Os murais de Urbano Lugrís situados nun local en ruínas da rúa Olmos da Coruña veñen de ser declarados como Ben de Interese Cultural (BIC). Así o anunciou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dando conta da decisión tomada no Consello, que deu o visto e prace á proposta de decreto para recoñecer estas doce obras coa máxima protección "polo seu valor cultural sobranceiro".
Os murais, nun edificio en ruínas e pechado desde 2020, son declarados BIC ano e medio despois de que se iniciase o proceso
O edificio no que Lugrís pintou estes murais atópase nun grave estado de deterioración e as pinturas —que gozaban de protección ao iniciarse a tramitación do BIC— están tamén moi danadas mentres agardan por unha restauración. Agora, ano e medio despois de se iniciar, a Xunta remata cun proceso que comezou en 2024, antes de que a empresa propietaria do inmoble entrase en concurso de acredores e o Goberno galego acabase por mercar as obras tras evitar a última hora que acabasen en mans privadas.
Aínda que a intención era trasladar as obras ao Museo de Belas Artes, o Concello da Coruña e a Xunta acordaron finalmente que as pinturas permanecerían no seu actual emprazamento, ante o alto custo e risco que suporía o traslado.
Xunta e Concello acordaron que as pinturas permanecerán no seu actual emprazamento ante o risco que suporía o traslado
Nese baixo dos números 25 e 27 da rúa Olmos foi onde Urbano Lugrís pintou no ano 1951 varios dos seus murais de temática mariña, como fixo noutros locais próximos da rúa Real, da rúa da Estrela ou da compostelá rúa do Franco. Entre eles hai pinturas de gran tamaño, que ocupan unha parede e parte do teito dun espazo que nas últimas décadas acolleu distintos locais de hostalaría, pero que permanece baleiro dende 2020, provocando a progresiva degradación dos murais.
"Conxunto complexo e cun carácter excepcional"
Agora, a declaración BIC, que se fará oficial nos vindeiros días coa súa publicación no DOG, valora que as doce obras que compoñen o conxunto mural "merecen formar parte do patrimonio cultural sobranceiro" do país pola súa "calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións".
O expediente destaca que é un "conxunto artístico complexo e cun carácter excepcional no cal a pintura e a arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística". Tamén sinala que as obras permiten comprobar "o nivel que Lugrís chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores".
O pintor, sinala a Xunta, realizou estas obras pinturas para o restaurante Fornos, "un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX". As pezas representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sereas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas .Entre os elementos que aparecen, a Torre de Hércules ou o Castelo de Santo Antón.
Na Coruña, a asociación cultural O Mural ou o colectivo In Nave Civitas levan anos advertindo do risco de desaparición que sofren estas obras de Lugrís, nun edificio con graves problemas de humidade e filtracións de auga, unhas condicións moi prexudiciais para a pintura, tendo en conta o efecto negativo do fume do tabaco que presidiu durante décadas os locais de hostalaría que ocuparon este espazo. Así mesmo, lembran que Lugrís non empregaba materiais de calidade, o que fai a súa pintura máis susceptible a sufrir un deterioro.
O Mural chama a atención sobre o feito de que a poucos metros destes murais se atopa outra obra de Lugrís, Vista da Coruña 1669, que xa tiña consideración de BIC, e que no ano 2016 foi trasladado dende a súa localización orixinal na rúa Real.
Cos murais de Lugrís son xa 92 os BIC existentes en Galicia.