Galaxia pon na rede os 200 primeiros números completos da revista 'Grial'

Parte da portada do primeiro número de 'Grial', de 1963 © Revista Grial

Desde este pasado 2 de xuño, calquera persoa pode acceder de maneira online e en formato PDF aos 200 primeiros números de Grial. A través dun enlace na súa web, Editorial Galaxia ofrece a posibilidade de mergullarse na historia completa da Revista Galega de Cultura que saíu á venda por primeira vez, e por 50 pesetas, no terceiro trimestre de 1963. 

Parte da portada do número 100 de 'Grial' © Revista Grial

Con esta iniciativa, Galaxia pretende "facilitar estes contidos de alto valor ao público xeral", un paso no que ve "unha fantástica oportunidade para que toda e todo aquel que teña interese poida acceder a esta ferramenta, idónea para aplicala no campo da investigación". 

Calquera persoa pode acceder 'online' en en formato PDF aos primeiros 200 números completos da revista

Dirixida na actualidade por Henrique Monteagudo, Grial pasou por distintas etapas, con cambios de deseño e temáticas pero sempre, como destacaba Dolores Villanueva nun dos textos publicados no número 200, sendo "o mascarón de proa, un símbolo de cultura na lingua propia que nace en Vigo para espallar o que somos e o que aspiramos ser no mundo". 

"Grial ' é unha obra construída por varias xeracións, entregadas con ilusión e esperanza á reconstrución e conservación da nosa cultura"

A revista, que vai polo número 229, foi dirixida desde o seu nacemento por persoeiros da altura de Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego; Carlos Casares e Víctor F. Freixanes e nela colaboraron "as sinaturas máis senlleiras do noso país e do ámbito internacional", como destaca a editorial, que o pasado ano celebrou o seu 70º aniversario cun número especial dobre de Grial, un monográfico centrado na historia de Galaxia e coordinado polo seu director xeral, Francisco Castro.

Número da revista 'Grial' dedicado á catástrofe do Prestige © Revista Grial

"Grial é unha obra construída por varias xeracións, entregadas con ilusión e esperanza á reconstrución e conservación da nosa cultura. O seu obxectivo foi, desde o principio, contribuír ao prestixio cultural da lingua e da cultura galegas, dentro e fóra do país, universalizalas, e incorporar a mocidade á súa defensa", di Galaxia, que asegura que co acceso de balde e para todas e todos aos seus números cumpre "un soño que é hoxe unha realidade". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.