Grial, 50 anos abrindo camiños

Primeiro número de Grial © Editorial Galaxia

Grial celebra o seu 50 aniversario coa edición, ademais do seu número 200. E faino cun acto, este xoves en Compostela, no que participarán responsables da publicación e varios colaboradores, ademais de distintos profesores e autores residentes no estranxeiro e que intervirán por videoconferencia. O evento terá lugar na Fundación Novacaixagalicia (rúa do Vilar, 19), será dirixido pola xornalista María Solar e poderase seguir por streaming a través do blog da editorial

Serán protagonistas os codirectores da publicación, Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, pero tamén catro colaboradores "do que poderíamos chamar unha nova xeración" da revista, segundo destacan: María López Sandez (ensaista, narradora), Xurxo Martínez (historiador), Iolanda Casal (xornalista) e Antonio García Fernández (arquitecto). Ademais, intervirán a través de videoconferencia Giuseppe Tavani (dende a universidade de Roma), Marcos Bagno dende Brasilia, Xavier Queipo dende Bruxelas, Débora Campos dende Buenos Aires, Javier Gómez-Montero dende Kiel, Óscar Loureda dende a universidade de Heidelberg, John Rutherford dende Oxford, María Rosa Lojo dende Buenos Aires, Fernando Venâncio dende Lisboa, Valeria Gil dende a universidade de Sao Paulo, Arcadio López-Casanova dende a universidade de Valencia e Basilio Losada dende Barcelona.

No terceiro trimestre de 1963 púxose á venda o primeiro exemplar, por 50 pesetas, e nos anos e décadas seguintes pasou por distintas etapas, a última delas, cun importante cambio no seu deseño, temas e na dirección (da que se fixeron cargo Freixanes e Monteagudo), a partir do ano 2002. Sempre co impulso da Editorial Galaxia, para a quen -destaca Dolores Villanueva nun dos textos publicados neste número 200- "a revista segue a ser o mascarón de proa, un símbolo de cultura na lingua propia que nace en Vigo para espallar o que somos e o que aspiramos ser no mundo". Falamos con Henrique Monteagudo, codirector de Grial.

Podemos dicir que Grial soubo adaptarse en cada momento aos tempos, transformándose en función do que o país demandaba?

A revista empezou como unha operación de resistencia. Cando se crea Galaxia, un dos seus principais obxectivos era facer unha revista que servise de canle de expresión e difusión da cultura galega, nun momento no que non había ningunha. Tentouse a través dos Cadernos Grial, que eran libros, pero cunha edición periódica, e cumprían esa función. Pero ao terceiro número o réxime xa se decatou e botou abaixo o intento. Despois chega Grial, primeiro moi vinculada a aspectos filolóxicos, á lingua e á literatura. Cando pasan os tempos da resistencia e Grial ten que reinventarse, comeza a ser unha revista menos filolóxica e ábrese a outros campos, cun perfil máis interdisciplinar. E xa na última fase, que abrimos hai dez anos, tentamos incorporar as novas tecnoloxías e a ciencia, digamos que, ao igual que se fixo antes, poñéndonos á altura dos desafíos.

"Aos Piñeiro, Del Riego ou Carvalho Calero gustaríalles ver como a xente que veu despois cambia o que haxa que cambiar para manter eses principios fundacionais"

Pero en calquera caso, a liña editorial: un galeguismo aberto e europeísta si se mantivo inalterable...

Debe ser que os alicerces debían estar moi ben plantados porque en todos os cambios que tivo a revista non houbo que cambiar nada. Aquela vontade de estar á altura dos tempos dende unha perspectiva plural e integradora da cultura galega e cunha proxección europea universal. Iso tíñano moi claro os fundadores da revista, que nisto eran herdeiros directamente do galeguismo republicano, que tiña esta perspectiva transversal e integradora, que confrontaba os desafíos de cada momento. Aos Piñeiro, Del Riego ou Carvalho Calero gustaríalles ver como a xente que veu despois cambia o que haxa que cambiar para manter eses principios fundacionais.

