Volven, pero só por un día. O trío (despois cuarteto) das camisolas de raias levan case dous anos sen actuar, ao non poder contar con todos os seus compoñentes (Xocas, batería, vive no Algarve), pero este sábado 27 ofrecerá un concerto en Compostela, acompañando a Samesugas, os seus "irmáns", nunha sesión vermú no exterior da Zona C (a carón do Museo do Pobo). Con entrada gratuíta os concertos comezarán ás 12 do día e pecharánse coa pinchada de Dirty Socks DJ Set.
“Queriamos quitar o gusanillo de tocar con vatios e de recuperar as cancións que hai tempo que non tocamos", conta Martiño, vocalista da banda, que aclara que “non imos máis aló deste dia. Máis adiante xa se verá, pero non hai perspectivas”. Martiño e Roi manteñen na actualidade o dúo Grampoder, de pequeno formato e case acústico, que este xoves actuará no Festigal. The Homens popularizou a etiqueta de power pop en galego, cancións directas e sinxelas, esencialmente pop e en galego, anovando a Pixies ou Hüsker Dü, pero primando os retrousos e a frescura.
The Homens aparcaron a súa actividade hai case dous anos, nún último concerto que tivo lugar nas Pontes, despois de teren editado catro discos dende o 2005. Recentemente a banda estivo alimentando o seu bandcamp, onde xa se poden escoitar todos os seus albums e eps, ademais de material inédito, directos, maquetas e rarezas. "Temos unha caixa cunha morea de cousas que ainda temos que peneirar: Concertos, videos, maquetas que faciamos na casa, premaquetas..., irémolas colgando porque asi a xente pode ver o que custa gravar unha canción. Haberá xente que é unha tonteria pero a min parécenme gracioso", di.
Este material da primeira época do grupo terá un gran protagonismo no repertorio deste sábado. "Tocaremos cancións que levabamos anos sen tocar, mesmo dos primeiros eps", di Martiño, "sobre todo porque ademais actuaremos en fomato trío, porque Cristovo non pode estar". “Mesmo estamos pensando en recuperar as camisetas de raias a ver se collemos nelas”, engade.
“"Tocaremos cancións que levabamos anos sen tocar, dos primeiros eps. Mesmo estamos pensando en recuperar as camisetas de raias a ver se collemos nelas”
Será unha oportunidade para lembrar vellos himnos como Desaparece, En Malta, Non podo máis, Ungria, a apologhiteira Sandra Dee ou as máis recentes Calamar ou Tigre, tigre! E tamén unha oportunidade para ver xuntos, máis unha vez, a Homens e os imprescindibles Samesugas. "Pasamos mil aventuras, somos como irmáns. Eu mesmo toquei con eles en Catalunya por lesión dun dos seus guitarristas. Pero levamos dous anos sen tocar con eles. A última vez foi hai algo máis de dous anos no Rock en Costa", comenta Martiño: