De Serrat ás Tanxugueiras: o uso das linguas minorizadas en Eurovisión, unha materia pendente no Estado español

Unha actuación de Tanxugueiras © Tanxugueiras

"Terra", de Tanxugueiras, suma preto de 750.000 reproducións en Youtube e 250.000 en Spotify en só catro días

"Terra", de Tanxugueiras, aspira a representar a España no Festival de Eurovisión do vindeiro ano. A canción elixida coñecerase entre o 26 e o 29 de xaneiro no marco do Benidorm Fest, no que Tanxugueiras competirán con outros 13 temas, primeiro nunha semifinal e despois na gran final. 

A canción está a ser un innegable éxito, con preto de 750.000 reproducións en Youtube e 250.000 en Spotify en só catro días, pero dende logo non terá doada a súa vitoria. Ata agora nunca unha canción en galego, catalán ou vasco foi escollida para representar a España en Eurovisión, malia seres estes idiomas oficiais no Estado. "O galego existe, é unha lingua máis entre as cooficiais do Estado español, e que por unha vez na vida comecemos a facer esa irmandade entre linguas para nós é súper bonito", subliñaban nesta entrevista.

No ano 1980 o "Xirarei" de Xil Ríos (escrita por Juan Pardo) estivo tamén preseleccionada para representar a España en Eurovisión. Iso si, castelanizada a "Giraré". En todo caso, non foi escollida.

Na letra de "Terra", ademais do galego, hai espazo para outras linguas do Estado español, con fragmentos en castelán, catalán, vasco e en asturiano, unha inclusión de varios idiomas que quere reforzar a idea de que "non hai fronteiras", como se repite no seu retrouso, dende "Ez dago mugarik" a "Nun hai fronteres".

Francia, Finlandia, Noruega, Suíza ou Estonia escolleron cancións interpretadas en linguas distintas do idioma máis falado

Noutros países, en cambio, si que en varias ocasións cancións cantadas en linguas co-oficiais e minorizadas tiveron a oportunidade de representar os seus Estados no Festival de Eurovisión. Algo que sucedeu mesmo en países moito máis centralizados que o español (como, por exemplo, Francia) ou nos que as linguas distintas da máis falada teñen unha importancia social menor. 

En 1968 Serrat renunciou a representar a España se non lle permitían cantar "La, La, La" en catalán

En España foi moi comentada a situación que se creou no ano 1968, cando Joan Manuel Serrat renunciou a participar no Festival de Eurovisión coa canción "La, La, La" se non lle permitían cantala en catalán. 12 días antes da celebración do festival, remitiu unha carta aos medios de comunicación reclamando empregar o catalán. "Eu son e continúo sendo, por riba de todo, un cantante catalán e nesta lingua expreseime para cantar durante catro anos. Un home debe ser fiel a si mesmo e á xente que lle é fiel", escribía Serrat. O réxime franquista negouse a que a lingua catalá representase a España e substituíu a Serrat por Massiel, que finalmente obtivo a vitoria, mentres que o noi de Poble Sec pasou a sufrir un longo veto ata a chegada da democracia. 

As estatísticas xerais amosan que case 70 linguas participaron cando menos nunha ocasión en Eurovisión nos seus 65 anos de historia, aínda que entre as cancións gañadoras a diversidade foi menor: uns 15. 

Case 70 linguas participaron cando menos nunha ocasión en Eurovisión nos seus 65 anos de historia

Na listaxe de idiomas participantes (de forma total ou parcial) atopamos linguas minorizadas, coma o corso ("Mama Corsica", Francia, 1993), o bretón ("Diwanit bugale", Francia, 1996), o carelio ("Työlki ellää", Finlandia, 1990), o romanche ("Viver senza tei", Suíza, 1989), o crioulo antillano ("Monté la riviè", Francia, 1992), o sami do norte ("Spirit in the Sky", Noruega, 2019), a lingua tártara de Crimea ("1944", Ucraína, 2016), o võro ("Tii", Estonia, 2004) ou o samoxiciano ("Strazdas", Lituania, 1999). 

Tamén participaron varios dialectos (coa canción integramente cantada neles ou só de forma parcial), coma o napolitano representando a Italia ou o vienés e o austro-bávaro representando a Austria.

O catalán xa participou en varias ocasións no festival de Eurovisión representando a Andorra, onde é a lingua oficial

Cómpre sinalar que o catalán xa participou en varias ocasións no festival de Eurovisión representando a Andorra, onde é a lingua oficial. A primeira vez foi no 2004 cando Marta Roure cantou "Jugarem a estimar-nos". Como curiosidade, en Eurovisión tamén houbo cancións en idiomas inventados, as representantes de Bélxica en 2003 e 2008 e dos Países Baixos no 2006. Tamén estivo presente a lingua de signos dende o ano 2005, a través de cinco cancións que representaron a Letonia, Polonia, Lituania, Serbia e Francia.

Dende que en 1999 non se esixe participar cunha das linguas oficiais do país, a presenza do inglés disparouse. Con todo, Salvador Sobral demostrou que se podía gañar cun tema cantado en portugués

Entre 1965 e 1999 (agás un período entre 1973 e 1977) as normas esixían que as cancións participantes fosen interpretadas nalgunha das linguas oficiais dos países participantes. A partir de 1999 retirouse esta esixencia, o que incrementou a presenza de cancións cantadas en inglés, que acumularon un gran número de triunfos de forma consecutiva. A vitoria de Portugal no ano 2017 co "Amar pelos dois" de Salvador Sobral, interpretada en portugués, fixo que nos anos seguintes se incrementase a porcentaxe de temas en linguas propias, pasando a proporción de cancións cantadas total ou parcialmente en inglés do 80% ao 66%. 

Nese ano 2017 o PSOE chegou a levar ao Congreso unha proposición non de Lei para garantir que a canción española participante no Festival de Eurovisión se interprete nalgunha das linguas oficiais do Estado: castelán, catalán, galego e eúscaro, prohibindo deste xeito a presenza do inglés.

Dende o 2002 vén celebrándose o Liet-Lávlut, denominado tamén "o Eurovisión das linguas minorizadas"

A presenza das linguas minorizadas non é, polo tanto, estrañan en Eurovisión, representando de forma normalizada ao conxunto dos Estados nos que se falan. Algúns destes idiomas tamén veñen participando de forma habitual no Liet-Lávlut, denominado tamén "o Eurovisión das linguas minorizadas". Dende o 2002 celebráronse xa unha ducia de edicións, gañadas por cancións en catalán, sami, corso, feroés, frisón, bretón, ladino ou córnico. Galicia participou -en galego- en varias ocasións e durante algúns anos o tema escollido foi o gañador do concurso A polo Ghit de Vieiros, no que colaborou a Radio Galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.