O detallado estudo elaborado pola Real Academia Galega (RAG) sobre a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO evidenciou a baixa competencia que unha gran parte da rapazada que remata o ensino obrigatorio ten en galego. Ademais, destacou que esa escasa capacidade coa lingua galega acentúase de maneira moi clara nos centros privados e concertados e urbanos, sendo a mocidade galegofalante e de ámbito rural a que mantén unha competencia máis equilibrada dos dous idiomas.
O informe da RAG destaca que a presenza do galego nas aulas dos centros privados e concertados é "residual"
O estudo da RAG, baseado nunha mostra de 26 centros e case 600 rapaces de 4º da ESO no curso 2018-19, evidencia a moita menor presenza do galego no ensino privado e o menor coñecemento da lingua por parte do seu alumnado, case unha década despois da aplicación do polémico Decreto 79/2010 (chamado do plurilingüismo), cuxo efecto sobre a lingua galega na mocidade é criticada pola propia Academia, tanto no informe como na súa presentación, onde pediu unha "revisión a fondo" da actual política lingúística educativa.
Algúns datos deitan luz sobre a precaria situación do galego, especialmente nos centros de titularidade privada. En canto á lingua da escrita, tal e como destaca o estudo, "en todos os casos a maioría do alumnado respondeu que nas súas aulas o castelán tiña máis presenza ca o galego, se ben nos centros públicos os resultados están máis próximos, mentres que nos concertados e privados o galego ten unha presenza residual".
O 95% do alumnado do último curso de ESO dos centros privados indica que a lingua nas clases era maioritariamente ou exclusivamente o castelán
Abofé que é escasísima. A nivel global, máis dun 61% do alumnado no final do ensino obrigatorio indica que a lingua da escrita na aula era o castelán, fronte a un 38,6% que sinala o galego.
Pero de entrar en máis detalle, e en canto ao idioma nas clases segundo a titularidade do centro educativo, os datos son aínda máis definitorios. Case un 95% do alumnado no último curso da ESO dos centros privados indica que a lingua da escrita e de lectura era maioritariamente o castelán ou só o castelán, fronte ao 5,3% que asegura que se usaba máis o galego. No caso deste ensino, ninguén respondeu á opción "practicamente todo en galego", que no caso da concertada é dun escaso 2,1%.
Precisamente, no ensino concertado a presenza do galego como lingua da escrita e da lectura nas aulas é tamén residual, cun 81,4% do alumnado que indica que o castelán é exclusivo ou maioritario, fronte ao 16,6% que advirte de que o galego ten maior presenza.
Nos centros públicos, o equilibrio é moito maior: case o 49% do seu alumnado di que o galego é maioritario ou exclusivo na aula
É nos centros públicos onde, malia a preponderancia do castelán, o equilibrio é moito maior. Así, case o 49% do alumnado que remataba a ESO indicaba que a lingua da escrita e de lectura era maioritariamente o galego ou só o galego nas súas clases, fronte a case o 50% que aseguraba que se usaba máis o castelán e un escaso 1,9% que manifestaba que as aulas eran exclusivamente en lingua castelá.
O estudo da RAG tamén constata que "o alumnado dos centros públicos acada unhas competencias escritas en galego maiores ca o alumnado dos centros privados", mentres que no que toca ao castelán, "os resultados son semellantes nos centros públicos, privados e concertados".
Estes datos, e outros moitos que achega o informe, permiten, como destacan os autores, "establecer un perfil xeral do alumnado que denominamos centennial, nacido xa neste século e que no curso 2018/2019 estaba a rematar o ensino obrigatorio, e que polo tanto conviviu co Decreto 79/2010 durante a maior parte da súa escolarización".
"Os datos da investigación permiten comprobar ata que punto se afirma e agudiza o desequilibrio detectado hai dez anos”
Vistos os resultados destes e doutros estudos, pouco o nada se avanzou nese obxectivo básico que marca a Lei de Normalización Lingüística de que o alumnado remate a educación obrigatoria con capacidade para empregar de forma correcta, adecuada e eficaz as dúas linguas oficiais de Galicia. "A realidade evidencia unha situación que non podemos aceptar", advertiu este martes o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
“Os datos recollidos nesta investigación e as análises realizadas non achegan cambios cualitativos en relación á de 2009 que se tomou como referente, pero compróbase ata que punto se afirma e agudiza o desequilibrio detectado hai dez anos”, detallou tamén Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia.