Os murais de Lugrís: reivindicando o acceso á beleza

Mural de Lugrís na rúa Olmos © In Nave Civitas

Hai uns días anunciouse que Abanca asumirá a restauración do mural realizado nos anos 50 por Urbano Lugrís e que atopaba no local ocupado polo café Vecchio da Rúa Real da Coruña (pechado no verán de 2015) e que pasará a ser exposto na sede da entidade bancaria situada na Rúa Olmos. En maio a Xunta iniciara os trámites para declaralo Ben de Interese Cultural, atendendo por fin ás repetidas reclamacións de numerosos colectivos culturais e sociais, como In Nave Civitas e O Mural. Esta obra de Lugrís, agora denominada Vista da Coruña 1669, acada finalmente unha protección imprescindible para garantir a súa supervivencia.

Porén, son varios os murais realizados polo artista que aínda se atopan en espazos privados (sobre todo restaurantes), en ocasións nun estado de conservación mellorable. A asociación cultural O Mural reclama a protección de todas estas obras como Bens de Interese Cultural. En concreto, a súa petición refírese ás pinturas situadas na escola da igrexa de Vilaboa (Culleredo), no baixo do número 27 da rúa Olmos (A Coruña), no baixo do número 10 da rúa da Estrela (A Coruña) e no baixo do número 56 da rúa do Franco (Santiago de Compostela).

"O proxecto de Abanca de restauración, traslado e exhibición ao público do fresco de Lugrís é un moi bo paso", destaca Rodrigo Osorio, representante da asociación. Porén, Osorio destaca que a decisión é produto dunha "gran loita previa", unha "loita iniciada pola asociación en 2010 e que callou en 2013 na solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural". A declaración adiouse aínda tres anos e chegou obrigada por unha demanda ante o TSXG "para que o Goberno galego cumprise coa súa obriga de protexer o mural". 

A entidade destaca que as medidas anunciadas nesta semana por Abanca e a empresa Arteca "cumpren para O Mural cos fins polos que vimos loitando nos últimos 6 anos". "No caso do mural da Rúa Real contabamos co informe dun restaurador. A loita era máis fácil comezando por un", explica Osorio, que engade que "o obxectivo é incluír todos na declaración BIC, conservalos no mesmo lugar ou cando menos que se respecte a súa condición de mural". A asociación convida ademais a Abanca a que "contacte cos propietarios e asuma a protección do resto da obra mural de Urbano Lugrís que aínda se atopa nos muros orixinais". "Se os propietarios non se ven obrigados pola lei, é difícil que o fagan, é un proceso moi custoso", sinala Osorio.

 

A obra mural de Lugrís, en perigo

"Alarma. Aviso de auxilio. S.O.S Lugrís. Lugrís S.O.S. (...) Aviso aos terrícolas: Somos fillos do mar, vivimos no medio e medio do Océano. Non podemos perder ao pintor sur-marino: da súa ancora penden os nosos soños". Un poema publicado polo propio Rodrigo Osorio hai uns anos alertaba do perigo de desaparición dalgúns destes tesouros, que durante décadas habitaron as paredes de vivendas particulares ou establecementos comerciais e de restauración. O propio Francisco Muiños, director de proxectos de Arteca -empresa contratada por Abanca para restaurar o mural do café Vecchio (antes sede do Banco Hispano Suizo)-, salientaba nesta recente entrevista as dificultades atopadas no proceso de extracción e conservación da obra. 

É o caso, por exemplo, do situado na Rúa Olmos da Coruña, un local hoxe ocupado por un establecemento de nome Brasa y Vino, que no pasado foi La Bottega ou o Fornos. O mural aquí situado, de gran tamaño (ocupa tamén parte do teito e arcadas) sufriu xa durante anos o efecto do fume e o seu estado é preocupante, indica Rodrigo Osorio. Diferente é a situación do mural que se atopa na tamén coruñesa Rúa da Estrela, nun local hoxe ocupado polo restaurante A Mundiña (antes O León). Da obra orixinal só atopamos na actualidade dous fragmentos (unha balea e un reloxo de parede), nun estado de conservación aceptable, protexidos tras un cristal. Iso si, para ver un deles hai que visitar os lavabos.

