Mondra publica ARDĒN, o resultado de meses de experimentación musical tras toda unha vida vencellado aos sons da tradición galega: "Medrei xa dende os sete anos tocando a pandeireta e bailando, é algo que forma parte de min"
Martín Mondragón (Teo, 2000) publicou esta semana o seu primeiro álbum como Mondra. ARDĒN é o resultado de meses de experimentación musical tras toda unha vida vencellado aos sons da tradición galega. Un exemplo de coherencia entre diferentes músicas que lle serven para contarse a si mesmo, e á súa xeración, e para festexar a capacidade da mocidade para liderar o presente. Co eco do falecemento de Dorothé Schubarth aínda presente, a lembranza da bisavoa do artista –que era tocadora– e de todas esas informantes que lograron a pervivencia do que hoxe chamamos música tradicional asistimos a un novo fito da música galega contemporánea. Mondra estreará un novo espectáculo para acompañar as dez cancións de ARDĒN o venres 29 de setembro na sala Capitol de Santiago de Compostela.
Dende cando existe Mondra e por que?
O primeiro tema que saíu foi “Aghrúuu” hai pouco máis dun ano. Era o meu traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual e xa o fixen con certa aspiración a que fose o comezo dun proxecto eu só porque levo anos vencellado a outros proxectos artísticos. A acollida foi moi boa e confirmoume que tiña que seguir adiante con isto. Comezamos a traballar no que agora é ARDĒN, do que xa forman parte todos os temas que saquei a posteriori.
Este primeiro álbum supuxo a busca dunha sonoridade propia dentro da música tradicional galega?
Si, houbo un período longo de investigación con Berto, que é o produtor do disco. Foi un proceso de coñecernos musicalmente e atopar ese camiño conxunto que eu quería para este primeiro álbum e que, efectivamente, dialoga constantemente coa música tradicional, pero sen prexuízos de que o tradicional dialogue tamén con estilos máis contemporáneos e con outras influencias que eu recibo. Todo o que converxeu neste álbum faino porque é parte de min, non de maneira deliberada.
Reivindica a tradición a través da súa bisavoa, Carmen de Venturiña, que era tocadora.
Todo o mundo en Cordeiro (Valga), de onde ela é, dicía que era a máis festeira e a mellor tocadora e cantareira. Faime ilusión pensar que lle dou certa continuidade ao seu legado. Nos tempos nos que viviu, ela subía coa súa pandeireta sen medo ningún a canto escenario podía e, dalgunha maneira, tamén sen medo subimos nós aos escenarios.
O venres 29 presentará na sala Capitol de Santiago un novo espectáculo coas cancións do seu primeiro álbum rodeado doutras artistas como as Fillas de Cassandra, Aida Tarrío e Berto
De feito, en “Punheta”, a canción na que colabora coas Fillas de Cassandra e Berto, cantan ‘sei cantar, sei bailar, sei tocar a pandeireta’ pero ollo que tamén me sei revolver cando me amolan. Pasa moito isto?
Realmente eses primeiros temas, tanto “Saco de Pulgas” coma “Punheta”, eran ferramentas para eu apoderarme, desfacerme dos meus medos e inseguridades para dicir aquí estou eu, aquí estamos a mocidade para dar un paso adiante. E non vai haber quen nos tusa nin quen nos faga a punheta. Ao xuntarnos dúas artistas emerxentes como somos as Fillas e mais eu quixemos falar diso, do empoderamento da mocidade, de que somos xente válida e temos moito que dicir.
Neste tempo no que está a construír o seu perfil artístico como Mondra, atopou algunha limitación ou falta de liberdade?
Non, nunca, a verdade é que sentimos moi boa acollida por parte da xente. Temos moi claro o que somos e o que representamos, quen non queira escoitarnos ou vernos en directo non ten que facelo. Pero non recibimos ningún tipo de comentario nin nada, sentímonos moi acollidas tendo en conta que hai nada que comezamos. Había moi pouquiña música fóra, que a xente podía escoitar, e confiaron en nós vindo aos concertos así que estamos moi agradecidas.
Antes parecía que era preciso ter un disco editado, ou polo menos un EP, para conseguir ter directos; pero a tendencia actual semella que vai por outro camiño: primeiro chegan os directos e logo xa, paseniño, publícanse os álbums.
Pois si, o mundo vai moi rápido, a xente quere información moi rápido e con eses primeiros temas conseguimos que se engancharan a nós, dalgunha maneira, dun xeito moi próximo. Publicamos uns pequenos adiantos do que é ARDĒN e despois traballamos a lume lento para rematar o álbum. Por esa acollida tan rápida non quixemos ter présa para rematalo, o disco tiña que estar coidadiño e ser algo construído co seu tempo. Combinamos a xira de folías, que é como nós lle chamamos aos concertos, con terminar o álbum para que saíse despois do verán.
