"É importante ir formando un público que se sinta culturalmente apegado á música tradicional galega"

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras © Caamaño & Ameixeiras

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras están a presentar o seu primeiro disco, 'Aire!', coas cancións que foron medrando xunto a elas desde que uniron o acordeón co violín para facer a música que as emociona

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño forman o dúo de folk Caamaño & Ameixeiras, que vén de editar o seu primeiro disco, Aire!, producido polo músico burgalés Diego Galaz, de Fetén Fetén. Recentemente foron galardoadas co Premio Martín Códax na categoría de música folk, unha distinción que outorga a asociación Músicas ao Vivo, que agrupa ao sector. 

A finais de 2018 formalizaron este dúo co que case non pararon de actuar, coa excepción da pandemia. A súa próxima cita sobre o escenario é o día 26 en Carballo, o 28 estarán én Évora (Portugal) e xa en decembro, o día 1, actuarán en Madrid. O 2 de decembro estarán en Pontevedra e o día 10 en Laxe. Para xaneiro visitarán Francia, concretamente a cidade de Pau.

Sabela, ti comezaches co acordeón aos sete anos e Antía, ti colliches a pandeireta aos cinco. A tradición musical e o respecto pola música vénvos da casa?

Sabela: Bueno, eu tamén comecei antes coa pandeireta e a gaita pero era algo aínda moi pouco serio. Era un primeiro achegamento. A miña familia non ten relación coa música, quitando que o meu pai é moi melómano e amante da música tradicional. Intentou que eu fora por aí, pero non me enganchou. O que pasa é que cando coñecín o acordeón xa foi amor a primeira vista.

Antía: Meus pais si que son moi melómanos e miña nai tocaba a guitarra, estivo nunha tuna e despois nun coro. Creo que é unha persoa moi musical, sempre cantou moito.

'Aire' é o primeiro disco do dúo Caamaño & Ameixeiras © Caamaño & Ameixeiras

"Creo que é moi importante que haxa mulleres referentes en todos os eidos, para que sexamos máis libres"

Que vos pasou co acordeón e o violín para que foran eses os instrumentos escollidos?

Sabela: Non sei dicir ben o que pasou, pero con outros instrumentos non tiven ese flash que tiven co acordeón. Atopábame ben tocando, era como que o instrumento se adaptaba moi ben ao meu corpo e gustábame o seu son. Non era necesario mandarme practicar porque xa saía de min.

Antía: Eu escollín o violín porque para min foi un frechazo xa desde que vin tocar a Luar na Lubre. Pero o ano que comecei no conservatorio non había violín e collín percusión. Eu vía a The Corrs na tele despois, e tiña a esas violinistas marabillosas de exemplo, en cambio cando tiña que tocar a batería non me sentía cómoda e agora penso que me faltaban referentes femininos que a tocaran. Non me acababa de gustar, notaba que era algo como moi masculino. Hoxe paréceme unha tolería, pero cando era nena estaba na miña cabeza e dicía que prefería tocar a marimba, por exemplo. Por iso, creo que é moi importante que haxa mulleres referentes en todos os eidos, para que sexamos máis libres.

Sabela: Eu non tiña tampouco ningunha referente no acordeón, fun descubrindo o instrumento por min mesma. É bonito como cada unha vai facendo o seu camiño musical, pero tamén é curioso como en pleno século XXI esteamos marcadas por eses estereotipos.

Ademais, ambas seguistes unha formación clásica no conservatorio.

Antía: Aí segue máis Sabela, eu abandonei o clásico antes. Xa tiña bastante claro que a música que me gustaba era a non tan académica, a música folk e tradicional. Sabela, de feito, segue a dar clase no conservatorio.

Sabela: Si, a min como que sempre me foron os mundos complementarios. Sempre convivín cos dous mundos, compaxinando a formación clásica co mundo da música tradicional.

Antía: Ter unha base clásica de técnica é moi importante. Eu sempre volvín, non para tocar música clásica, senón para seguir traballando na técnica.

"Cando saes de Galicia dáste conta da sorte que temos de ter unha tradición tan viva e tan rica"

Polo que contades, a vosa experiencia mestura o clásico coa música tradicional desde moi cedo.

Sabela: Eu fixen a formación superior, non tanto porque me quixera dedicar a ser concertista clásica. Senón porque o que me aportaba a nivel de formación técnica, artística e humanista paréceme interesante e, por suposto, moi aproveitable. Ao final, todo é música, e canto máis te formes máis fontes e referencias vas ter; máis mundos vai haber na túa cabeza para despois seguir nutríndote.

Antía: Hai moitos camiños para achegarse á música, e o da clásica é un dos que che aporta unha base máis sólida. Pero, obviamente non é o único, hai un montón de escolas marabillosas de música moderna, tradicional ou de jazz. E tamén está o de aprender pola túa conta, que é algo moi especial e valorable.

