O outono trouxo boas noticias en canto á volta de grupos míticos da escena galega underground. E unha delas é o regreso de The Homens. Polo momento, tocarán no Grelo Folk, en Monfero. Despois, nin eles saben. Din que se deixarán levar, pero teñen intención de facer máis concertos e, sen presións e cando poidan, novo disco. Falamos con Martin Wu, que se volveu xuntar con Xocas e Roi aproveitando que, por fin, os tres volven vivir perto.
“Somos da vella escola: imos ensaiando, probando… E as cancións van evolucionando así”
Non é un concerto puntual, como o do 2015 na Capitol, non? Parece como un novo comezo.
Si, é un arranque. Mais non sabemos en que vai acabar a cousa… No 2015 Xocas non vivía aquí e deunos por facer un concerto… Tamén porque nos animara moito Manuel de Familia Caamagno. Xocas tivera que vir desde Barcelona… Era todo máis complicado. Agora vivimos Xocas, Roi e eu aquí en Santiago. En realidade, sempre fora a nosa intención volver empezar se volviamos estar cerca. O que non está é Cristovo, que non pode porque vive en Porriño, ten un neno pequeno… Así que nós os tres volvemos ter certa dispoñibilidade, que tampouco é xa coma antes…
Mais xa levades un tempo ensaiando, creo. Gravado penso que non tedes nada.
Pois ensaiando “de verdade”, indo con regularidade, seis meses. Xa temos un local.. así que si, agora é algo máis serio. Temos como media ducia de cancións, pero nós non nos gravamos e regravamos. Somos da vella escola: imos ensaiando, probando… E as cancións van evolucionando así. Non temos nada rexistrado, como non sexa algunha cousa cutre gravada co móbil.
“As cancións novas, polo momento, están en estado embrionario. Pero a idea é ir meténdoas nos concertos en canto poidamos”
Entón, que ides facer no concerto, cancións dos vosos discos?
Si, temas dos discos vellos e a versión dos Resentidos que fixemos para o disco tributo ‘A Tribo Toda Baila’. As cancións novas, polo momento, están en estado embrionario. Pero a idea é ir meténdoas nos concertos en canto poidamos.
E as cancións novas son un pouco coma o último disco, ‘Cuarta Potencia’?. Xa pasou bastante tempo.
Pasaron xa dez anos e levabamos moito sen tocar xuntos, se non contamos o concerto da Capitol. Agora estamos condicionados polo feito de ser tres: de non ter a Cristovo. A incorporación de Cristovo -dos teclados- abríranos, no seu momento, moitas máis posibilidades co son. Así que supoño que os temas novos serán máis coma os dos primeiros tempos de The Homens, máis power pop. Pero tampouco sabemos ata agora porque, como che dicía, estamos en proceso. A nosa idea é ir facendo. Non temos ningún tipo de presión, en canto a prazos, ou a facer música de tal maneira… Será como vaia saíndo.
“Supoño que os temas novos serán máis coma os dos primeiros tempos de The Homens, máis power pop”
En canto ao voso estilo, un artigo de GZMúsica descríbeo coma “guitarras ruidosas e sensibilidades melódicas”. Paréceme unha boa definición nunhas poucas palabras. Mais foi mudando, sobre todo no último disco, do 2009. No que estaba ben presente, nas letras, o escenario de “crise” coas súas consecuencias sociais.
