Non puido ser. O voto do xurado impediu que "Terra" chegar á final do festival de Eurovisión do vindeiro mes de maio. Porén, a actuación das Tanxugueiras deixa semente de vencer. Non só impulsa a carreira do trío, que suma millóns de escoitas nas últimas semanas, colaboracións con artistas como Rayden ou Muerdo e unha completa axenda de concertos para os vindeiros meses, senón que "Terra" o xerou un proceso de unión colectiva (e de anoxo, posteriormente) como había tempo que non se vía en Galicia.
Varios colexios e institutos gravaron vídeos nos que cantan, bailan e mesmo interpretan en lingua de signos a canción do trío de pandereteiras. Ademais, na rede podemos atopar ducias de vídeo-reaccións á decisión do xurado e mesmo versións do tema a cargo de grupos como La Pegatina
Así quedou claro nas noites do mércores e o sábado nas redes sociais. E así o demostra tamén a gran cantidade de vídeos gravados en colexios galegos nos que nenos e nenas cantan o tema das Tanxugueiras ou mesmo traducen a súa letra a lingua de signos. As interpretacións colectivas tamén se converteron en flashmobs nalgúns lugares e mesmo soaron en clases de zumba. E, ademais, hai ducias de video-reaccións gravadas durante a actuación das pandereteiras ou analizando a votación do xurado.
Un dos vídeos máis destacados foi o gravado polo alumnado de 5º A do Colexio Quiroga Palacios de Compostela. Estes rapaces e rapazas interpretaron "Terra" en lingua de signos e, ademais, interpretan a canción neste vídeo.
De igual xeito, o alumnado do Colexio Concepción Arenal de Ourense celebrou o Día da Paz, o pasado 28 de xaneiro, ao son de "Terra".
Non foron os únicos coles nos que as Tanxugueiras foron protagonistas nas últimas semanas (e meses). En novembro o trío estivo no CEIP Ricardo Gurriarán do Barco de Valdeorras, como se ve neste vídeo de Somos Comarca. Alí amosáronlles aos nenos e nenas como tocar a pandeireta, achegando a música tradicional aos máis pequenos e destacando que "a cultura galega e a lingua galega son modernidade".
Así mesmo, o pasado venres Gondomar acolleu unha flashmob (baile colectivo coreografiado) realizado por 70 alumnos e alumnas, profesorado e persoal da limpeza do IES Auga da Laxe. O resultado final, gravado polo xornal dixital ValmiñorTV, foi resultado de dez días de ensaios.
Pero é que hai moito máis. O paso de "Terra" polo Benidorm Fest foi comentado en vídeo-reaccións, como esta de Olaxonmario. Foi seguida en directo polo #DígochoEu e a súa media ducia de colaboradores e colaboradoras. E a chegada a Galicia do trío foi emitido pola TVG, que falou con elas no aeroporto Rosalía de Castro de Compostela.
Durante a fin de semana a súa actuación foi saudada nas redes sociais por un gran número de artistas e grupos galegos e doutros territorios. Algúns, como La Pegatina, mesmo se atreveron a versionar "Terra".
E, xa para rematar, durante esta fin de semana mesmo houbo tempo para traducir ao galego o 'SloMo' de Chanel. Fíxoo primeiro Ledicia Costas neste fío de twitter. E, posteriormente, o músico Iago Gordillo mesmo se atreveu a cantar a versión.