Esta semana presentouse o proxecto expositivo 'Cidades do Tempo', un conxunto de sete mostras sucesivas, organizadas pola Xunta e por Afundación e comisariadas por Manuel Gago, que nos dous vindeiros anos buscarán poñer en valor a identidade urbana de Galicia
Galicia adoita construír o seu imaxinario a partir do rural, deixando de lado as zonas urbanas, que fican como unha anomalía ou, no mellor dos casos, un espazo secundario da galeguidade. Con todo, a realidade é que nas áreas metropolitanas das sete cidades galegas vive hoxe o 64% da poboación galega e que hai xa varias décadas que a galega é, o mesmo que o resto de Europa, unha sociedade esencialmente urbana. Hai moita reflexión sobre o que foi, é e debe ser o rural, pero moi pouca sobre o que foron, son e deben ser as cidades.
Esta semana presentouse o proxecto expositivo 'Cidades do Tempo', un conxunto de sete mostras sucesivas, organizadas pola Xunta e por Afundación e comisariadas por Manuel Gago, que nos dous vindeiros anos buscarán poñer en valor a identidade urbana de Galicia. A primeira desas exposicións, dedidaca á cidade de Santiago, inaugurouse este sábado en Compostela, na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), onde se poderá ver ata o 10 de setembro. Despois, ata mediados do ano 2024, será a quenda de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense.
Estas sete exposicións amosarán unha selecsión de obxectos históricos, documentación, obras de arte, paneis explicativos e outros materiais (mapas, vídeos, fotografías...) que axudan a explicar a identidade urbana de Galicia, unha identidade que non é recente, pois a historia das cidades galegas comeza na Idade Media e foi delimitando a identidade de todo o país. Unha identidade necesariamente mixta, pois a singularidade de Galicia é que as fronteiras entre o rural e o urbano seguen sen estar completamente definidas, falando sempre de cidades híbridas, que expanden a súa influencia ao resto do territorio pero que tamén se ven misturadas polos hábitos e identidades da Galicia rural.
"Galicia é unha sociedade complexa e diversa e non é real pensar que hai unhas supostas esencias que corresponden unicamente ao espazo rural. O factor urbano está presente e configura todo o que somos", destaca Gago
As sete exposicións foron deseñadas por un equipo de traballo que implica a máis de sesenta profesionais, entre asesores, coordinadores e membros dos comités científicos locais, expertos procedentes de eidos tan diversos como a Xeografía, a Antropoloxía, a Filoloxía, a Arquitectura, a Comunicación ou a Historia. Todos eles coordinados polo xornalista Manuel Gago, director do portal Culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e responsable tamén das exposicións 'Galicia, un relato no mundo' ou 'Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura'.
"En Galicia o modelo das cidades é híbrido, moi adaptado ao territorio, no que rural e urbano están moi entrecruzados, para o bo e para o malo", explica Gago
"Todos os datos económicos e demográficos revelan que o presente e o futuro de Galicia é urbano. Porén, por incrible que pareza, a identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana, pero tamén o mundo mariñeiro", destaca Manuel Gago en conversa con Praza.gal.
"A exposición intenta situar Galicia nun esquema que é normal en calquera sociedade europea, é dicir, unha sociedade complexa, con múltiples factores e identidades. A un francés ou a un británico non se lle ocorre pensar que o seu país é só dunha única maneira. Galicia é unha sociedade complexa e diversa e non é real pensar que hai unhas supostas esencias que corresponden unicamente ao espazo rural. O factor urbano está presente e configura todo o que somos", subliña.
Unha realidade mixta, híbrida
Galicia non conta cunha Barcelona, unha gran cidade que nuclea ao seu redor o conxunto do país, senón con sete cidades de mediano e pequeno tamaño, fortemente conectadas e que funcionan en rede. E que, ademais, son moi permeables coa contorna rural que as rodea e coa que establecen continuas relacións. "Cando pensabamos na cidades ás veces tiñamos un concepto de cidade moi pechado e máis propio doutros territorios, cunhas fronteiras moi nidias entre o rural e o urbano. En Galicia, en cambio, o modelo das cidades é híbrido, moi adaptado ao territorio, no que rural e urbano están moi entrecruzados, para o bo e para o malo", explica Gago. "Galicia non ten grandes cidades, pero esta realidade deriva dunha determinada xeografía e estrutura do medio, que acabou configurando un modelo propio", engade.
"Cando se fai unha exposición sobre cidades a inercia leva a poñer o foco nunha cuestión urbanística. Queríamos ir máis aló: a cidade é un sistema cultural, un espazo no que interaccionan persoas, no que se xeran imaxinarios, no que hai memoria e tradición oral"
"As fronteiras entre o rural e o urbano non son tales. Esa idea quixemos reflectila na imaxe gráfica do proxecto expositivo, realizada por Desoños, construída a partir do límite dos termos municipais das cidades, máis amplos ou máis reducidos, amosando que eses límites sempre están en negociación co espazo do redor. Cando fixamos de forma moi estrita esta fronteira, o que facemos é limitar o que queremos contar sobre nós mesmos", comenta.
