O golpe de estado en Sudán sorprende a banda galega Baiuca na capital do país, onde ía pechar o festival de música Sama

Actuación de Baiuca. De esquerda a dereita: Xosé Lois Romero, Alejandro Guillán, Adrián Canoura e as cantareiras Alejandra e Andrea Montero © Raso Estudio

 

Baiuca tiña unha actuación no Sama Music Festival este martes, que quedou suspendida polo golpe de estado militar. Os membros da banda están na embaixada española en Khartún desde o domingo

Catro horas antes de que se declarase o golpe de estado en Sudán chegaba a Khartún a banda galega Baiuca para participar no festival de música Sama, do que eran cabeza de cartel. Agora mesmo, con toda a incerteza derivada da acción militar no país, atópanse na embaixada española o propio Baiuca, Alejandro Guillán; o percusionista Xosé Lois Romero; a cantareira Andrea Montero; o responsable das visuais da banda Adrián Canoura; e o técnico de son Alfonso García.

"Non temos maneira de comunicarnos con eles directamente de ningunha forma. Nin por teléfono nin a través de internet. Os aeroportos están pechados e a situación é complicada de xestionar a distancia. O único enlace que temos é unha persoa da embaixada", conta a Praza.gal o mánager da banda, Alan Queipo, de Raso Estudio, quen asegura que están "no lugar máis seguro".

Concerto de Baiuca en Lugo, este outubro durante as festas do San Froilán

"O único que nos preocupa é que poidan volver canto antes, pero ninguén sabe dicirnos nada", di o mánager Alan Queipo

Os cinco galegos xa ían durmir nas instalacións da embaixada española en Khartún, na capital do país, a onde se dirixiron na noite do domingo desde o aeroporto. "En principio o risco para eles é mínimo, pero a situación no país é todo incerteza. Eles están protexidos pola Policía na embaixada", asegura Alan Queipo, que está en contacto permanente coa embaixada. 

Desde a Oficina de Información Diplomática do Ministerio de Asuntos Exteriores confirmaron a Praza.gal que lles están a prestar "asistencia consular dadas as circunstancias actuais do país". "O único que nos preocupa é que poidan volver canto antes, pero ninguén sabe dicirnos nada porque aínda non está certificado quen vai gobernar despois do golpe de estado", engade. O Exército de Sudán anunciou o luns a toma do poder, a disolución do Goberno de transición e a detención de varios cargos políticos, entre eles o primeiro ministro Abdallah Hamdok.

"Estiveron mandándome vídeos desde a embaixada e mostrándome onde ían durmir. Estaban ben", conta Alan Queipo da última vez que se comunicou con eles

O concerto no Sama Music Festival, previsto para este martes 26 de outubro, quedou suspendido. "Pero eles chegaron nun día no que non pasaba nada, de feito se ves as redes do festival durante todo o mes os concertos sucedéronse con normalidade. E eles ían facer a actuación de peche, como cabezas de cartel. O pasa é que tiveron a mala sorte de chegar catro horas antes de que se producira o golpe de estado", salienta Alan Queipo.

A última conexión que estableceu con eles o seu mánager foi no momento da chegada a Sudán: "Estiveron mandándome vídeos desde a embaixada e mostrándome onde ían durmir. Estaban ben". Ao longo da tarde deste martes, Queipo confirmou na Radio Galega que os cinco galegos puideron falar xa coas súas familias

Queipo sinala que durante todo o tempo no que se preparou a viaxe a Khartún para participaren no festival a principal preocupación foi a seguridade. "Dicíannos que Khartún estaba a ser un exemplo e que non había problemas de ningún tipo, pero a realidade é que chegaron catro horas antes de que os houbera", lamenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.