"Vivimos nun tempo que vai acelerado de máis, onde todo vai embalado en caixas e é un produto do neocapitalismo"
Que atopamos neste ARDĒN que define o que quere representar Mondra?
Supoño que a miña esencia está en cada unha das decisións artísticas deste álbum. Musicalmente foi un proceso longo de investigación e experimentación con Berto e, ao final, cada música e cada letra represéntanme a min. Non falo nada máis que das miñas vivencias como unha persoa que habita o 2023. Penso que é un álbum moi reflexivo e moi íntimo, autobiográfico en moitos sentidos porque fala sobre as cousas que me acontecen. Fala tamén sobre os afectos e os coidados, que é algo que reivindico moito, mais tamén ten unha parte festiva onde celebramos a liberdade das ardentes nese espazo libertario que chamamos a folía, que é onde acontece o directo. Para min o disco ten esas dúas vertentes: unha máis íntima na que se fala dos coidados e outra máis de celebración do amor propio e da auto-aceptación.
Cre que a auto-aceptación está moi presente na súa xeración?
Vivimos nun tempo que vai acelerado de máis, onde todo vai embalado en caixas e é un produto do neocapitalismo. Entón, penso que a saúde mental é algo que temos moi presente agora a xente nova, que medramos xa cunhas presións que antes ao mellor non tiñamos. Creo que temos máis dificultades para estar no mundo e sentirnos ben con nós mesmas na voráxine dun mundo que vai rapidísimo. ARDĒN tamén é unha celebración da xente nova porque somos válidas e porque sen nós non hai futuro, no disco hai reivindicacións pola precariedade que soportamos no que se refire á emancipación en temas como “Rumbambá”.
"O disco ten unha parte festiva onde celebramos a liberdade das ardentes nese espazo libertario que chamamos a folía"
Agora dedícase á música profesionalmente pero antes xa o fixo coa danza, é fundamental na súa formación?
Si porque levo vencellado dende que son moi pequeniño a agrupacións culturais e de divulgación de música e baile tradicional. Medrei xa dende os sete anos tocando a pandeireta e bailando, é algo que forma parte de min. E despois comecei xa a dedicarme tamén á docencia de baile e música tradicional. Aos vinte anos din un paso adiante e comecei a formar parte da compañía de danza de Fran Sieira, á que lle estou moi agradecido, porque foi a miña primeira experiencia profesional que me puxo a cantar e bailar. Se non estivera aí antes, agora non estaría aquí facendo isto.
Todo ese traballo co corpo tamén o mostra agora nos seus directos.
ARDĒN ofrece unha experiencia musical, por suposto, pero tamén visual, performativa e de movemento. Todos eses elementos conviven no proxecto e no espectáculo ao vivo. Agora, de feito, na sala Capitol de Santiago estreamos o 29 de setembro un novo espectáculo da folía das ardentes que será o que ofreceremos nos sucesivos directos.
"Ruando' é un tema que nos convida ao descanso cando o precisamos: a parar e a pensar onde estamos e o que precisamos"
Foi nesa etapa na danza profesional onde coincidiu con Aida Tarrío, de aí a colaboración no disco?
Compartimos proxecto profesional en DeMente, de Fran Sieira Danza, pero xa é un vínculo persoal e emocional o que eu teño con ela. Dende aquela estamos moi unidos e tiña que estar presente no disco. Traballamos en “Ruando” con moito tempo, é un tema que fala dos afectos e dos coidados, que nos convida ao descanso cando o precisamos: a parar e a pensar onde estamos e o que precisamos. Convida á reflexión pero faino cun chamado á celebración, por iso remata cunha rítmica moi álxida e nun ton moi festivo. Faime moita ilusión contar con Aida en ARDĒN.
Como vai ser ese concerto de presentación en Compostela?
Presentaremos o disco por todo o alto con absolutamente todas as ardentes que formaron parte deste proxecto. Mondra é moito máis que Martín, é unha equipa multidisciplinar creativa que fai posible todo isto dende os visuais ata o deseño gráfico ou a coreografía. Estou arroupado por grandes artistas que acompañan o meu proxecto e o día 29 será a posta en escena deste novo show, con máis colaboracións do habitual: estarán as Fillas de Cassandra, Aida Tarrío, Berto, o Coro Encaixe e unha representación de Brassica Rapa. Unha chea de colaboradoras moi especiais para ofrecer un concerto de presentación como é debido.