Mercedes Peón impulsa o colectivo Somos Pandeireteiras xunto ás tocadoras da Asociación Cultural Rosalía de Castro, Raigañas de Cerqueda e Xirifeiras para artellar un relato e imaxe propias
"Somos Pandeireteiras promove un proxecto de tocadoras que se dirixe especificamente ás tocadoras coa firme intención de mudar o imaxinario das representacións musicais e artellar formas de comunicación coas novas xeracións para non afastalas de algo tan auténtico como sermos tocadoras". A artista multidisciplinar e investigadora Mercedes Peón impulsa esta iniciativa colectiva coa participación de pandeireteiras da Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene).
Co obxectivo de reflexionar sobre outras formas de vivir a música desde a sororidade e coa firme convicción de crear o seu propio relato como tocadora, as pandeireteiras comezaron a reunirse o pasado verán coa intención de "abrir un espazo de encontro para difundir o valor do patrimonio inmaterial galego a través da visualización, conexión e articulación das pandeireteiras da provincia da Coruña". Pero non queren tampouco quedar aí, xa buscan como estender a iniciativa a toda Galicia.
O 19 de decembro Somos Pandeireteiras convoca un encontro aberto ao que xa é posible inscribirse para comezar a tecer rede entre as tocadoras
"Queremos impulsar unha iniciativa colectiva que lexitime a representación social das tocadoras e das pandeireiteiras como centro da transmisión cultural galega", asegurou Mercedes Peón na presentación de Somos Pandeireteiras que tivo lugar este luns no Pazo da Cultura de Carballo, onde ademais de Peón participaron as pandeireteiras Ana Fernández, da AC Rosalía de Castro; Gisela Sanmartín, de Xirifeiras; e Mar da Bouzas, de Raigañas; nun acto no que tamén estivo presente o alcalde, Evencio Ferrero.
A localidade bergantiñá, territorio cunha estreita e extensa vinculación coa pandeireta e coa tradición oral, converterase no mes de decembro no epicentro da actividade de Somos Pandeireteiras. Logo de desenvolver no mes de novembro diferentes obradoiros en centros educativos da provincia "para achegar ás xeracións máis novas o valor da pandeireta á hora da transmisión musical e goce da vida en comunidade".
O gran día no que traballan desde Somos Pandeireteiras será o domingo 19 de decembro, nunha xornada pública de encontro, aberta á veciñanza, no Pazo da Cultura de Carballo. A inscrición é gratuíta a través do seu sitio web. Desde as 9.30 horas da mañá, a xornada contará cunha serie de conversas e mesas de traballo para reflexionar arredor da situación das tocadoras e comezar a construír, entre todas as asistentes, unha rede que vincule e articule as relacións das pandeireteiras da provincia.
As poetas Ana Romaní, Susana Aris, Andrea Nunes e María Reimóndez participarán como relatoras de diferentes mesas de traballo e haberá unha conversa interxeracional con bergantiñás cun feixe de anos como tocadoras pero tamén outras máis novas: a xornalista Selina Otero conducirá a charla entre Carmen de Lema, Ermitas do Ánxelo e Icía Varela. Ademais do apoio do Concello de Carballo, o proxecto Somos Pandeireteiras conta coa axuda da Deputación da Coruña, que considera a iniciativa coma un proxecto singular de especial interese para a provincia.