"Este é un proxecto dun galeguismo con fundamentos fortes: esta visión de Galicia dun xeito plural, non sectario, non pechado e cunha vocación de modernidade. Parece que isto conecta dunha maneira moi profunda coa sociedade"

Non moitos proxectos culturais poden celebrar un 50 aniversario. Grial é case unha excepción nun país de proxectos tronzados?

É de xustiza lembrar que detrás de Grial está Galaxia, que é unha empresa, entendida como proxecto máis aló do económico, que se crea no ano 50, e parece que con bos alicerces, porque outros grandes proxectos acabaron por esvaerse. Este é un proxecto dun galeguismo con fundamentos fortes: esta visión de Galicia dun xeito plural, non sectario, non pechado e cunha vocación de modernidade. Parece que isto conecta dunha maneira moi profunda coa sociedade.

Como se sostén Grial? Como sobrevive en tempos difíciles para os medios e para a edición?

Hai que dicir que Grial é unha revista que recibiu sempre unha achega pública moi pequena. Durante moitos anos recibiu pequenas axudas do Ministerio, máis que da Xunta, que ultimamente si está respondendo máis, igual que varios concellos. Pero o groso procede dos nosos 700 subscritores e da venda en librarías. Hai moitas subscricións de universidades e de centros galegos no exterior, e iso é o que lle dá unha base económica á revista. A tiraxe está preto dos dous mil exemplares.

Que retos ten Grial por diante?

Un reto inmediato é o mundo dixital e o acceso a través da rede aos contidos da revista. Neste momento pódense baixar en pdf algúns artigos, pero temos que ir cara a fórmulas máis visibles. E hai tamén un reto de renovación xeracional. Temos moitos colaboradores novos nos artigos e nas traducións, pero hai que involucrar máis xente nova no traballo de redacción da revista.

"Non debemos limitarnos á queixa, debemos tomar a iniciativa, aproveitar as oportunidades e facer as cousas ben feitas"

Todo, ademais, nun contexto moi negativo para a edición en galego, como amosan os recentes datos do INE... Como se reverte esta situación?

A edición en galego ten dous desafíos, que son por un lado o desafío -común a todas as empresas- da crise económica, e polo outro o desafío -común tamén aos xornais- da reconversión do modelo de negocio pola entrada no mundo dixital. Para afrontar esta transformación temos a pexa da crise económica e tamén o feito de que é necesario o apoio dos poderes públicos para levar a cabo esta reconversión tecnolóxica e o cambio de modelo de negocio. E estamos vendo un compromiso cada vez máis reducido por parte da administración, nun contexto como o galego, no que hai unha perda de falantes e unha caída demográfica. Debemos explicarlle á sociedade en que consisten estes desafíos, e debemos esixir este apoio público, pero non debemos limitarnos á queixa, debemos tomar a iniciativa, aproveitar as oportunidades e facer as cousas ben feitas. A caída da edición en galego é unha moi mala noticia, pero todos sabemos que en galego se editaban algunhas cousas que sobraban, falando por exemplo de parte da edición institucional. Como facemos unha edición competitiva? Pois facendo bos libros e gañando lectores.

"O que define o galeguismo é que sitúa os intereses do país como primeira prioridade. O que é bo para Galicia é bo para o galeguismo"

Como debe ser o galeguismo do século XXI?

O galeguismo polo primeiro que ten que mirar é polos intereses do país. O que define o galeguismo é que sitúa os intereses do país como primeira prioridade. O que é bo para Galicia é bo para o galeguismo. Para seguir definíndonos como nación, necesitamos un galeguismo de corte nacionalista, pero non se pode esgotar o galeguismo niso, non se pode esgotar nunha expresión político-partidaria do nacionalismo. E en Galicia, por definición, o nacionalismo debe ser progresista e baseado nas clases populares e nunca desligar o nacional do social.

Primeiro número de Grial © Editorial Galaxia
Capa do número 200 da revista © Editorial Galaxia
Henrique Monteagudo © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.