Segundo Rodrigo Osorio, tamén está ben conservado (tras un metacrilato) o mural que se pode ver na Rúa do Franco de Compostela, nun local da cadea 100Montaditos (antes ocupado polo bar Nova Galicia). Iso si, Osorio engade que a asociación non ten a seguridade de que as súas cores actuais (ocres e amarelas) sexan as orixinais que Lugrís pintou, podendo ser resultado dunha degradación. Finalmente, non é boa a situación dos murais (un total de 12, de intención pedagóxica) realizados nun local anexo á igrexa de Vilaboa, en Culleredo, que funcionou durante anos como escola, e que sofre problemas de humidades. Na propia igrexa tamén tamén se conserva un retablo pintado por Lugrís por encargo do párroco.

Legalmente, indica Osorio, só contan con algún tipo de protección os dous murais da cidade da Coruña, pois están incluídos no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Centro Histórico da cidade. Porén, esta figura ofrece garantías moi inferiores ás da declaración como BIC, sinala: "teñen o nivel mínimo de protección da Lei de Patrimonio Cultural. Non se garante o acceso do público, non hai un dereito de retracto por parte da administración e os seus propietarios non teñen as mesmas obrigas de conservación. Por exemplo, non sería delito a súa destrución, sería unha falta administrativa".

Lugrís deixou un gran legado de obras murais, sobre todo na Coruña e Vigo (cidades nas que naceu e morreu), realizadas por encargo e en ocasións mesmo regaladas. Algunhas destas pinturas foron destruídas nas últimas décadas. Na sede de Abanca na rúa Olmos si se poderá observar a pintura agora denominada Vista da Coruña 1669, que manterá a súa orientación e o seu formato mural, e que será acompañada doutras 27 obras de Lugrís. O Museo de Belas Artes da Coruña acolle outros dous murais do autor, que foron trasladados hai anos dende Madrid. En Vigo poden verse outros dous murais de Lugrís no Museo de Castrelos.

 

O pintor das cousas do mar

In Nave Civitas e a asociación O Mural (xunto con outros colectivos, coma a AELG) manteñen dende hai anos un intenso traballo de investigación e difusión de cara á protección do legado do artista, denominado "o pintor das cousas do mar". Súa é a iniciativa dos Días Lugrís, que van xa pola súa sexta edición e que se celebran en decembro, e da Manifestación Atlántica e Surrealista. "Reivindicamos o acceso á beleza", salientaban estes colectivos nun dos últimos actos celebrados.

En 2011, ademais, A Nave das Ideas e In Nave Civitas homenaxearon conxuntamente a Lugrís nas cidades olívica e herculina. "A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Dende o punto de vista do mar A Coruña e Vigo son dous pontóns dous puntos de arribada dun mesmo océano", destacaba ao fío destas homenaxes Xurxo Souto en conversa con Praza

 

O mural de Lugrís, na súa anterior localización no Caffe Vecchio da Rúa Real CC-BY-SA Juan Freire
"Vista da Coruña, 1830", mural realizado por Urbano Lugrís nunha vivenda de Madrid e hoxe conservado no Museo de Belas Artes da Coruña © In Nave Civitas
Outro dos murais de Lugrís © In Nave Civitas
O mural conservarase agora no local de Abanca na rúa Olmos © Asociación O Mural
O local anexo á igrexa de Vilaboa (Culleredo) acolle tamén valiosos murais de Lugrís © Google Maps
O número 27 da rúa Olmos acolle outro dos murais en risco © Google Maps
Un dos traballos de Lugrís conservados no número 10 da Rúa da Estrela da Coruña © Restaurante A Mundiña
Un dos traballos de Lugrís conservados no Restaurante A Mundiña © Agustín Riobó
O número 56 da rúa do Franco, en Compostela, tamén acolle un mural de Lugrís © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.