Si, sobre todo ‘Cuarta Potencia’ é moi fillo do seu tempo: a época da caída de Lehman Brothers e de todo o que pasou despois. Un tempo no que todo o mundo tivo moitos problemas de traballo e na que parecía que todo ía ir cara abaixo. Ata certo punto, sempre fomos un grupo que estivo pendente do que acontecía… Tamén é normal, porque do que falamos é de nós…
Así que as letras tiñan o seu punto político… O que quero dicir é que as cousas non cambiaron tanto, que nós seguimos sendo os mesmos que hai dez anos: os mesmos “pringados”, así que as letras seguirán reflectindo dalgunha maneira o que somos… En canto ao que dicías do estilo, un dos principais motivos dos cambios foi a incorporación do teclista, como comentabamos antes. Máis que algo pensado, foi un froito das circunstancias. No fondo, as cancións van seguir a ter máis ou menos a mesma estrutura: algo sinxelo, que tampouco somos Beethoven…
“As cousas non cambiaron tanto, nós seguimos sendo os mesmos que hai dez anos: os mesmos “pringados”, así que as letras seguirán reflectindo dalgunha maneira o que somos”
Aquel era o escenario da “crise” e o actual é o da post-crise. Traballos cada vez máis precarizados e aceptación social de condicións laborais que antes se considerarían dificilmente tolerables. Hai ben de onde tirar para as letras… Mais non saberedes aínda…
Si, é o que dicía: a situación non cambiou tanto. Foi unha época na que nos meteron un hostión para abaixo e saímos sen carteira. Despois devolvéronnola baleira e así seguimos. E si, seguramente as letras acabarán reflectindo a situación.
No musical e, en xeral, no cultural, si houbo cambios respecto a antes da “crise” do 2008 e dos 90. As seccións de cultura dos xornais desapareceron -houbo un momento non tan afastado no que houbo varias, con equipos de unhas tres persoas-, o traballo dos músicos precarizouse aínda máis, e non parece que haxa xa tal boom da música en galego coma daquela. Ou polo menos non o reflicte a atención mediática.
Eu penso que se producen, ao respecto, dúas tendencias contrarias. Por un lado hai grupos que fan pop e outros tipos de música en galego que enchen salas. Penso en Familia Caamagno ou Terbutalina, por exemplo...
“Hai grupos que fan pop e outros tipos de música en galego que enchen salas. Penso en Familia Caamagno ou Terbutalina, por exemplo…”
Si, con moitos seguidores entre a xente nova…
Si, e son grupazos, con moito público. Mais por outro lado, dime onde pode tocar hoxe un grupo coma o noso en Santiago. Quero dicir que non hai un circuíto de salas. E ademais a xente nova interésase por outro tipo de música. En canto aos medios, ti mesma o dixeches. Non hai seccións de cultura, agás que por iso entendamos dúas persoas enchendo páxinas e suplementos a toda hostia…
Onde? Dúas persoas, dada a situación, xa é moitísimo.
Referíame á Voz. Pero si, como o que había xa non existe, é moito máis difícil para un grupo coma o noso chegar á xente. Porque coas redes sociais chegas ao público que xa tes, non vas máis alá. E despois, como dicía, tamén está o cambio xeracional…
A xente nova prefire o hip hop ou o trap.
Eu penso que os rapaces están máis coa Panorama ou coa Olympus. Foron eles os que nos gañaron a partida... É un fenómeno que non entendo. Mais será que vou vello…
“Eu penso que os rapaces están máis coa Panorama ou coa Olympus. Foron eles os que nos gañaron a partida”
Daniel Salgado sacou no Sermos Galiza unha reportaxe que repasa a influencia e a posición que tivo The Homens no seu tempo. O lugar que ocupou no panorama musical, quero dicir. Para vós será difícil facer esa mesma análise mais, tiñades consciencia de estar abrindo camiños nalgún sentido?
Pois a ler o artigo de Daniel por un lado sénteste gabado, claro, pero por outro lado… non sei se crelo! Sae por exemplo María, de Esposa, que di que The Homens é un dos grupos de pop que escoitaban entón… A ver, non sei o que pensarán os outros membros de The Homens, pero eu naquel momento non era consciente de nada disto. Non tiña a sensación de que o que faciamos tivese demasiada importancia a ese respecto.