Sabela e Antía: Agora mesmo, Youtube é unha escola fantástica, se sabes utilizala.

Como vos coñecestes alá pola prepandemia? 

Antía: Foi unha casualidade moi bonita. Estabamos nun festival de baile e unha amiga común nos dixo que tiñamos que facer un dúo porque lle parecía que iamos cadrar moi ben. Daquela coñeciamonos de vista, porque o mundo do folk é pequeno ao final. E quedamos de escribirnos.

Sabela: Ao principio eran correos moi formais! Compartindo cancións e así...

Antía: E despois, pois fixémonos moi amigas e decidimos formalizar o noso dúo.

"A música tradicional axúdache a coñecer a idiosincrasia dos pobos"

Que papel xogan nas vosas influencias as agrupacións e escolas de música tradicional ás que estivestes vencelladas?

Antía: Eu estiven moitos anos na asociación cultural Adro de Baio, tocando a pandeireta e bailando. A min abriume moito a mente cara a música tradicional, tiven moita sorte cos profes, que foron Álex Insua e Marina Dourado. Ía todos os sábados encantada da vida. Ademais, sempre quería traducir os temas que me ensinaban ao violín. Despois estiven na Central Folque e iso xa foi relacionar o violín con algo que me gustaba moito máis que a música clásica. Poder compartir a música dunha maneira aberta, que ás veces é iso o que nos falta, conectando máis a través da música. As dúas fixemos un montón de cursos por aí adiante: en Francia, en Bulgaria, en Bélxica... Sempre me gustou moito moverme e facer viaxes musicais para coñecer outras tradicións e maneiras de tocar. 

Sabela: Ao ser unha música de tradición oral, o bonito é coñecela así.

Antía: Penso que a música tradicional axúdache a coñecer a idiosincrasia dos pobos e paréceme unha maneira moi bonita de viaxar.

Sabela: Eu tamén comecei na asociación do meu pobo, Oza dos Ríos, e tiña a Quique Peón de profe. A partir de aí xa seguín buscando esa formación alternativa ao conservatorio para profundar máis na música que me gustaba. Como di Antía, son músicas complementarias, pero son mundos aparte e cada un ten os seus retos.

Estamos nun momento de ′explosión′ das músicas tradicionais en todo o mundo. Esta onda de recoñecemento tamén vos influíu á hora de establecervos como dúo?

Antía: Creo que para nós a música tradicional sempre estivo aí. Eu nunca pensaría en montar un grupo de rock. Para min é a música coa que máis conecto, a que me fai vibrar. Alégrome moito de que estea en auxe, e creo que tamén é porque hai moita calidade, polo menos no noso país. Hai tantos músicos e músicas tan bos que están saíndo proxecto moi bonitos e interesantes.

Sabela: De entrada aquí en Galicia hai un substrato, culturalmente, moi de primeiro nivel. Sen desmerecer a ningunha tradición, cando saes de Galicia dáste conta da sorte que temos de ter unha tradición tan viva e tan rica.

Antía: Hai moito público que sae a bailar nas actuacións... A música tradicional está viva na sociedade.

Sabela: Ademais, hai moitísimas fontes e xéneros. É unha riqueza moi grande a que temos, e iso tamén permite que moita xente se interese por ela. Así, vaise xerando unha rede, para iso funcionan moi ben as asociacións culturais, porque é importante ir formando un público que se sinta culturalmente apegado á música tradicional.

"Todos os temas nos acompañaron desde os inicios e teñen moito valor sentimental"

Percibides un maior interese da xente nova pola música que facedes?

Antía: Si, si. Pero teño a impresión de que os adolescentes que agora están no instituto teñen moita desconexión co que se está a facer aquí, non hai moito coñecemento sobre a nosa música. Pero tamén creo que a partir dos vinte e pico, con proxectos como o de Baiuca ou as Tanxugueiras, se está a conectar moito.

Que significa para vós estar presentando Aire!?

Antía: É unha sorte. A pandemia paralizounos todo o proceso de gravación, pero tamén foi bonito porque neste tempo xurdiron outros temas. Madurou todo un pouco máis.

Sabela: Este disco é unha maneira de resumir o que é o proxecto desde o comezo ata hoxe. Todos os temas acompañaronnos desde os inicios e teñen moito valor sentimental, ao final as cancións evolucionan contigo e van madurando. Tamén nos fai ilusión que teña tan boa acollida, nos está a sorprender moito tanto cariño.

Antía: O certo é que nós fixemos unha aposta total porque neste disco puxemos moito amor, moitos aforros e moito moito tempo.

Sabela: E cando pos tanto sempre dá un pouco de medo.

Antía: Pero a día de hoxe sorprendémonos coa cantidade de concertos que nos están saíndo.

Sabela: Ademais está a conexión que sentimos coa xente nos directos, está a ser moi bonito. A primeira fornada do disco xa está esgotada e xa fixemos unha reedición. Entón, a verdade é que todo está a superar as nosas expectativas bastante.

