• Entrevista | Martin Wu (The Homens)
  • Cultura

"É curioso que a explosión da música en galego se dea cando as cifras de falantes son desastrosas"

The Homens: Martin Wu, LeRoi e Xocas © Rocío Cibes

The Homens volven aos escenarios. O concerto do venres que vén na Sala Mardi Gras da Coruña será o primeiro de varias actuacións en salas, coa gravación dun novo disco no horizonte

The Homens volven aos escenarios, pero agora de verdade, "con todas as consecuencias". A banda compostelá gravou o seu último disco no ano 2009 e deixou os escenarios en 2010. Dende entón houbo varios retornos puntuais: no 2013 en sesión vermú, no 2015 para un concerto moi especial na Sala Capitol ou en 2019 no Grelo Folk, de novo sen continuidade. Pero desta volta o regreso vai en serio, con xira por salas e novo disco no horizonte.

O vindeiro venres 21 The Homens actúan na Sala Mardi Gras da Coruña, un dos templos da música en Galicia, con entradas xa á venda. Xa o pasado mes de setembro a banda tocou no festival Psicotroita de Sigüeiro, en ensaio exitoso que os animou a meterse de novo nas súas icónicas camisolas de raias negras e brancas.

Entre os ano 2005 e 2009 Martin Wu, Le Roi e Xocas gravaron dous eps (#1 e #2) e dous discos longos (Tres e Cuarta Potencia), nos que despregaron un pop-rock de guitarras aceleradas, melodías luminosas e retrousos brillantes e coreables, powerpop en galego con pequenos himnos do seu tempo como Calamar, Sandra Dee, Desaparece, Cen Días ou Tigre, Tigre. E rachando tópicos hoxe impensables sobre o feito de cantar pop en galego. 

The Homens, no Psicotroita de Sigüeiro, o pasado mes de setembro © Prsicotroita / David Lomba

"A idea é volver con todas as consecuencias. As outras veces que nos xuntáramos para un concerto puntual, a cousa debíase a que alguén nos convidara para unha ocasión especial e cadraba que nos apetecía facelo. Pero desta volta é diferente"

Despois pasoulles por riba a vida, podería dicirse. Obrigas laborais, familiares ou o feito de vivir en cidades e mesmo países distintos impediron a continuidade dun trío que si funcionou como dúo en Grampoder (Martiño e Roi). Aínda que houbo mesmo algún tema novo, coma o que publicaron en 2020, Verán sen fin, estreado en Vinte, os concertos foron esporádicos, cando a banda sempre fora un animal de escenario, con preto de 200 actuacións nos seus catro ou cinco anos de maior actividade. 

O retorno de The Homens sempre estivo enriba da mesa como unha opción, unha posibilidade que agora, por fin, faise realidade. O concerto do vindeiro venres na Mardi será un acontecemento xeracional, un desfile de camisolas de raias, unha festa de nostalxia pero tamén de futuro, coa oportunidade de darse a coñecer a novas camadas. Vai ser, seguro, un concertazo. Falamos con Martin Wu (Martiño Suárez), guitarra e voz da banda.

Volven Oasis, Linkin Park, Radiohead... Tamén tiña que volver The Homens, non si? A facer caixa?

Si, jaja, ese non vai ser o motivo, seguramente.

Agora en serio: nos últimos anos, de forma periódica fixestes algún concerto, en 2013, en 2015 na Capitol, en 2019... Pero aquilo non supuxo o retorno real da banda. Agora é distinto?

Si, a idea é volver con todas as consecuencias. As outras veces que nos xuntáramos para un concerto puntual, a cousa debíase a que alguén nos convidara para unha ocasión especial e cadraba que nos apetecía facelo. Pero desta volta é diferente: temos algo máis de tempo, estamos os tres aquí en Santiago e a intención é ir facendo uns cantos concertos en salas e, de cara á primavera, gravar algo novo porque tampouco ten moito sentido vivir das cancións de hai quince anos.