A exposición afonda na identidade das cidades galegas e na súa historia moito máis aló das últimas décadas. "Había cidades xa na Idade Media. Por exemplo no século XII Alfonso VIII (ou IX) comeza a crear burgos: A Coruña, Noia, Sarria... Estes burgos nacen nos espazos transaccionais: nos portos, camiños... Hai unha intención clara de construír un espazo urbano na no medievo. Eses espazos están aí dende entón, aínda que foi no último século cando medraron moito ao recibir migracións de grande importancia", explica Gago.
Os contidos
As exposicións divídense en seis seccións: Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Padróns, Cidade narrada e Cidade que nos contamos
Cidades no tempo propón un itinerario multimedia pola cidade como espazo habitado, vivido e construído máis alá das propias trazas urbanísticas: territorios urbanos con arquitecturas, culturas, identidades visuais e narrativas singulares, e que foron conformándose no tempo. Para iso bota man de recursos diversos que se distribúen a través das seccións Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Padróns, Cidade narrada e Cidade que nos contamos.
"Moitas veces, cando se fai unha exposición sobre cidades a inercia leva a poñer o foco nunha cuestión urbanística: como a cidade se vai ampliando e transformando. Obviamente esa é unha parte moi importante e está presente, pero queríamos ir máis aló. Tiñamos clarísimo que a cidade é un sistema cultural, un espazo no que interaccionan persoas, no que se xeran imaxinarios, no que hai memoria e tradición oral", explica Gago.
As cidades son dinámicas, nelas sempre pasan cousas e no seu interior producíronse sempre os grandes cambios e avances que despois se trasladaron a outros espazos. Gago comenta que nas exposicións "queriamos aproveitar e poñer en valor os arquivos documentais municipais, que teñen absolutas xoias e ensaiar novas formas de amosar o poder e riqueza deses arquivos. Por exemplo, no caso de Santiago, convertemos os materiais dese arquivo nunha especie de revista de fin de semana". O comisario do proxecto indica igualmente que "tamén tentamos atopar obxectos que amosen a forma en que as distintas clases sociais se articulan no espazo urbano".
"Tentamos atopar obxectos que amosen a forma en que as distintas clases sociais se articulan no espazo urbano"
De igual xeito, destaca que se buscou afondar nos mitos fundacionais das sete cidades galegas: "todas as cidades contan con algún Un mito é un relato común, un relato compartido e o que facemos e afondar nel para ver que nos conta desa cidade e que é o que agocha", di. "Tamén quixemos preguntarnose se as cidades galegas teñen unhas estéticas determinadas", di finalmente Gago. "Como se localiza? Como queda gardada na nosa memoria? Que é o que fai que recoñezamos a nosa cidade, máis aló de espazos urbanos concretos? Onde están os trazos que forman unha especie de gramática? Como se empezou a construír esa estética?", interrógase.
'Santiago de Compostela no tempo'
A primeira das exposicións, 'Santiago de Compostela no tempo', exhibe un conxunto de cen pezas entre as que se atopan xoias como o Libro de horas de Fernando I (1055), posiblemente, o libro máis antigo conservado en Galicia, custodiado en cámara acoirazada pola Universidade de Santiago e que hai vinte anos que non se expón ao público. Tamén pertencente a esta institución académica, pódese contemplar a campá da universidade (1600) que, en tempos, funcionou a modo de reloxo da vida estudantil, e que nunha cidade tan rica en arquitectura relixiosa representa unha das poucas campás laicas.
A primeira das exposicións, 'Santiago de Compostela no tempo', exhibe un conxunto de cen pezas entre as que se atopan xoias como o Libro de horas de Fernando I (1055), posiblemente, o libro máis antigo conservado en Galicia
Atopamos tamén dous relicarios (do séculos XI e XIX) procedentes de Bélxica, testemuño do traslado dun pequeno fragmento das reliquias do apóstolo a Liexa en 1056. Xunto a elas, un dos obxectos máis representativos das primeiras etapas da ciencia arqueolóxica galega: o baleirado en xeso do petróglifo de Conxo (1935), reprodución realizada por Ramón Sobrino Buhigas. Ademais, o visitante descubrirá documentos antigos, como planos orixinais de edificios emblemáticos que teñen que ver con ámbitos esenciais para a vida da cidade, como a educación, así como co deseño de servizos como a rede de subministración de auga e luz ou a chegada do tren.
O calendario das sete exposicións
Despois da exposición de Santiago, ata mediados do ano 2024, será a quenda de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense
- Santiago de Compostela. Do 4 de xuño ao 10 de setembro de 2022 na sede de Afundación
- Ferrol. Do 27 de outubro de 2022 ao 28 de xaneiro de 2023 na sede de Afundación
- Lugo. Do 22 de febreiro ao 13 de maio de 2023 na sede de Afundación
- A Coruña. Do 1 de xuño ao 26 de agosto de 2023 na sede de Afundación
- Vigo. Do 19 de setembro de 2023 ao 7 de xaneiro de 2024 na sede de Afundación
- Pontevedra. Do 24 de xaneiro ao 6 de abril de 2024 no Café Moderno Afundación
- Ourense. Do 24 de abril ao 6 de xullo de 2024 na sede de Afundación