"Foi case máis o que se falou na Península que o que nós estabamos a pasar alá", conta Alejandro Guillán, artífice de Baiuca, sobre a experiencia en Sudán en pleno golpe de Estado militar
A preocupación foi case maior en Galicia que en Sudán, pero o certo é que Baiuca vivíu unha experiencia desas que non se esquecen. Alejandro Guillán, o músico de Catoira artífice do proxecto Baiuca, permaneceu cinco días retido xunto ao resto da banda na embaixada española da capital de Sudán, Khartún, polo golpe de Estado militar que tomou o poder en plena transición cara a democracia no país.
Tanto Alejandro como o percusionista Xosé Lois Romero, a cantante Andrea Montero, o responsable das visuais da banda Adrián Canoura e o técnico de son Alfonso García remataron a aventura en perfecto estado e, despois duns días de descanso na casa, só pensan en volver aos escenarios. A primeira cita con Baiuca e o seu segundo disco, Embruxo, será o xoves, venres e sábado da semana que vén na sala Capitol de Santiago e o vindeiro domingo, día 14, no ciclo ′Que non pare a música′ no recinto feiral de Pontevedra.
Nesta ocasión ten moito sentido preguntarte, como estás?
Moi ben, na casa, aquí tranquilo xa despois de ter uns días de descanso. Nós estivemos ben en todo momento, tranquilos. Estabamos no mellor sitio posible, a verdade. Foi case máis o que se falou na Península que o que nós estabamos a pasar alá. Tivemos sorte de estar na residencia da embaixada no momento no que pasou todo, o feito de estar alí aloxados o fixo todo máis doado.
"Sempre che fai ilusión que se pense nas cousas feitas en Galicia"
Estabades en Khartún para participares no festival internacional de música Sama, era unha boa oportunidade para dar a coñecer o proxecto de Baiuca?
Si, era un festival no que participan varias institucións e no caso da embaixada española decidiron chamarnos a nós. Isto é de agradecer, en parte, porque cando se fala da ′marca España′ sempre se levan proxectos de flamenco ou así... e sempre che fai ilusión que se pense nas cousas feitas en Galicia e no norte. Iamos con moita ilusión. Chegamos o domingo á noite [catro horas antes do inicio do golpe de Estado] e estaba todo moi tranquilo. Fomos directos á residencia e cando espertamos ao día seguinte foi cando soubemos da situación. Tiñamos que ir ensaiar o luns a Omdurmán, que é a cidade que está pegada a Khartún. Iamos intentar crear música cuns grupos sudaneses que ían tocar connosco no concerto algunhas pezas. Pero xa non chegamos a saír da residencia da embaixada española.
"A verdade é que non sentimos perigo, só houbo que ter paciencia ata que puidemos saír"
E percibistes algo do que estaba a pasar fóra?
Practicamente non. Estabamos nunha zona moi tranquila, non onde se estaba a manifestar a xente. Si que se vía polas fiestras como saía o fume das rodas queimadas, pero pouco máis. A verdade é que non sentimos perigo, só houbo que ter paciencia ata que puidemos saír [na tarde do pasado venres].
Despois veu a peripecia dos voos.
Pois si. Tiñamos un voo que foi cancelado, mercamos outro que tamén e ao final a mellor opción foi ir a Adís Abeba [capital de Etiopía] para despois dende alí voar ata Roma. E de Roma a Madrid. Ata chegar a Galicia foron 36 horas desde que saímos de Khartún.
Que é o que máis che apetece agora?
Do que máis ganas teño agora é de volver a tocar, cando estabamos volvendo de alá era o que tiña en mente todo o tempo. Imaxinaba xa a xente nas salas, por fin, bailando e podendo desfrutar dos concertos. Pero estamos a ter moitísimos problemas coa capacidade da sala Capitol en Santiago para os concertos. Parecía que se podía facer o concerto co ′aforo completo′ pero como a norma di que hai que manter a distancia de seguridade nos atopamos con problemas. Xa estaba todo esgotado para o xoves 11 e tiñamos a data a maiores do venres, pero agora xa faremos concerto tamén o sábado. Entendo que para a xente está a ser difícil, espero que comprendan as dificultades que temos.
"Volvendo de Sudán imaxinaba a xente nas salas, por fin, bailando e podendo gozar dos concertos"
Pero volver e ter presentar o novo disco tres días seguidos na Capitol é cousa boa, non si?
Si, si. Estou contentísimo. Tocar en Santiago para min é algo tan especial... Hai un montón que non toco alí, é unha cidade na que vivín case cinco anos e para min é unha data que agardo con moita gana. Xa estou preparando cousas no estudo e pensando en que cancións tocar... Cada viaxe que fago me axuda a volver despois con máis ganas a traballar para seguir cara a adiante coa miña música.
"Cando volveu a conexión comezamos ver as mensaxes de apoio e da xente que estaba preocupada por nós"
Máis aínda despois das mostras de agarimo da xente nestes días?
Si. Eu primeiro agradezo aos que me acompañaron nesta viaxe porque fixemos máis piña que nunca estando alí. É moi doado viaxar con persoas tan marabillosas como eles, que sabes que en todo momento vas estar arroupado para levalo da mellor maneira posible. Tamén agradezo todo o traballo de Raso Estudio para que puidésemos saír de Sudán, foi un traballo magnífico o que fixeron. Como tamén foi o trato na embaixada de Sudán, especialmente do cónsul Alfonso Herrero.
Pero si, tiñamos un montón de mensaxes da xente. Alí estivemos sen conexión de móbil case todos os días. Puidemos falar un día coas nosas familias, que estaban informadas pola Policía da embaixada, que podían chamar. Cando volveu a conexión comezamos ver as mensaxes de apoio e da xente que estaba preocupada por nós... É moito de agradecer o feito de saber que hai tanta xente que se preocupa por ti.
"Apostei por algo que non sabía se ía funcionar, obviamente, pero fíxeno para que a xente o puidera escoitar, apreciar e valorar o que temos en Galicia"
Despois do rotundo éxito de Solpor, que significa este Embruxo para a túa carreira?
Creo que é o disco de –non sei se consagración é a palabra– pero si de dicir que isto segue cara a adiante e que teño moito que contar. Cando un saca un primeiro disco está a dúbida de saber o que vai pasar, pero eu sabía en todo momento que un segundo disco ía saír e teño ganas tamén dun terceiro. Facer un disco novo é unha tarefa que non é doada, leva moito tempo e tes que planificalo todo moi ben. Por iso sempre quedo súper orgulloso do traballo que fago, e contento co resultado, porque lle dedico ese tempo que creo que un disco longo merece. Lembro que o día que rematei Embruxo foi súper ilusionante, creo que é un disco que está funcionando ben e que a xente o está a acoller moi ben. Penso que a xente aínda está a descubrir o disco, pero hai cancións que xa van quedar: como Veleno. Traballar con Rodrigo Cuevas foi súper bonito e xa estamos en contacto para facer cousas novas. Para min Embruxo xa é un disco tan importante como Solpor.
Falar de ′éxito′ ou ′consagración′ pode resultar baleiro, mais no teu caso tiveches sempre unha aposta clara pola música que querías facer, alén das etiquetas?
Eu en todo momento fago o que me apetece e iso tamén axuda a que a música saia dunha forma moi natural. É así, fago o que me gusta e con quen quero. Apostei por algo que non sabía se ía funcionar, obviamente, pero fíxeno para que a xente o puidera escoitar e apreciar. Tamén para que se puidera valorar todo o que temos aquí en Galicia.