O mural de Urbano Lugrís xa ocupa a súa nova casa

Recreación do mural de Lugrís, no seu futuro emprazamento © Abanca

Nunha coidadosa e custodiada operación, o mítico mural do artista Urbano Lugrís situado no antigo café Vecchio da rúa Real da Coruña foi trasladado á sede de Abanca, a poucos metros da súa ubicación orixinal. Ante a ollada de curiosos e a supervisión de operarios e restauradores, a obra durmiu xa na súa nova casa, na entrada da rúa dos Olmos dun banco que se ocupará agora da súa rehabilitación e coidado.

O mural que ocupaba o antigo café Vecchio foi trasladado á sede de Abanca, que se ocupará da súa rehabilitación e coidado

Foi pintado en 1952 na parede que daquela pertencía a outra entidade financeira, o Banco Hispano-Suizo. E alí pasou máis de seis décadas, sufrindo todo tipo de afectacións desde que o local acabou por ser unha cafetería que pechou en verán de 2015. Esta obra de Lugrís, denominada Vista da Coruña 1669 inspirado pola obra realizada por Baldi nese ano, acadou unha protección imprescindible para garantir a súa supervivencia. Foi en maio cando a Xunta iniciara os trámites para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC), atendendo por fin ás repetidas reclamacións de numerosos colectivos culturais e sociais, como In Nave Civitas e O Mural.

O traslado non foi doado. Durou catro horas e o mural foi dividido en sete sección, das cales dúas estban nun estado peor do que se agardaba. Unha vez trasladado, a pintura terá agora que ser rehabilitada nun proceso de restauración que durará uns dous meses, que se fará á vista do público e que será realizada por Arteca, empresa contratada por Abanca. Todo mediante unha operación para que se conta co visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio, ao estar esta obra catalogada, como o resto das que aínda hai por locais hosteleiros. 

O  mural está catalogado e xa foi declarado provisionalmente BIC á espera da certificación definitiva

O mural está catalogado e incluído no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) da Coruña, ademais de estar incoado sobre el está o expediente para a súa posible declaración como BIC. 

Abanca destaca que o seu obxectivo é "respectar ao máximo o contexto orixinal da obra, de aí que se escollese un local practicamente contiguo ao actual". Ademais, anunciou que no espazo "recrearase un muro no que se integrará a obra" e que a zona "contará tamén coa exhibición de forma rotatoria de outras obras de Urbano Lugrís" da colección da entidade e cunha pantalla "na que se poderá ver o vídeo da restauración".

Aínda que non é a primeira vez que se realiza un proceso de extracción e traslado dun mural de Urbano Lugrís, neste caso a operación presenou unha maior complexidade polas dimensións da obra (9,1 x 2,45 metros).

Son varios os murais de Lugrís en espazos privados, sobre todo restaurantes, e sen protección 

Ademais deste, son varios os murais realizados por Lugrís que aínda se atopan en espazos privados (sobre todo restaurantes), en ocasións nun estado de conservación mellorable. A asociación cultural O Mural reclama a protección de todas estas obras como BIC. En concreto, a súa petición refírese ás pinturas situadas na escola da igrexa de Vilaboa (Culleredo), no baixo do número 27 da rúa Olmos (A Coruña), no baixo do número 10 da rúa da Estrela (A Coruña) e no baixo do número 56 da rúa do Franco (Santiago de Compostela).

Legalmente, só contan con algún tipo de protección os dous murais da cidade da Coruña, pois están incluídos no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Centro Histórico da cidade. Porén, esta figura ofrece garantías moi inferiores ás da declaración como BIC.

"O resto de obras merecen o mesmo trato"

Desde a asociación O Mural, que traballou durante seis anos para que se adoptasen medidas co mural agora trasladado, din estar "contentos" de que se levase a cabo esta operación cunha obra "pola que iniciamos a loita". Aínda así, insisten en que "dá a sensación de que a iniciativa parte de Abanca porque a propietaria do local nunca fixo nada para protexelo e a Xunta tardou e non parou de poñer atrancos para a incoación do BIC", destaca Rodrigo Osorio, representante do colectivo co que colaboraron técnicos, avogados ou procuradores de forma desinteresada e que contou con moito apoio cidadán. 

"O resto de obras de Lugrís espalladas por locais e diversos lugares merecen igual trato e a mesma protección que este; en canto se confirme a declaración como BIC, polo momento provisional, solicitaremos o mesmo para todas as pinturas", insiste. 

Traslado do mural de Urbano Lugrís Dominio Público @Somosabanca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.