A participación das Tanxugueiras no Benidorm Fest disparou a popularidade do trío de pandeireteiras e actuou a xeito de inxección ao ánimo colectivo no país. "Queremos que haxa un orgullo de pobo coa lingua, a tradición e a cultura", explicaban en declaracións para Praza.gal cando decidiron lanzarse a un certame que, alén da controversia coa votación para participar en Eurovisión, propiciou unha enorme expansión para un tema musical en galego e para un grupo que dende o inicio utiliza a lingua propia de Galicia con absoluta normalidade.
Con este pano de fondo, as Tanxugueiras foron este domingo as convidadas estrela no acto oficial en Galicia polo Día da Lingua Materna, a conmemoración coa que, dende hai dúas décadas, a UNESCO pon o foco cada 21 de febreiro na importancia de preservar a diversidade lingüística. Ante un auditorio formado maioritariamente por familias con nenas e nenos, as cantareiras interpretaron o seu Terra cun aquel improvisado e alentaron a rapazada, entre a que se viu algunha pandeireta, a utilizaren o galego na súa vida cotiá.
O evento, celebrado na Cidade da Cultura e conducido pola xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo Dígocho eu da TVG, tivo como mensaxe central que "o mellor xeito de manter viva a lingua é falándoa todos os días, en calquera situación social e cultural". O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalaron no concerto ás Tanxugueiras como mostra de que en galego "podemos chegar a todos os públicos", tamén con "proxección internacional".
Algo máis dun 40% do total da poboación galega aprendeu a falar en galego, pero a proporción descende a menos da metade entre as idades máis temperás
Este novo Día da Lingua materna celébrase nun contexto no que a transmisión interxeracional do idioma segue sendo a gran materia pendente. Ou, cando menos, así o acreditan os datos máis recentes ao respecto do Instituto Galego de Estatística, datados en 2018 e segundo os cales aínda hai máis poboación que aprendeu a falar en galego (42,19%) que a que o fixo en castelán (31,72%) ou en ambas (algo menos dun 24%).
Estes datos medios, non obstante, son menos alentadores ao seren desagregados por idades. Sempre segundo o IGE, case a metade da infancia que en 2018 tiña de 5 a 14 anos aprendera a falar en castelán, mentres que apenas o 20% o fixera en galego. Neste contexto, ante a quebra na transmisión xeracional do galego, a poboación neofalante vén adquirindo cada vez máis importancia no futuro da lingua.