O balbordo xerado polo resultado final do Benidorm Fest, coas Tanxugueiras fóra do festival de Eurovisión malia seren as preferidas pola audiencia do certame tanto a través do voto telefónico como nas puntuacións do "xurado demoscópico", transcendeu a polémica nas redes sociais ou entre fans dos diferentes grupos e chega ao eido institucional. A Corporación Radio Televisión Española (RTVE) saíu ao paso das críticas horas despois do festival para asegurar que é "consciente da controversia sobre o proceso" e afirmar ter disposición a "mellorar" o sistema.
A corporación pública di ver "positiva" a controversia e anuncia a creación dun programa musical "aberto a todos os concursantes" do festival
Nun comunicado feito público este domingo, RTVE asegura considerar "positiva" esa "controversia" e matiza que "en calquera concurso competitivo, son moitas as persoas que non ven cumpridas as súas expectativas". "En todo caso -agrega- a grandeza de toda competición consisten en aceptar plenamente as regras ata as súas últimas consecuencias", di despois de que as preferencias dos cinco membros do xurado, que tiñan asignado o 50% do voto, fosen determinantes para que a gañadora fose Chanel.
Alén de pedir apoio para a vencedora, RTVE asegura que vén de decidir "abrir un diálogo participativo para mellorar, cara a próximas edicións, todo o proceso do Benidorm Fest". E ademais, di, vai "crear un programa de televisión para promocionar a música española" que vai estar "aberto a todos os concursantes desta primeira edición" do festival, o que incluiría ás Tanxugueiras. "Os detalles deste novidoso proxecto darémolos a coñecer nos vindeiros días", engade.
As Tanxugueiras animan a seguir a súa música tras o Benidorm Fest e apoian á gañadora
A corporación estatal finaliza o comunicado "agradecendo á cidadanía o apoio recibido" e os bos datos de audiencia. A emisión superou o 20% de cota de pantalla na media estatal e que, no caso de Galicia, estiveron por riba do 50%.
Tamén as Tanxugueiras abordaron este domingo o acontecido. Nun vídeo difundido a través das redes sociais do grupo, Aida Tarrío resumiu o acontecido en que "Tanxugueiras é gañadora, Galicia é gañadora" e animou a, de agora en diante, "consumir a nosa música e vir aos nosos concertos". A integrante do grupo de pandeireteiras amosou tamén o seu apoio á gañadora do certame, Chanel: "Unha aperta enorme e todo o noso apoio, estamos a tope con ela para o que necesite", afirmou, ademais de considerar que "ten merecida" a vitoria.