"A intención é ir facendo uns cantos concertos en salas e, de cara á primavera, gravar algo novo porque tampouco ten moito sentido vivir das cancións de hai quince anos"

Hai uns anos dicías nunha entrevista, falando dos motivos polos que The Homens non puidera continuar tocando que "o indie é aquilo que che pasa antes de que a vida che pase por riba". Tivestes fillos, Xocas marchou traballar fóra de Galicia..., por distintos motivos foi imposible a continuidade. Agora si?

Si, é así, totalmente. Agora vivimos os tres - Xocas, Roi e mais e- en Santiago e resulta máis doado. Aínda que por exemplo Cristovo [o cuarto integrante da formación a partir de 2009] non vive por aquí. Non sei se se incorporará nalgún momento, pero de momento está fóra.

Como foi o concerto do Psicotroita? Como se sentiu volver aos escenarios como The Homens?

O do Psicotroita foi algo que nos propuxo Manuel, de Familia Caamagno, a través de Tremendo Audiovisual e a verdade é que estivo moi ben. Vimos que aínda hai xente que se acorda de nós, parece que había xente que tiña ganas de volver escoitar as nosas cancións en directo, mesmo xente nova que nunca nos vira. Ese concerto reforzou esa idea de volver que tiñamos. Pero a nosa idea nunca foi regresar para tocar as mesmas cancións de sempre. Xa en Sigüeiro tocamos un par de cancións novas que estivemos facendo mentres ensaiabamos para ese concerto. E agora temos xa bastante material novo e a idea é a finais de primavera ir a gravar e renovar un pouco o catálogo.

Martin Wu (The Homens) nunha actuación © The Homens

"O marabilloso do momento actual da música en Galicia é que hai un montón de grupos facendo música en galego en todos os estilos, con naturalidade e que iso xa non chama a atención. É curioso que a explosión da música en galego se dá nun momento en que as cifras de falantes son bastante desastrosas, especialmente entre a mocidade"

O feito de que non estea Cristovo, que se ocupaba dos teclados, condiciona un chisco o tipo de cancións que ides facer? Ides soar máis preto do que facíades nos primeiros anos, cun son máis guitarreiro e cancións máis directas e sinxelas?

Si, a idea é esa, obrigados por non ter os teclados, pero tamén porque nos apetece facer esas cancións máis guitarreiras, un pouco como faciamos ao principio. Roi e mais eu seguimos sacando discos como Grampoder, explorando outros territorios, pero o certo é que agora tamén nos apetece volver facer eses temas máis enerxéticos, como faciamos ao principio os tres. Teño que dicir que estamos en forma, non se nos esqueceu facer ese tipo de música.

Dis que estades en forma. Aínda vos entran as camisetas? Ou tivestes que cambiar de talla?

Non te creas, válennos as mesmas que antes, estamos bastante ben. Tamén é certo que temos como trinta camisetas de raias, así que se non serve unha, serve outra.

"Non creo que teñamos moita responsabilidade nisto. Nós sempre fixemos a nosa música en galego porque era o que nos apetecía, nunca tivemos vocación de apostolado ningún e seguimos sen tela"

Ides volver cun estilo aínda máis guitarreiro cando hoxe o rock xa non está de moda, seica. Estades fóra de tempo?

Pero é que non sabemos facer outra cousa (ri). Eu tentei algunha vez amañarme con programas e outras historias para facer música electrónica e teño que dicir que saquei materias da carreira estudando menos. Este tipo de música é o que facemos e segue sendo igual de válido. Espero que siga tendo o seu público e en todo caso nunca fomos un grupo que nos movéramos moito por modas ou pensando no éxito ou non que puidesen ter as nosas cancións. Sempre fixemos o tipo de música que nos gusta facer e o tipo de música que escoitamos.

Lembro que nos anos nos que estiveses activos, entre 2005 e 2010, facíansevos algunhas preguntas recorrentes sobre o feito de cantar en galego, sobre todo facendo powerpop. Dá a impresión de que hai vinte anos había como compartimentos estancos, todo estaba moi pautado e facer algo distinto significaba romper esquemas. E, en cambio, na actualidade, ese tipo de debates semellan máis de sobrepasados, non si?

