Tanxugueiras e Mondra encabezan unhas festas da Ascensión que celebran a Begoña Caamaño

Cartel da Ascensión 2026, imaxe promocional do novo disco das Tanxugueiras e Mondra, actuando na Gala dos Mestre Mateo © Concello de Santiago | Raúl Béjar / Santa Mónica Films | Academia Galega do Audiovisual

A coincidencia co Día das Letras impregna o programa das festas máis compostelás, que neste 2026 se celebran do 12 ao 17 de maio

Entre as pecularidades das festas da Ascensión, as máis compostelás, figura que a súa data non é a mesma cada ano. Depende de cando cadre o día da Ascensión, corenta días despois da Pascua, celebración católica que á súa vez depende do calendario lunar. Por iso algúns anos o Día das Letras Galegas cadra coa Ascensión e outros, non. 

Este 2026 cadra e a celebración do idioma e da autora homenaxeada, Begoña Caamaño, con múltiplos e profundos vencellos con Santiago, impregna un programa que na súa vertente musical ten as Tanxugueiras, Mondra ou Alba Reche entre os principais atractivos. Todo, dende o 12 ata o propio 17 de maio.

Imaxe promocional das Tanxugueiras para o seu cuarto disco © Raúl Béjar / Santa Mónica Films

Pilar Lueiro, edil de festas da capital galega, presentou este 5 de maio unha programación que botará a andar o propio día 12 coas Tanxugueiras nun escenario de excepción. Dende as 19h e ata as 22h, o trío porá en escena na Praza do Obradoiro "cun espectáculo cheo de sorpresas" no día en que publicarán o seu novo disco, O Cuarto.

A seguinte cita musical será na noite do mércores 13 co habitual concerto organizado dende a radiofórmula 40 Principales, o Santiago 40 Pop. Desta volta, o espectáculo leva dende as 21h á Praza da Quintana as músicas de Chiara Oliver, Ruslana, Marlon, Samuraï, Daniela Blasco, Kenneth, O Xoán, Tapa D’Orella e mais dos picadiscos Kike Varela e Álvaro Puga. 

Esa mesma noite do mércores comezará tamén (22h) a programación das orquestras na Alameda coa América de Vigo. Tamén estarán na Ascensión a Orquestra Marbella (xoves 14), La Oca (venres 15) e Atenas (sábado 16). Canda elas, un ano máis as festas compostelás teñen citas clásicas como o Torneo de Chave (venres 15 na Alameda), a Festa dos Maiores (sábado 16), a feira cabalar de Amio ou o programa Folk na Rúa.

Begoña Caamaño, en 2012 no compostelán parque de Bonaval, nunha imaxe cedida para unha entrevista en Praza.gal Dominio Público Cedida

O día grande do xoves será a quenda para Mondra, ás 21h na Quintana. O venres continúa a música no mesmo espazo co Composfest -con cartel aínda por anunciar- e o sábado, con Alba Reche

O domingo, Día das Letras, a Banda Municipal de Santiago ofrecerá o concerto A voz das Letras Galegas na Praza de San Martiño Pinario (12h) e no serán, ás 20h, a Praza da Quintana acollerá o espectáculo Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño. Será, anticipa Lueiro asegurou un 17 de maio "de moitas emocións" no que Santiago quere ser "a capital coas súas festas da Ascensión, a festa das Letras Galegas e a homenaxe que Begoña Caamaño merece".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.