O Mural formalizou este mércores a súa solicitude para que os oito frescos de Lugrís deste local da rúa Olmos sexan declarados BIC. Agora a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten seis meses para decidir sobre esta petición
No baixo do número 25 da rúa Olmos da Coruña Urbano Lugrís pintou no ano 1951 oito dos seus murais de temática mariña, como fixo noutros locais próximos da rúa Real, da rúa da Estrela ou da compostelá rúa do Franco. Entre eles hai pinturas de gran tamaño, que ocupan unha parede e parte do teito dun espazo que nas últimas décadas acolleu distintos locais de hostalaría: Bottega, Fornos e, máis recentemente, Brasa y Vino. Porén, dende hai tres anos o local permanece baleiro e, ademais, nun edificio que sofre unha importante degradación, coa caída de cascotes nas últimas semanas.
As asociacións O Mural e In Nave Civitas levan anos advertindo do risco de desaparición que sofren estas obras de Lugrís, nun edificio con graves problemas de humidade e filtracións de auga, unhas condicións moi prexudiciais para a pintura, tendo en conta o efecto negativo do fume do tabaco que presidiu durante décadas os locais de hostalaría que ocuparon este espazo. Así mesmo, lembran que Lugrís non empregaba materiais de calidade, o que fai a súa pintura máis susceptible a sufrir un deterioro.
O Mural e In Nave Civitas levan anos advertindo do risco de desaparición que sofren estas obras de Lugrís, nun edificio con graves problemas de humidade e filtracións de auga
As dúas entidades -o mesmo que Marea Atlántica e BNG- reclaman que a Xunta protexa este mural a través dunha declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). O Mural formalizou este mércores a súa solicitude para que os oito frescos de Lugrís deste local da rúa Olmos sexan declarados BIC. Agora a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten seis meses para decidir sobre esta petición. En caso de que o Goberno galego considere que a proposta carece de fundamento, terá que notificar a O Mural a inadmisión da petición e explicando os motivos polos que declara que os murais non merecen ter esta protección.
A reclamación esténdese ao Goberno local da Coruña, ao que O Mural leva dende o ano 2021 demandando que o Concello comece por realizar unha inspección no espazo para comprobar o estado das pinturas
A reclamación esténdese ao Goberno local da Coruña, ao que O Mural leva dende o ano 2021 demandando que o Concello comece por realizar unha inspección no espazo para comprobar o estado das pinturas, tendo en conta ademais que o edificio se atopa dentro da zona do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do barrio da Pescaría e un dos murais está catalogado dentro deste plan. "O Goberno local ten competencia nesta materia tal como establece o artigo 11 da súa propia Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles", asegura O Mural.
Porén, o Goberno municipal asegura que non pode acceder a un local privado se non hai unha emerxencia e sinala que xa se puxo en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio para que exerza as súas competencias e se poña en contacto cos propietarios do inmoble.
A poucos metros destes murais atópase outra obra de Lugrís, Vista da Coruña 1669, que a Xunta declarou BIC en 2016 despois de moitas resistencias e que foi trasladado dende a súa localización orixinal na rúa Real á sede de Abanca, que se encargou da súa restauración
O Mural chama a atención sobre o feito de que a poucos metros destes murais se atopa outra obra de Lugrís, Vista da Coruña 1669, que si ten consideración de BIC, e que no ano 2016 foi trasladado dende a súa localización orixinal na rúa Real (foi pintado por Lugrís na sede do antigo Banco Hispano-Suízo, posteriormente Café Vecchio).
In Nave Civitas e O Mural reclamaron durante anos a súa protección, atopando grandes resistencias por parte do Goberno galego, que finalmente accedeu a declaralo Ben de Interese Cultural. A declaración adiouse chegou obrigada por unha demanda ante o TSXG "para que o Goberno galego cumprise coa súa obriga de protexer o mural". Abanca encargouse da restauración do mural e tamén do seu traslado á súa sede da rúa Olmos, onde se exhibe na actualidade.
Marea Atlántica e BNG únense ás reclamacións das dúas entidades para protexer os murais de Lugrís
Marea Atlántica esixiu hai uns días ao Goberno municipal da Coruña que inicie accións para protexer os murais de Lugrís. "O Goberno local debería de actuar canto antes para protexelo e frear o seu deterioro antes de que sexa irreversible", sinalou Xan Xove, que indicou que o Concello "non pode lavar as mans mentres
agarda a que a Xunta a declare BIC. De igual xeito, o BNG demanda a declaración BIC dos murais por parte da Xunta a través da presentación dunha serie de iniciativas no Parlamento galego a través da súa deputada Mercedes Queixas. O asunto xa fora levado polo BNG ao Pleno municipal da Coruña en decembro, en forma dun rogo oral lido por Francisco Jorquera.