"O galego está practicamente desaparecido dos hábitos de consumo musicais da rapazada galega". É a contundente conclusión á que chega unha enquisa realizada entre máis dun milleiro de escolares de Galicia polo proxecto socio-educativo Ao Son da Nosa Música.
"O galego está practicamente desaparecido dos hábitos de consumo musicais da rapazada galega", conclúe unha enquisa entre máis dun milleiro de escolares
Esta iniciativa, que busca "conectar e difundir de xeito colaborativo a actividade que se fai nas aulas dos centros escolares arredor da música en galego e achegar ás aulas as creacións artísticas", levou a cabo un traballo de investigación durante os pasados meses de outubro e novembro en 20 centros educativos galegos das catro provincias coa participación do alumnado desde 5º de Primaria ata 2º de Bacharelato, entre os 10 e os 18 anos aproximadamente.
Os datos son moi reveladores: un 80% das persoas consultadas confesa que nunca ou case nunca escoita música en galego, máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.
O 80% dos escolares di que nunca ou case nunca escoita música en galego, máis do 50% nunca asistiu a un concerto en galego e un 40% non coñece artista ningún que cante en galego
"Coa enquisa queríamos dar fe dunha situación que levamos observando anos en referencia aos usos e costumes da rapazada, desde o punto de vista educativo, pero tamén desde o punto de vista social", di Manuel Maseda, músico burelao, profesor no Milladoiro, formado en Maxisterio musical e Musicoloxía e un dos impulsores do proxecto Ao Son da Nosa Música xunto con Martiño Ramos Soto.
"Non pretendemos que escoiten música en galego, non impoñer nada, senón que a coñezan", insiste sobre a "situación de emerxencia" que, explica, supón que "haxa que visibilizar algo que non é visible".
O 50% dos escolares asegura que escoita poucas veces cancións en galego nas aulas de música e o 27% di que nunca
A enquisa, explican no proxecto, puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, "poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade". Como exemplo, a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación. "O cuestionario revela ausencia da música en galego nas propias aulas de música", cun cun 50% que responde escoitala poucas veces e un 27% nunca.
En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e a danza.
Por outra banda, Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas en galego máis coñecidas pola rapazada, mentres que o pop, o reggaetón e o rap son os xéneros preferidos polos adolescentes, cun 64%, 53% e 44% respectivamente.
Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas en galego máis coñecidas pola rapazada
Ademais, en relación aos hábitos de consumo de música, un 62% di que nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo, un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades.
O inquérito tamén pide a valoración do alumnado sobre a importancia da música na súa vida e o 29% asegura que é moi importante, fronte ao 21% que di que é importante e outro 21% que responde que bastante importante.
Respecto sobre quen inflúe máis nos gustos musicais, a maioría responde que as redes sociais e os grupos de amizade, mentres que o 26,8% asegura que comparte música nas redes sociais e case o 33% que o fai ás veces. Ademais, o 44,4% recoñece que descarga música de balde de internet e o 39,1% que emprega o altofalante con volume alto como medio de reprodución cando está con amigos fóra da casa.
En canto ao dispositivo máis empregado, o móbil é claramente o máis usado para escoitar música. Ademais, case o 80% do alumnado enquisado asegura que non aprende música fóra do centro de ensino.