Mercedes Peón move os marcos con Somos Pandeireteiras: "Precisamos recoñecernos e crear o noso relato das nosas vivencias"

Presentación do proxecto Somos Pandeireteiras, impulsado por Mercedes Peón © Vanessa Rábade

Mover os marcos para situar na centralidade as mulleres pandeireteiras, para non perder a tradición

″Un lugar de liberdade dos teus propios desexos″. Mercedes Peón quere mover os marcos da construción cultural a respecto das pandeireteiras e, para estudar como facelo, contactou coa Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón, as Raigañas de Cerqueda de Malpica e a agrupación Xirifeiras de Fene. A artista multidisciplinar de Oza dos Ríos comezou moi nova as súas investigacións sobre o mundo das tocadoras, ao que ela mesma pertence, e agora promove con Somos Pandeireteiras un espazo para a reflexión colectiva.

″Isto é novidoso porque non existe un espazo para articularnos, a centralidade está movida″, explica Mercedes Peón. Somos Pandeireteiras esgotou as prazas para o encontro público do domingo 19 no Pazo da Cultura de Carballo. ″O obxectivo non é tanto articularnos como crearmos un lugar, movendo os marcos dun sistema androcéntrico, que opere con outras lóxicas. Ese espazo diáfano ímolo construír cos nosos propios relatos, sen mediacións externas″.

Mercedes Peón, compositora, cantante, pandeireteira e investigadora © Somos Pandeireteiras

O mundo da pandeireta é unha creación colectiva ″que tamén é un xeito de transmisión da palabra, fóra das lóxicas patriarcais″

Ao mudar o marco de acción, como defende Peón, non hai obxectivos concretos porque todo está por facer. Xunto a Mar Suárez, Ana Fernández e Gisela Sanmartín foi desenvolvendo, coa axuda de Natalia Balseiro, un método a seguir para ″conquerir ese espazo″ central para as tocadoras do país. Chegaron a certas conclusións, mais no encontro de Carballo vanse reunir con outras 40 pandeireteiras da provincia da Coruña. Traballarán en catro grupos de traballo durante a xornada, e as poetas Ana Romaní, Susana Sánchez Arins, Andrea Nunes e María Reimóndez recollerán as conclusións.

De momento, Somos Pandeireteiras é un espazo de pensamento, mais un dos camiños que pode escoller é o de converterse en asociación. Pero iso, como sinala Mercedes Peón, xa se corresponde cun lugar político. Falamos dunha creación colectiva ″que tamén é un xeito de transmisión da palabra, fóra das lóxicas patriarcais″. "Precisamos recoñecernos e crear o noso relato das nosas vivencias″, di a artista, para evitar a desaparición: ″Dentro de 100 anos, se alguén buscase en Google ou onde sexa, podería parecer que isto non aconteceu, que as tocadoras non eran as transmisoras da palabra″.

"Non entendo a miña vida sen a pandeireta", afirma Gisela Sanmartín, directora do grupo de tocadoras Xirifeiras de Fene

Mercedes Peón promove esta iniciativa, co apoio da Deputación da Coruña, que foxe dos ″lugares de poder″. Con todo, Gisela Sanmartín, tocadora e directora das Xirifeiras, destaca que é unha honra participar xunto a Peón, á que leva toda a vida vendo tocar a pandeireta na televisión e nos concertos. ″Eu empecei con catro aniños nun grupo que había na miña parroquia, en Barallobre, e despois con sete u oito xa entrei na Banda de Gaitas Airiños de Fene, porque as Xirifeiras pertencemos a esta asociación. Agora son a directora do grupo despois de ser alumna moitos anos″, conta.

″Para min ser tocadora é unha forma de vida. Será porque levo desde moi pequena metida neste mundo, pero non entendo a miña vida sen a pandeireta, sen ensaios, sen actuacións... Empeza sendo unha afición e acaba sendo parte da túa vida″, describe Sanmartín, que ve en Somos Pandeireteiras unha oportunidade de devolver o aprendido desde nena: ″É de recibo facerlle unha homenaxe a todas esas mulleres que foron pandeireteiras antes ca nós″.

Gisela Sanmartín, directora dos grupos de Cantareiras Trapeliñas e Xiriferiras da Banda de Gaitas Airiños de Fene © Somos Pandeireteiras

Gisela Sanmartín volveu ás aulas do IES de Fene para impartir un obradoiro co alumnado dentro desta iniciativa de Somos Pandeireteiras. ″Os profesores non as tiñan todas consigo, pero o alumnado respondeu moi ben: cantaron e tocaron con nós e fixéronnos moitas preguntas″, celebra. 

Aínda que estaba enfocado nas tocadoras, no taller compartiron coa rapazada ″a historia de vida das mulleres do noso país, esas mulleres que traballaban na casa e na feira, que camiñaban quilómetros para vender os produtos que apañaban na horta, que facían traballos moi duros e, a pesar de todo, tamén cantaban e tocaban″.

"Mulleres tan profundamente xenerosas que trouxeron ata nós as músicas das cantareiras e pandeireteiras", destaca Sanmartín. ″Ninguén lles ensina a historia destas mulleres, non aparece en ningún libro e pensamos a xente nova debe coñecer a súa historia. Quedaron moi asombrados e, sendo de Galicia, que haxa esa sorpresa cando saes a tocar é chamativo; pero si que pasa, sobre todo coa xente máis nova″, engade.

Para esta tocadora de Fene o obxectivo da xuntanza en Carballo é asegurarlle unha longa vida á tradición: ″Non podemos deixar que todo isto se perda porque hoxe temos todos os avances para sostelo. A tradición chegou ata aquí despois dunha guerra e un silencio, e esas mulleres foron quen de gardala, que nós agora a deixemos morrer sería moi triste″.

Xirifeira nun obradoiro no IES de Fene no marco do proxecto Somos Pandeireteiras © Somos Pandeireteiras

No encontro do día 19 haberá tamén unha conversa, moderada pola xornalista e tocadora de Malpica Selina Otero, entre a pandeireteira de Cerqueda Icía Varela, e as tocadoras e percebeiras de Cambre Carmen de Lema e Ermitas do Ánxelo. Aínda que as prazas están esgotadas, o resultado do debate deste encontro vaise compartir no sitio web de Somos Pandeireteiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.