelas. Está moi vinculada a eses espazos que son como rururbanos, esa parte de Galicia que non é cidade pero que tampouco é campo, e na que moitas vivimos. Eu son nena de parroquia″, salienta a editora.
"Fetiche é case un acto de resistencia, un empeño persoal, con todo o que implica", asegura Vanessa Glemsel
Vanessa agarda recuperar a parte escénica de "mini-producións propias" de espectáculos de poesía ou de poesía con música: ″A cousa vai lenta, pero vai″. ″Agora mesmo eu non vivo disto e a xente que está comigo tampouco. É case un acto de resistencia, un empeño persoal, con todo o que implica. Evidentemente isto ten uns custos que non se está autosufragando, é case como quen ten un hobby moi caro. Iso si, intentamos que a xente que traballa connosco reciba algo polo seu traballo e dar certa cobertura legal″, explica.
″Queremos ter a independencia de dicir: ola, este é o noso produto. Estamos aquí, existimos –conta–. Non podemos competir con outras cousas pero... Tendemos a romantizar a precariedade, á nosa xeración tocounos unha absoluta e total precariedade e a xente di ′que ben, isto son oportunidades′. Si, pero as oportunidades téñense que revestir doutras cousas. E aí estamos, isto é unha aventura″. Nese continuo esforzo por saír adiante, en Fetiche Edicións xa están a traballar con varios orixinais e contan con ter máis novidades á volta do verán.
″Somos un grupo de poetas un pouco estraños os que publicamos aquí, nin mellores nin peores que o resto", conta Branca Trigo
Branca Trigo e Alfredo Vázquez, un filólogo cun máster en edición filolóxica que agora mesmo está a traballar na hostalería, están detrás da editorial de ″poesía quimérica para lectores afoutos″ Malafera. En xaneiro publicaron un primeiro fanzine, URDA, e está a piques de saír do prelo o segundo, B/ERRO.INTERNO. ″Somos un grupo de poetas un pouco estraños os que publicamos aquí, nin mellores nin peores que o resto, pero temos obras igual pouco premiables ou vendibles″, di Branca, que estuda filoloxía na Universidade de Vigo.
Ela non quería que o primeiro libro que editase Malafera fose o seu, buscaba fuxir de tópicos, mais estaba moi segura deses poemas que escribira en agosto e quería sacar un libro axiña. ″Ademais, gústame ter que dicir sobre todos os aspectos do libro″, conta, ″deformación familiar″, xa que a súa nai dedícase á encadernación e seu pai é ilustrador: ″O libro está en apaisado e ábrese verticalmente. Aparte, o ilustrador é Ramón Trigo así que puiden gobernarlle aí sobre algunhas cousas. Con este libro todo quedou na casa″.
"Estamos volvendo a unha poesía confesional e intimista, e a enxalzar o rural; e nós queremos saírnos deses tópicos da poesía galega que estaban xa en Rosalía", di Branca
″Todo xira entorno ao título, Coñecemento do medo, un xogo de palabras coa materia de Coñecemento do Medio, e vai sobre o terror. Cada un dos poemas ten a referencia dunha película de terror e están construídos con referencias á natureza e ao corpo humano″, destaca Branca sobre os seu primeiro libro como autora e editora. ″Cremos que se pode facer poesía sobre calquera cousa. Ultimamente estamos volvendo a unha poesía confesional e intimista, e un pouco a enxalzar o rural; e nós queremos saírnos deses tópicos da poesía galega que estaban xa en Rosalía e seguen agora″, apunta.
Alfredo e Branca, como adoita suceder nas editoriais pequenas, entenden o libro como obxecto, como ″artefacto literario″. ″Para o contido tes bibliotecas, edicións electrónicas... Eu case sempre collo os libros na biblioteca, excepto que teñan unha edición que me chame a atención. Son unha persoa de biblioteca pública″, abunda Branca.
"Facemos isto un pouco por amor á arte. Non nos consideramos unha editora, máis ben un grupo de mamarrachas que fan movidas", explica Afra
Pablo Rodríguez e Afra Torrado levan o timón de Leite Edicións, un proxecto que comezou en 2018 e que foxe da etiqueta ″editorial″ a pesar de todo: ″Somos un grupo de amigas, achegadas, coñecidas que gozan facendo poesía, banda deseñada, autoedición en xeral e que nos reunimos baixo un nome común para apoiarnos, compartir e rexoubar (sobre todo)″. ″Facemos fanzines, libros non, que é moi complicado. Non é o mesmo ir á copistería de debaixo da casa que ir a unha imprenta... A cuestión económica pinta aí bastante tamén″, engade Afra.
Ela é graduada en Belas Artes e Pablo está coa tese de doutoramento de filoloxía. Ambos sortearon a pandemia porque ″cando non gastas non perdes″. ″Facemos isto un pouco por amor á arte. Non nos consideramos unha editora, máis ben un grupo de mamarrachas que fan movidas. Editora é outra cousa. A nós gústanos ir á nosa bola, un día somos editora e outro, quen sabe, ao mellor sacamos un disco. Aquí, poesía y lo que surja″. Un pouco como sucede no reto de escrita que lanzan cada mes co cancelo #escritaleiteira2021 nas súas redes.
"Non é a nosa prioridade facer libros, presentacións, ir a feiras e ter un ISBN para todo", salienta Afra
En Leite empregan os fanzines como formato e, á vez, como declaración de intencións: ″Hai milleiros de persoas facendo edición tradicional. Algún día, se precisamos facer un libro porque nun fanzine non entra todo o que queremos contar... pois farémolo. Pero non é a nosa prioridade facer libros, presentacións, ir a feiras e ter un ISBN para todo. Somos máis punkarrillas″. Agora teñen ″a punto de caramelo″ unha antoloxía que se vai titular Mafia e na que participan voces como Lara Dopazo Ruibal, C. Ermitas, Arancha Nogueira, Belén Senín e Quico, entre outras.
Saurobuks é o proxecto de Alfonso Rodríguez e Adriana Pérez, constituído como unha asociación sen ánimo de lucro. ″Non vivimos disto, todo o que conseguimos reverte de novo na editorial e os dous facemos traballos pola nosa conta″, sinala Alfonso. ″Estamos fóra dun centro máis mainstream ou comercial, lonxe dun foco con moitas miradas″. Ela é deseñadora gráfica e vende obras de arte para enmarcar (ou levar postas) e el escribe e tamén se achega ás artes plásticas a través das colaxes.
"Falamos de artefactos porque consideramos, sen querer estar por enriba de nada, que son máis que mera literatura", indica Alfonso
Alfonso xa publicara un libro antes de crear a editorial, e foi o desexo de reeditar ese Lúa Plenur o que o levou a fundar Saurobuks: ″Quería facer unha autoedición un pouco diferente, gustara máis ou menos, e mestureino con colaxes meus. Foi de brincadeira, non era para facer unha editora, pero foi porque Adri xa fixera un debuxo que se converteu no logo″. A partir de aí, buscaron colaboracións con outras autoras e autores e levan en marcha desde 2014.
″Gústanos que non sexan simplemente libros, con todo o respecto ao libro. Pero nós falamos de artefactos porque consideramos, sen querer estar por enriba de nada, que son máis que mera literatura. Para ben ou para mal″, indica Alfonso. Interésalles a mestura, o híbrido, para ir máis alá da literatura acompañándoa de ilustracións, camisolas ou colaxes que antes da pandemia levaban por distintas feiras.