Vides de recibir o premio Martín Códax na categoría folk, un alicerce máis?

Antía: Si. Dános folgos para seguir. Sempre ilusiona cando che recoñecen o traballo, e máis estes premios.

Sabela: Son unha referencia para os músicos e para a propia sociedade. Que se aposte pola visibilización da música que se fai aquí é moi necesario.

Antía: Músicas ao Vivo está a facer un traballo moi importante conseguindo que sexamos todas un equipo, facendo tribo. Sempre leo todos os correos que nos mandan porque te enteras de todo.

Sabela: Fan que te sintas parte dunha comunidade, e ao final xuntas é como nos facemos fortes.

Antía Ameixeiras co violín e Sabela Caamaño co acordeón © Caamaño & Ameixeiras

"Silvia Pérez Cruz foi moi xenerosa connosco"

Como foi o proceso do disco? Como chegou Diego Galaz á produción?

Antía: Foi unha casualidade. Aos de Fetén Fetén coñecémolos desde que eramos ben pequenas porque xa iamos aos cursos que facían.

Sabela: Ademais foi curioso que coincidimos nun curso cando aínda non nos coñecíamos, pero a cada unha lle tocou un profe distinto.

Antía: A cousa foi que un día estabamos na Cova Céltica da Coruña despois dun concerto e puxeron un vídeo noso, e a Diego gustoulle tanto que xa nos dixo nese momento que quería producir o disco.

Sabela: Foi un proceso moi orgánico, foron xurdindo cousas que aparecían no camiño e nos fomos deixando levar.

Antía: Estamos moi contenta co equipo que fomos creando para o disco.

Tedes unhas colaboracións moi destacadas, non si?

Antía: Pois si. A verdade é que, sen desmerecer ao resto, a primeira da que che sae falar é de Silvia Pérez Cruz. Foi unha pasada que se animara a cantar con nós.

Sabela: E tamén foi algo orgánico! Houbo que axudarlle un pouquiño ao Universo, pero tamén nola puxo no camiño.

Antía: Coñecémola nun curso de percusión ibérica coa xente de Coetus en Catalunya. Ela contounos que tiña unha avoa galega e que nunca cantara en galego. Así que o apuntamos nunha ′nota mental′ e cando lle comentamos de colaborar tampouco tiñamos moita esperanza.

Sabela: Díxonos que se lle emocionaba a canción, que a gravaba. E cando nos dixo que si foi moi especial, foi moi xenerosa connosco.

E como é levar esas colaboracións aos directos?

Sabela: O de Silvia aínda non puido ser, pero tocamos con Xavi Lozano varias veces e estamos encantadísimas de poder compartir música con el. Tamén puidemos tocar xa con Fetén Fetén, Apel·les Carod, Abraham Cupeiro e Carola Ortiz. Gústanos compartir música porque fai cada actuación máis especial. Tamén intentamos contar con músicos locais dos sitios onde imos porque nos enriquece moito, e aprendemos.

"Tamén nos gustaba empregar os nosos apelidos porque moitas veces pasounos de chegar a un sitio e que esperasen a dous homes"

Moita xente vos coñeceu por un vídeo dos vosos avós pronunciando o nome do dúo, como xurdiu a idea dese vídeo?

Sabela: O alicerce foi unha mensaxe dun festival de Londres ao que iamos ir tocar na que nos propoñían cambiar o noso nome porque era impronunciable.

Antía: Dicían que era un nome moi pouco vendible, que así non iamos a ningunha parte fóra de Galicia.

Sabela: E despois escoitámolo máis veces, era un tema recorrente. Que se era moi longo, que se fóra de Galicia nada... E nós pensabamos que se fósemos inglesas non nos farían mudar o noso nome.

Antía: Ademais, tamén nos gustaba empregar os nosos apelidos porque moitas veces pasounos de chegar a un sitio e que esperasen a dous homes.

Sabela: Si, gústanos xogar con esa expectativa xa.

Antía: Parece que só os homes se poñen o apelido de nome artístico.

Sabela: Para nós foi tamén un pouco de empoderamento feminino. Aparte de que estamos orgullosas dos nosos apelidos porque son moi sonoros e moi galegos.

Antía: Entón un día, falando cun rapaz que estudaba marketing, xurdiu a idea de facer un tutorial de pronunciación de Caamaño & Ameixeiras para apostar polo noso nome. Probamos a poñer aos nosos avós diante da cámara, e na primeira toma xa o tiñamos.

Sabela: Ademais, das dúas partes pasou o mesmo: os meus avós só eran capaces de dicir ben o meu apelido e os de Antía o dela. Foi moi divertido porque temos uns avós moi paveros. Despois, ao vídeo o único que lle fixemos foi poñerlle subtítulos en inglés, para que fose aínda máis internacional [risas].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.