O anunciou desconcertou un chisco á ampla parroquia que segue as Tanxugueiras. O pasado marzo o grupo de Aida Tarrío e Sabela e Olalla Maneiro anunciara para o vindeiro 17 de outubro o único concerto en Galicia dentro da xira de presentación do seu novo disco, O Cuarto, e fixérano ademais marcándose o reto de volver encher o Coliseum da Coruña. Pero o 5 de maio o Concello de Santiago anunciou as Tanxus como parte do programa das Festas da Ascensión nun espazo emblemático, a praza do Obradoiro, e ademais nunha data ben sinalada, o primeiro día de festexos, que é tamén a xornada de lanzamento do novo disco.
Pero, que é o que vai suceder este serán no Obradoiro? Ampliouse a xira? Non. O que teñen organizado as Tanxugueiras canda o Concello é algo diferente: "Unha escoita colectiva" d'O cuarto xusto antes de lanzáreno.
"Non vai ser un concerto", senón "algo moito máis especial", unha "escoita en comunidade xusto antes de que saia" 'O Cuarto', cuxa xira comeza en outubro no Coliseum da Coruña
"Sabemos que hai moitas dúbidas, recibimos moitas mensaxes", admitía Aida Tarrío nun vídeo gravado no nome das tres, no que deixou claro que o deste martes "non vai ser un concerto", senón "algo moito máis especial". "O que vai pasar na Praza do Obradoiro", detalla, é "que imos facer unha escoita en comunidade xusto antes de que saia o disco". Estará acompañada, avanzan, por unha instalación artística efémera, exclusiva deste evento compostelán.
"Estaremos por alí sobre as oito e van pasar cousas", avanzan as Tanxugueiras, quen admiten "moita ilusión" porque "este disco é moi importante para nós". Tras o lanzamento do disco, previsto para as 22:00, chegará a xira, esta si con concertos, comezando co devandito no Coliseum coruñés, con entradas xa á venda para o 17 de outubro. A continuación, outras oito datas xa confirmadas noutros tantos puntos do Estado.
A escoita colectiva do novo disco das Tanxugueiras será o punto de inicio dunhas Festas da Ascensión nas que, na parte musical, tamén destacan outros nomes como Mondra e Alba Reche, 9louro e Lumedoloop dentro do Composfest ou Los Punsetes e Familia Caamagno, entre outros, no marco da Romaría das Flores.