Eu creo que por fortuna, si. Eu creo que o marabilloso do momento actual da música en Galicia é que hai un montón de grupos facendo música en galego en todos os estilos, con naturalidade e que iso xa non chama a atención e que mesmo teñen moito éxito fóra de Galicia. É curioso que a explosión da música en galego se dá nun momento en que as cifras de falantes son bastante desastrosas, especialmente entre a mocidade. O tema é moito máis normal que hai 15 ou 20 anos. Nisto inflúe que hai unha serie de grupos e artistas con moitísimo talento, que souberon agarrarse a iso e que o fan moi ben.

"Non sabemos facer outra cousa. Eu tentei algunha vez amañarme con programas para facer música electrónica e teño que dicir que saquei materias da carreira estudando menos"

Sentes que, en certa maneira vós (e outras bandas deses anos) abristes camiño, contribuístes a normalizar isto e a facer crecer a escena da música en galego?

Non creo que teñamos moita responsabilidade nisto. Nós sempre fixemos a nosa música en galego porque era o que nos apetecía, nunca tivemos vocación de apostolado ningún e seguimos sen tela. Agora hai unha explosión da música que se fai en galego e todo tipo de estilos, non sei por que se deu isto, pero ben está. Era unha cousa que nos faltaba e se pode servir para algo, pois é fabuloso.

Das bandas e artistas actuais hai algunha que vos guste especialmente ou que vexades próxima ao que facedes?

Eu sinto unha conexión tremenda con Nuno, de Grande Amore, porque é do meu pueblo, porque o coñezo dende que era cativo, porque é un tío estupendo, que escribe de marabilla e ten un formato súper único. E despois hai moitas cousas que tamén me gustan, como os Boyanka Kostova. Cousas máis roqueiras? Pois os Familia Caamagno, que son unha banda marabillosa.

"Nunca fomos un grupo que nos movéramos moito por modas ou pensando no éxito ou non que puidesen ter as nosas cancións. Sempre fixemos o tipo de música que nos gusta facer e o tipo de música que escoitamos"

Dicides que o concerto da Mardi vai ser o primeiro dunha serie de actuacións en salas. Xa se pode anunciar algunha outra data?

Temos varios concertos xa pechados, pero xa os anunciaremos. A idea é tocar en varios lugares de Galicia e mesmo de algún de fóra de Galicia. O da Mardi do venres que vén fainos moita ilusión; alí tocamos moitas veces e a última con The Homens foi no 2010, aínda que despois volvemos algunha vez con Grampoder.

E haberá código de vestimenta para os fans? É obrigatorio sacar do armario a vella camiseta de raias?

No, non (ri). Nos si, porque xa nos puxemos a esixencia de entrar nas camisetas, pero para o público non é obrigatorio. Pero habería que ver se entra todo o mundo nas camisetas daquela época...

The Homens actúan na Sala Mardi Gras da Coruña o 21 de novembro ©

"Eu sinto unha conexión tremenda con Nuno, de Grande Amore, porque é do meu pueblo, porque o coñezo dende que era cativo, porque é un tío estupendo, que escribe de marabilla e ten un formato súper único"

E chiste do baixista haberá ou xa non lle deixades?

Agora dálle máis polo haiku, está máis filosófico (ri). En Sigüeiro soltou un e non sei se alguén o entendeu e ao final tivo que contar un chiste.

O repertorio será coñecido, claro, non sei se incluídes algunha versión ou algunha sorpresa...

Non, non, o repertorio será clásico, dous dous eps iniciais e do disco Tres, sobre todo. De Cuarta Potencia tocamos algunha, pero menos, porque moitas desas cancións sen teclado non soan tan ben. E, despois, como che dicía, incluiremos dúas ou tres cancións novas, das que estamos preparando nos ensaios. O estilo é parecido, así que penso que van encaixar ben. A ver que tal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.