- EN VINTE | Tanxugueiras dan un novo salto cara á música urbana con 'Midas'
- HEMEROTECA | Unha ducia de músicas galegas que poderían ir a Eurovisión
Tanxugueiras xa compiten oficialmente por chegar a Eurovisión. Décadas despois de que Xil Ríos caese da preselección cando lle quixeron impoñer o castelán no Xirarei que lle compuxera Juan Pardo e cando xa pasaron dez anos daquel Que me quiten lo bailao de Lucía Pérez, Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío optan a cantar en galego no espectáculo televisivo-musical máis emblemático de Europa.
Televisión Española confirmou este 10 de decembro que as pandeireteiras pasaron a primeira peneira e fan parte das catorce bandas e artistas incluídas na preselección da que sairá a súa representación no certame. A elección final chegará no reformulado Festival de Benidorm, que se celebra a finais de xaneiro e que dende 2022 será o espazo no que a corporación estatal selecciona a súa candidatura para Eurovision.
Tanxugueiras levan tempo tombando marcos sen abandonaren o terreo da música tradicional. As súas incursións nas músicas urbanas con Midas e Figa viraron nun dos fenómenos musicais máis potentes da escena galega dos anos vinte. Nesta liña, o pasado setembro, ascenderon con Figa ao máis alto da votación organizada pola pola web 'eurovision-spain.com' para coñecer as preferencias dos eurofans a respecto do tema que debería representar a TVE na edición 2022 do certame.
As pandeireteiras competirán con outras 13 bandas e artistas no Festival de Benidorm cun tema inédito titulado 'Terra', que será público este 23 de decembro
Como corresponde ás normas de Eurovisión, Tanxugueiras tiveron que incorporarse a esta carreira cun tema inédito. Titúlase Terra e será público o vindeiro 23 de decembro, cando RTVE organizará unha presentación en conferencia de prensa con todas as bandas e artistas participantes.
Para chegaren á final de Eurovisión, que acollerá a cidade italiana de Turín do 10 ao 12 de maio do ano vindeiro, Tanxugueiras competirán con outras trece candidaturas de estilos diversos. Dende as históricas Azúcar Moreno ata referencias da escena indie como Rigoberta Bandini, Javiera Mena ou Varry Brava. Blanca Paloma, Chanel, Gonzalo Hermida, Luna Ki, Marta Sango, Rayden, Sara Deop, Unique e Xeinn completan a preselección.
A dinámica do festival de Benidorm consistirá en senllas semifinais con sete praticipantes. De cada unha delas sairán catro bandas e artistas, as que reciban máis votos entre o xurado profesional e o público (composto á metade por votación telemática e por unha selección con criterios demoscópicos, indica RTVE). Esas oito candidaturas enfrontaranse na final definitiva.
Explica RTVE que tanto Tanxugueiras como as demais bandas conservarán o 100% dos dereitos de autoría dos temas participantes. Cúmprese así, di a empresa estatal, "unha reivindicación que vén dende hai anos por parte de compositores e artistas".