Manuel Gago vén de publicar Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante edicións), un ensaio que é tamén un libro de viaxes (non unha guía turística), pero un libro de viaxes especial, que percura en todo momento estas conexións entre Escocia e Galicia
1.500 quilómetros separan Compostela de Edimburgo, pero é indubidable que Galicia e Escocia teñen moitas cousas en común. Semellanzas nas paisaxes, pero sobre todo no substrato social: nas lendas, na historia e na forma de ser das súas xentes, con puntos de conexión tamén con outros territorios atlánticos. É seguramente por isto que cando unha persoa viaxa de Galicia a Escocia "recoñece case todo o que ve".
Manuel Gago vén de publicar Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante edicións), un ensaio que é tamén un libro de viaxes (non unha guía turística), pero un libro de viaxes especial, que percura en todo momento estas conexións entre Escocia e Galicia.
"Este é un libro de viaxes que se diferencia porque ao lelo, se foses camiñando, un pé estaría pisando en Escocia e outro en Galicia, é dicir, que vas avanzando por dous países ao mesmo tempo. Está deseñado como unha conversa, como cando vas cun amigo que te leva a coñecer unha cidade no estranxeiro e que mentres che vai amosando cousas, ti vala comparando co teu propio país", explica o autor. "Este é un libro para comezar unha conversa, buscando puntos en común", destaca.
"Cando os galegos imos a un país atlántico, como Escocia, as cousas que vemos alí sóannos, e ademais a moitos niveis e ás veces nin saber moi ben por que. Cando un escocés che conta unha historia, moitas veces sabes como vai rematar", destaca
"A primeira versión que fixen deste libro parecíase máis a unha guía de viaxes, pero ao reescribilo decateime de que realmente eu estaba buscando outra cousa, o que quería contar era 'que representa Escocia para un galego', como un galego ve Escocia a través da proximidade cultural que pode existir entre os dous países que están moi conectados ao longo da historia", recoñece o autor. "O libro non che vai dar tanto indicacións concretas, porque para iso están as guías, pero si que che vai dar claves sobre certos lugares -máis ou menos coñecidos- que che van permitir vivilos dunha maneira moito máis íntima, ao interactuar con parte do noso imaxinario e da nosa identidade cultural", di.
No libro, Manuel Gago manexa un concepto, as ecotopías, que se poderían definir como a experiencia do asombro ao recoñecer resonancias do familiar nun lugar alleo. "É dicir, que cando os galegos imos a un país atlántico, como Escocia, as cousas que vemos alí sóannos, e ademais a moitos niveis e ás veces nin saber moi ben por que. Cando un escocés che conta unha historia, moitas veces sabes como vai rematar, porque ten semellanzas coa nosa mitoloxía e lendas, ou sabes onde vai estar o chiste, por compartir un tipo de humor semellante", explica.
"Dislle calquera cousa a un vello e respóndeche con retranca", di. "Por iso, eu quería aproveitar ese salto continuo que o noso cerebro está facendo cando estamos alí", engade.
Manuel Gago presentou Ata que os mares sequen o pasado mércores 15 en Santiago acompañado de Belén Regueira e farao o mércores 29 de abril na Coruña (no Fórum Metropolitano, ás 19 horas) con Bieito Romero. A introdución do libro pode lerse libremente nesta ligazón.
Por que Escocia?
"Historicamente sempre se tendeu a falar das conexións entre Galicia e Irlanda, que son importantísimas, por suposto, pero Escocia sempre se deixou un pouco de lado", salienta
Por que facer un libro sobre Escocia, incidindo na súa conexión con Galicia? Por que non Irlanda ou Bretaña "Historicamente sempre se tendeu a falar das conexións entre Galicia e Irlanda, que son importantísimas, por suposto, pero Escocia sempre se deixou un pouco de lado", di Gago. "Isto ten unha explicación histórica: na Galicia de finais do século XIX escolleuse Irlanda como referente por unha situación política que conviña ao discurso, dado o enfrontamento con Inglaterra, e ademais por ser un país fundamentalmente católico, que encaixaba co pensamento do galeguismo dese momento", engade.
"Pero é que hai moitísimos elementos que teñen que ver co nacemento do mundo obreiro, coa revolución industrial e a ilustración, con conflitos sociais... que son comúns a Galicia e que quedaban relegados por outros factores culturais ou relixiosos", sinala.
"Eu podería terme limitado no libro a poñer unha relación de topónimos e lendas comúns, o xeito clásico en que se relacionou a Galicia con Escocia. Pero ao facer iso, moitas veces rexeitamos establecer comparacións que teñen que ver co noso presente", subliña
Galicia e Escocia comparten, por exemplo, debates públicos e tensións espaciais económicas. "Fíxate que nós temos un eterno debate sobre a relación entre o Eixo Atlántico, moito máis poboado e desenvolvido, e o interior, rural e en proceso de despoboamento. Eses debates son exactamente iguais en Escocia, entre as zonas máis urbanas e o resto", cunha grande importancia da industria ou a economía do mar en Glasgow e nas áreas portuarias. "Hai un gran número de paralelismos e moitos non veñen tanto desas coincidencias culturais históricas, senón de circunstancias xeográficas, espaciais, económicas...", di.
