Ao Son da Nosa Música pretende conectar e difundir as actividades nas aulas arredor da música en galego e achegar ao alumnado as creacións artísticas. O proxect nace tras comprobaren os impulsores que a produción musical en galego era "maioritariamente descoñecida" nas aulas
Un estudo sobre hábitos musicais na rapazada de entre 10 e 18 anos advertía o pasado mércores que o 40% non coñece grupo ou artista ningún que cante en galego ou que o 80% non escoitaba música en lingua galega. Foron estes algúns dos resultados dunha enquisa entre máis dun milleiro de escolares realizada polo proxecto educativo Ao Son da Nosa Música.
Impulsado por Manuel Maseda e Martiño Ramos, e co obxectivo de conectar e difundir as actividades nas aulas arredor da música en galego e achegar aos centros as creacións artísticas, Ao Son da Nosa Música recompila reportaxes, impulsa unidades didácticas para levar a cabo unha radio escolar, fomenta a creación entre o alumnado ou achega conversas con artistas en pequenos vídeos con protagonistas como Belém Tajes, Chicho (Ortiga, Boyanka Kostova...), Guadi Galego, Nuno (Grande Amore), SÉS, Verto, Xabier Díaz, Baiuca, Uxía, Tanxugueiras ou García MC, entre outros.
A idea, explica Manuel Maseda, músico burelao, profesor no Milladoiro e formado en Maxisterio musical e Musicoloxía, xorde tras comprobar durante anos no seu contacto cos máis novos que a "importante produción musical de calidade en galego" do país era "maioritariamente descoñecida para o alumnado".
Conscientes de que hai "moitos factores" que determinan esta "dramática situación" coa invisibilidade da música en galego nalgunhas franxas de idade, Ao Son Da Nosa Música aposta por "abrir un debate social crítico e construtivo" que achegue camiños "non só nas escolas, senón no mundo artístico e tamén da política".
"A rapazada non coñece as propostas que lles traemos e logo sorpréndense de que tamén haxa xente que cante en galego os estilos e xéneros que lles gustan"
Mentres, o seu proxecto socio-educativo continúa facilitando materiais educativos para que, baixo licenza de creative commons, se poidan empregar nas aulas, onde pretenden facilitar a conexión da rapazada coa música creada en galego, ademais de conectar centros educativos equipos de dinamización da lingua, bibliotecas escolares, aulas de música, profesorado e comunidade educativa "que acreditan nas artes como ferramenta de construción masiva".
Contan coa complicidade de artistas. "Nunca poñen problema e sempre colaboran de boa gana", conta Maseda, que aclara que o proxecto achega todo tipo de estilos, sobre todo aqueles que máis conectan coa rapazada, así como novidades. "Imos desde Ortiga a Grande Amore, pasando por Tanxugueiras ou Xabier Díaz", lembra.
O traballo de investigación e a enquisa, que ampliarán resultados en poucas semanas, confirmaron tamén as sensacións que co proxecto tiñan nas aulas. "Polo xeral os rapaces non coñecen as propostas que lles traemos, pero son moi receptivos; logo, sorpréndense de que en xéneros e estilos que a eles lles gustan e que escoitan procedentes doutras partes do mundo e noutros idiomas, tamén haxa xente que os cante en galego", di.
"En ocasións o alumnado tarda en decatarse de que a letra é en galego porque non asocia un ritmo, unha sonoridade ou uns efectos á súa lingua; é fascinante"
De feito, explica Maseda, en moitas ocasións o alumnado "tarda tempo en decatarse de que a letra é en galego porque non asocian un ritmo, unha sonoridade ou uns efectos determinados ao seu idioma". "Iso é fascinante, pero tamén a proba de que se poden mudar as cousas, de que hai que quitar os prexuízos e de que calquera estilo musical é válido en calquera lingua e de que "a nosa idiosincrasia tamén se pode expresar con música en galego", engade.
Coa enquisa, ademais, ratifícase outra situación que resume Maseda: a ausencia ou o descoñecemento de referentes de música en galego para a rapazada adolescente e preadolescente. "O consumo de grupos como Ortiga ou Boyanka Kostova se cadra comeza aos 25-30 anos, pero que sucede entre os 15 e os 25? Esa era a pregunta que nos faciamos?", explica.
"O consumo de grupos como Ortiga ou Boyanka Kostova se cadra comeza aos 25-30 anos, pero que sucede entre os 15 e os 25?"
"O que vemos é que ata a Educación Primaria hai un achegamento da rapazada á música en galego por influxo dos pais, daqueles que ven a música como normalizadora da nosa cultura. Hai hai moitos referentes, desde Pakolas ata Mamá Cabra ou María Fumaça", conta Maseda. O problema chega despois e o profesor pide precisamente que se abra o debate sobre o descoñecemento que a música en lingua galega ten para a xente a partir da súa chegada ao instituto ou ao ensino secundario.
De aí tamén que Ao Son da Nosa Música busque, co seu proxecto, tecer rede e facilitar que toda esa morea de información e creatividade arredor da música en galego chegue á comunidade educativa e á rapazada. "Moitas veces é complexo malia que hai moitísimos proxectos interesantes", remata Maseda.