O alumnado que remata a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) faino cunha competencia aceptable nas dúas linguas oficiais, aínda que cun "importante desequilibrio" a favor do castelán e en detrimento do galego que se acentúa moito máis no ensino privado e urbano.
"Son os galegofalantes iniciais, especialmente nos centros públicos, os que acadan unha competencia lingüística máis equilibrada entre galego e castelán"
Esta é unha das conclusións que se tira do completo estudo sobre a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO elaborado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG) e presentado este martes na Deputación de Pontevedra.
O informe, baseado nun estudo feito en 26 centros educativos sobre case 600 estudantes no curso 2018/19, pon o foco nos centennials, xeración nada a comezos do século XXI e parte da poboación que se pode considerar xa verdadeiramente dixital. Nel, constátase que "son os galegofalantes iniciais, especialmente nos centros públicos, os que acadan unha competencia lingüística máis equilibrada entre galego e castelán", como destacou a investigadora María López Sández, coordinadora do traballo.
Xa que logo, a medida que a mocidade se asenta nunha contorna máis urbanizada e acode máis a centros privados, menos competencia ten en lingua galega e máis desequlibrio a prol do castelán. Entre a rapazada galegofalante, pola contra, o dominio dos dous idiomas é similar e é nela onde se asenta un bilingüísmo real.
Máis dun 35% do alumnado castelanfalante que remata a ESO ten unha escasa competencia en galego
Os datos do estudo son claros: máis dun 35% do alumnado castelanfalante que remata a ESO ten unha escasa competencia en galego, unha cifra que aumenta se está escolarizado en centros privados, onde a capacidade oral e escrita é moi precaria malia que, como destaca a RAG, que chama a atención no feito de que "non se atoparon diferenzas entre os centros privados e públicos nas cualificacións académicas en lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura".
Así, de ter en conta o perfil lingüístico baseado na competencia léxica segundo a titularidade do centro, nos centros públicos o 43,9% do alumnado ten unhas competencias gramaticais altas nas dúas linguas e e un 32,3% alta en galego e media en castelá. En total, un 75% acada uns valores altos en gramática en galego.
O 75% do alumnado de centros públicos ten competencias altas en galego fronte ao 50% no ensino privado
Pola contra, nos centros privados o 35% acada unhas competencias altas nas dúas linguas e un 50% medias, mentres que só un 15% puntúa alto en galego e medio en castelá, polo que só a metade do alumnado obtén valores altos a nivel gramático en galego.
No ensino concertado, as cifras son un chisco diferentes ao privado, cun 43,3% do alumnado cunhas competencias altas nas dúas linguas e un 39,6% con medias, mentres que só un 17,2% puntúa alto en galego e medio en castelá. Xa que logo, o 60% do alumnado obtén valores altos en gramática en lingua galega.
Como resume a Academia, arredor dun 55% do alumnado dos centros privados e un 40% dos concertados remata o ensino obrigatorio cunha aceptable capacidade para expresarse por escrito en castelán pero con problemas para facelo en galego, mentres que nos institutos de titularidade pública esta porcentaxe se reduce a menos da metade.
“O alumnado de centros públicos remata o ensino obrigatorio cunhas competencias superiores en galego, incluso as subcompetencias comunicativas orais son máis elevadas no apartado de fonética e gramática”, detalla o estudo neste punto.
"A titularidade do centro si discrimina nas competencias en galego, xa que o alumnado dos centros públicos acada as mellores competencias nesta lingua"
Ademais, e segundo o estudo feito pola RAG, o perfil do alumnado bilingüe de nivel medio alto nas dúas linguas é o máis habitual nos centros públicos (42,2%), fronte ao 29,9% nos centros privados e concentrados.
Tal e como destaca o informe, a titularidade do centro "si discrimina nas competencias en galego, xa que o alumnado dos centros públicos acada as mellores competencias nesta lingua nas capacidades comunicativas escritas e de coñecemento do código". "Os centennials dos institutos públicos rematan a ESO cunha competencia semellante en ambas as linguas, en contraste co que acontece na rede privada, onde se gradúan cun dominio bastante máis deficiente en galego ca en castelán", di a RAG.
O seu presidente, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, Henrique Monteagudo; e a investigadora María López Sández, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora do grupo de traballo do proxecto; xunto coa deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, expuxeron en rolda de prensa os principais resultados do estudo.
"O modelo lingüístico vixente no sistema educativo está consolidando os desequilibrios existentes no canto de compensalos", denuncia Freixanes
Segundo destacaron, os resultados poñen de relevo a importancia da escola para a adquisición das competencias escritas e o coñecemento do código, mentres que a lingua familiar se revela como o contexto de maior importancia para o desenvolvemento da oralidade. O presidente da RAG advertiu que o informe constata que "o modelo lingüístico vixente no sistema educativo está consolidando os desequilibrios existentes no canto de compensalos" e reclamou medidas de diversa natureza para reverter o retroceso do galego na mocidade.
Así, e ademais da titularidade do centro, o estudo tamén destaca que o dominio parello dos dous idiomas está relacionado cun perfil de estudante que ten a lingua galega presente na súa vida cotiá, dende a familia ata a escola.
"Se os obxectivos estratéxicos da educación obrigatoria contemplan que se logre unha competencia plena nos dous idiomas oficiais, galego e castelán, a realidade evidencia unha situación que non podemos aceptar”, expresou Víctor F. Freixanes.
“Coidamos que é necesario unha revisión a fondo da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego fóra das aulas”, salientou. “Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego. Por moitos discursos e moita retórica que fagamos, a escola segue sendo o alicerce do futuro do idioma, moi principalmente nos primeiros niveis do ensino”, concluíu.
A RAG pide unha "revisión a fondo" da actual política educativa verbo da lingua galega e aclara que non pode "aceptar" a realidade actual nas aulas
A investigación –coordinada por Xaquín Loredo, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG, e Bieito Silva, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC– replicou, con pequenos axustes, outra semellante realizada polo Instituto de Ciencias da Educación da USC no ano 2009. Ambas as dúas tiñan como obxectivo determinar o grao de cumprimento dese obxectivo establecido na Lei de Normalización Lingüística de que o alumnado debe rematar a educación obrigatoria con capacidade para empregar de forma correcta, adecuada e eficaz as dúas linguas oficiais de Galicia.
O 70% do alumnado fala sempre ou case sempre castelán
Case o 44 % dos preto de 600 estudantes de 26 centros de secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou o castelán e, nunha proporción menor, o 18,1% sinalou o galego. En canto á lingua de uso maioritario, case o 70% respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso similar do galego o 30%.
O traballo describiu a presenza dun importante sector de alumnado cunha escasa competencia en galego. Esta debilidade atinxe fundamentalmente á capacidade para comunicarse oralmente e á comprensión léxica, e afecta sobre todo a mozos e mozas principalmente castelanfalantes que residen no urbano ou periurbano galego. A porcentaxe de estudantes con este perfil acada cifras entre un 35% para a competencia léxica e un 40% para a oralidade, se ben existen notables diferenzas de xénero na expresión oral, máis pobre entre os rapaces.
“Os datos recollidos nesta investigación e as análises realizadas non achegan cambios cualitativos en relación á investigación de 2009 que se tomou como referente, pero compróbase ata que punto se afirma e agudiza o desequilibrio detectado hai dez anos”, detalla Henrique Monteagudo.