Pasa o mesmo co despoboamento ou co rol da inmigración, "moi importante en Escocia xa que fronte á actual posición do Goberno de Londres, o Goberno do SNP si apoia a chegada de poboación de fóra para potenciar a economía".
"Eu podería terme limitado no libro a poñer unha relación de topónimos e lendas comúns, o xeito clásico en que se relacionou a Galicia con Escocia. Pero ao facer iso, moitas veces rexeitamos establecer comparacións que teñen que ver co noso presente", subliña. Nese senso, o autor destaca que “quería reescribir esa relación atlántica dende o século XXI, sen esquecer as achegas anteriores”.
Viaxeiros ou turistas?
A viaxe resulta especialmente interesante, sinala Gago, cando ese lugar ou ese país "representa algo para ti". "Pode que non o saibas explicar demasiado ben, pero de súpeto ocupa un espazo no teu interior, dentro da túa propia vida. Ti nunca vas baleiro de ideas a unha viaxe, sempre vas con algún tipo de preconcepto, de expectativas", di
Hai moitos tipos de libros de viaxes, dende as guías máis básicas a aqueles nos que un visitantes vai percorrendo un país e describindo o que atopa. Pero case sempre os mellores son os que che permiten mergullarte na cultura, na forma de ser dos seus habitantes, grazas aos que podes entender mellor aquilo que che rodea e non limitarte a visitar 'as dez cousas que tes que ver' en cada lugar.
A viaxe resulta especialmente interesante, sinala Gago, cando ese lugar ou ese país "representa algo para ti". "Pode que non o saibas explicar demasiado ben, pero de súpeto ocupa un espazo no teu interior, dentro da túa propia vida. Ti nunca vas baleiro de ideas a unha viaxe, sempre vas con algún tipo de preconcepto, de expectativas", di. "Decateime diso unha vez que levamos os nosos pais a Roma e cando entraron no Coliseo, dixeron todos a un tempo: 'pois xa está, isto xa está feito', no sentido de obxectivo cumprido. Nese momento decateime de que o Coliseo representaba algo importante nas súas vidas", comenta.
"Se queres ser viaxeiro, vai facer algún tipo de proxecto nese lugar, vai con algún propósito. Porque o propósito axúdache a contactar con xente e a desprazarte de maneira diferente aos turistas"
Que é o que diferencia un viaxeiro dun turista? Cando optamos por evitar os lugares máis turistificados e deseñamos a visita dunha maneira moi diferente aos ritmos e rutas establecidas somos viaxeiros? Ou esa é unha fantasía que nos contamos a nós mesmos para evitar a etiqueta de turistas? "Eu creo que no 90% dos casos, mesmo cando nos queremos considerar a nós mesmos como 'viaxeiros', en realidade seguimos sendo turistas. Sempre digo que se tes o billete de volta comprado, es un turista; se non tes billete de volta, pode que sexas un viaxeiro", di Gago.
"Se queres ser viaxeiro, vai facer algún tipo de proxecto nese lugar, vai con algún propósito. Porque o propósito axúdache a contactar con xente e a desprazarte de maneira diferente aos turistas. Eu mesmo, dende logo, as primeiras veces que fun a Escocia era un turista, pero cando fun para colaborar en proxectos con xente de alí posiblemente me convertín en viaxeiro", di.
Sete recunchos de Escocia recomendados por Manuel Gago para "comezar unha conversa"
Pedímoslle a Manuel Gago unhas recomendacións para visitar en Escocia, incluídas no seu libro, lugares nos que un galego ou galega pode atopar eses "puntos de conexión"
Pedímoslle a Manuel Gago unhas recomendacións para visitar en Escocia, incluídas no seu libro, lugares nos que un galego ou galega pode atopar eses "puntos de conexión".