Eu preguntábao porque, se cadra, o que había daquela era moita relación entre grupos. Dígoo por experiencias coma, nos comezos do voso grupo, a Casa Xurásica…
Si, pero iso ten que ver, penso eu, co ambiente punk e hardcore, do que eu me sinto herdeiro. Quero dicir, que aquilo de compartir de todo: amplis, instrumentos, discos, a furgo… era o normal. Non había medios. Non había outra maneira de facer as cousas. E aínda hoxe: temos un local tamén compartido con Malraio, eu hoxe vou levar un ampli emprestado… É a maneira de facer cousas de sempre, ou polo menos a que eu vivín xa desde os 14 anos…
Mais si é certo que o que faciades, daquela, non era tan habitual. Pop en galego, con guitarras eléctricas potentes e cada vez máis distorsión, cun rollo melódico, con letras tamén crecentemente enérxicas e críticas
A ver, si que é certo que daquela había menos variedade na música en galego. Había folk, había un rollo máis político… Hoxe hai máis de todo, desde o pop ou o rock ao trap… E algo que me gusta moito dos grupos de agora é que perderon totalmente a vergoña. Quero dicir que teñen unha actitude de, que pasa? Non che gusta que cante en galego? Pois aguanta.
“Si que é certo que daquela había menos variedade na música en galego. Había folk, había un rollo máis político… Hoxe hai máis de todo, desde o pop ou o rock ao trap”
Si, acontece con moita naturalidade. Mais non creo que hoxe sexa tan habitual coma antes que lles fagan a típica pregunta de: y por que cantas en gallego? Non creo que teñan como unha necesidade de xustificarse, nese sentido. E iso tamén foi porque grupos coma o voso -e rockeiros que viñeron antes- abristes camiño…
Para min o interesante é a naturalidade, e a belixerancia. Nunha época, ademais, na que a situación do galego na chavalada é dramática. Refírome á actitude, á súa seguridade. En plan: “paréceche mal que cante en galego? Problema teu”. Así de natural. E si, eu penso que lles seguen preguntando por que cantan en galego. Hai que ter en conta que os que están do outro lado son moitos máis.
En relación co anterior, nun artigo de Tempos Novos comentabades que, cando empezastes, non había moitos referentes en galego. Os vosos referentes eran máis ben en inglés.
Supoño que me refería ás letras. Eu sempre escoitei música anglosaxona. Valoro moito o mérito que ten o folk, pero non é o que escoito cando vou no coche, por exemplo. Por iso os meus referentes, en canto a letras, puideron ser máis ben en inglés. Non había moitos referentes en galego para a música que nós faciamos. Si que había letras máis directamente políticas, por exemplo. Hoxe xa hai máis de todo. Pero iso non significa que non teñamos referentes en galego, aínda que fixesen músicas diferentes á nosa. Xurxo Souto e os Diplomáticos, por exemplo. E hoxe vai ser a primeira vez que eu toque con Xurxo…
“Penso que lles seguen preguntando por que cantan en galego. Hai que ter en conta que os que están do outro lado son moitos máis”
Chegastes a ter uns 200 concertos en 4 ou 5 anos. Son os últimos datos que atopei. Estivestes en Polonia, en Gales… Non sei se agora o plan é ese.
Si, houbo aí uns anos nos que tivemos moitos concertos. Un ano tivemos 50, que é case un cada fin de semana. Non sei se hoxe habería infraestrutura para iso, nin sabería dicir se é o que queremos. O que faremos será deixarnos levar, a ver onde nos leva isto.
Durante estes anos non tivestes peticións de volver?
Pois si, pero de familiares e amigos!. Nunca fomos un grupo que tivese grande transcendencia. Ás veces si que che dicían: e ti non es o de..? Pois a ver se volvedes. Pero non ía máis alá a cousa.
“O que faremos será deixarnos levar, a ver onde nos leva isto”
E volverán as camisolas a raias?
Claro! Estivemos buscando e apareceron, ademais, varios modelos delas. Aínda cabemos.
Tocaredes no Grelo Folk con outros grupos…
Si, cos Feroces da Galgueira e coa Banda Xangai, que son metade Papaqueixos e metade Diplomáticos, da época bravú…