No Castelo de Edimburgo está a Pedra do Destino, que conta a lenda que chegou a Galicia dende o Mediterráneo Oriental, dende aí foi a Irlanda onde se fixo un reino dende o cal se conquistou Escocia e a pedra foi viaxando dun lugar a outro. É un mito que segue vivo, porque dalgún xeito educou a todos estes países atlánticos na idea de que todos vimos doutro lugar, que unha parte da nosa identidade está noutro lugar. O que moita xente non sabe é que ao lado da Pedra do Destino están as Armas de Escocia: a espada o cetro e a coroa do Rei de Escocia. E no cetro está representado o Santiago Apóstolo peregrino como protector do Rei de Escocia. Por iso ata hai poucas décadas en Escocia a maior parte dos homes se chamaban James (Xacobe)
Recomendaría unha visita ás abadías do sur (Jedburgh, Melrose...), na fronteira entre Escocia e Inglaterra e que son preciosas. Fálannos do momento en que Escocia quixo ser un país moderno, no século XII, e alí instaláronse abadías cistercienses que teñen as mesmas cronoloxías que as galegas do seu momento (Oseira, Samos...), que crearon tamén unha trama urbana. Escocia quedou armada como país, con estas abadías e coa creación de vilas, no mesmo momento que Galicia. A maior parte da xente non visita o sur de Escocia, pero eu reivindico moito estas Lowlands, terras baixas, onde atopas moita arte medieval e renacentista e rompe moitos tópicos.
Vou recomendar un sitio moi concreto e moi descoñecido da Illa de Skye. Hai unha lugar, chamado Rubh' an Dùnain, que é unha punta bastante desértica e á que só que pode chegar andando, nunha camiñada de varias horas. É un punto cunha paisaxe espectacular cara ao Mar de Irlanda no que dalgún xeito está resumida toda a historia escocesa, pois quedou fosilizada. Hai un porto viquingo interior, hai un conxunto de mámoas moi semellantes ás galegas, hai un castro e hai unha aldea abandonada. Estas aldeas abandonadas, que nos recordan aos nosos castros, parécenme fascinantes e hainas en moitas zonas das Highlands. Nos séculos XVIII e XIX nas Highlands, que estaban superpoboadas, houbo un proceso masivo de expulsión da poboación a cargo dos grandes terratenentes, para ocupar todo o terreo con ovellas; ademais, ao Imperio Británico víñalle ben esa emigración para poboar todo o seu imperio colonial. E a paisaxe marabillosa e brutal das Highland que vemos hoxe é o resultado dese proceso de expulsión. Ese proceso tamén se intentou en Galicia, pero non tivo éxito.
Outra recomendación é o Forte de Dún Ad, que se atopa no Argyll, no oeste de Escocia. É un castro que se atopa moi preto do mar, nun sitio moi bonito a carón dunha abadía tamén moi fermosa. Sempre se interpretou como o lugar ao que chegaron os gaélicos procedentes de Irlanda e que invadiron a actual Escocia, levando a súa lingua e cultura ás Highlands escocesas. O forte é famoso porque no seu cume ten un petróglifo que é onde se coroaban os primeiros reis do Reino de Alba, o reino gaélico de Escocia. Neste lugar apareceron tamén testemuñas de actividade comercial con Galicia na antigüidade tardía. Investigacións recentes revelaron que unha vez que cae o Imperio Romano, a circulación comercial atlántica se dinamizou, vinculando todas as áreas célticas do Atlántico. É un lugar que ten moita significación para Galicia e é, ademais, precioso e moi pouco visitado polos turistas galegos.
Outro sitio que recomendo son as illas Orcadas. Todo o esforzo que supón ir ata elas (que tampouco é tanto, peor son as Shetland) está compensado. É unha zona no que hai moitísimos monumentos prehistóricos, que se preservaron de marabilla e onde hai un lugar que se chama Ring of Brodgar, que é un crómlech enorme en perfecto estado de conservación. É moi famoso, ademais, porque na Segunda Guerra Mundial os seus foxos prehistóricos eran usado polas tanquetas para adestrar, como se pode ver na rede nunha foto histórica. E preto de alí está o famoso xacemento de Skara Brae, que é unha especie de vila prehistórica mergullada na area e que grazas a iso se preservou moi ben. Isto conéctase coas lendas galegas das vilas soterradas nas lagoas ou con lugares coma o Illote do Areoso, que preservou de maneira excepcional a prehistoria galega.
A quen lle guste o whisky, eu recomendaría facer a ribeira do Spey, o Speyside, onde se atopan moitas destilerías, e visitar alí a destilería de Macallan. É unha ribeira que sempre ten unha néboa que en realidade é o vapor de auga das destilerías. A xente vaise sorprender porque no vestíbulo hai unha foto enorme do Courel que ocupa toda a parede. A razón é que a madeira que utiliza Macallan, que é un dos whiskys de máis calidade, vén do Courel.
E, para rematar, un lugar onde se pode ver moi ben o mundo picto, a gran cultura altomedieval escocesa, que está preto de Aberdeen, que ademais é unha cidade con moita relación con Galicia a través da pesca do Mar do Norte. Burghead é unha vila de pescadores que rodea un castro, un antigo castro dos pictos, situado nunha península, como moitos galegos. Trátase dun lugar perfecto para coñecer a cultura dos pictos, que foi desprezada na propia Escocia durante moito tempo. Nos últimos anos estase redescubrindo alí (e tamén en Galicia) a riqueza desa cultura altomedieval.