"Fomos as primeiras en poñernos encima dun escenario para reivindicar un espectáculo propio de voz e pandeireta defendido por mulleres. Fomos as primeiras en musicar esa tradición oral. Tamén fomos as primeiras en incorporar letras que falasen da actualidade sobre as melodías que son tradicionais. Nós fomos a ponte entre a aldea e o presente", salienta Ana Rodríguez
Leilía foron as primeiras, din que chegaron no momento xusto. O pasado 4 de marzo Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez anunciaron a súa despedida dos escenarios ao remate do seu concerto na Festa do Queixo de Arzúa, co público en pé. Nestes trinta anos, Leilía levou a tradición oral e a música tradicional galega por moitos lugares do mundo, unha faceta que se acostuma a destacar menos porque pasou máis desapercibida no seu tempo. Hoxe, coas redes sociais, o conto sería moi distinto. Agora din adeus aos palcos coa xira de Vidas cantadas, como cantadas foron as vidas das mulleres que as axudaron a recuperar a cultura galega arrasada. Falamos con Ana Rodríguez sobre o final do grupo de cantareiras e pandereteiras.
Por que disolver Leilía agora, nun momento de auxe da música tradicional?
A idea xa se fraguou no ano 2018, cando estabamos dando os primeiros pasos do que ía ser o disco Vidas cantadas xa falabamos de poñer o punto e final en 2019 cando se facían os trinta anos. Pero aquela gravación foi máis lenta do que nós esperabamos e para festexar as tres décadas creamos os espectáculo CantarElas, que percorría a traxectoria de Leilía, e nos deu moitísima enerxía. Prestounos moito volver aos escenarios e recibimos moito agarimo do público. Aínda así, seguimos coa idea de despedirnos pero coa pandemia todo quedou parado, ata que se puido retomar unha vida normal e agora en lugar de marchar aos trinta anos marcharemos con trinta e catro.
Pero por que queren parar?
Levamos moitos anos enriba dos escenarios, xa vimos moitas cousas. Fomos as primeiras en poñernos encima dun escenario para reivindicar un espectáculo propio de voz e pandeireta defendido por mulleres. Fomos as primeiras en musicar esa tradición oral. Tamén fomos as primeiras en incorporar letras que falasen da actualidade sobre as melodías que son tradicionais. Nós fomos a ponte entre a aldea e o presente, e eu creo que non nos queda moito máis por facer.
Eu tiña 16 anos e agora teño 50, eu son eu por estar en Leilía. As miñas vivencias e experiencias non serían as mesmas sen as miñas compañeiras e sen as oportunidades que no brindou o grupo, pero estes trinta e catro anos, ademais de moitísimas cousas boas que quedan por diante, tamén implicaron complicacións para compatibilizar a vida privada, a laboral e o que implica estar en Leilía. Nós xa deixamos a terra preparada e é tempo de que outras persoas planten esa terra e siga agromando a música deste país, que é unha riqueza tremenda. E é moi gratificante ver que detrás do noso ronsel moitas agrupacións florecen.
Como era a situación cando comezaron?
Nos centros culturais practicamente non se daban clases de pandeireta, as pandeiretas eran un instrumento que acompañaba a baile. Non había un recoñecemento propio da pandeireta e agora hai centos de asociacións que dan única e exclusivamente clases de pandeireta porque a xente quere aprender. Cambiou moitísimo o panorama.
"Nós xa deixamos a terra preparada e é tempo de que outras persoas planten esa terra e siga agromando a música deste país"
Chegaron demasiado cedo?
Chegamos cando as informantes, que son as persoas ás que lles temos enorme gratitude, tiñan aínda memoria viva do que elas puideran vivir e aprender de primeira man. Se tardamos vinte anos máis en facer isto esa xente xa non estaría porque nós a algunha desa xente xa lle chegamos tarde. Cada unha das persoas que sabía tocar, cantar e bailar neste país e morreu sen que ninguén a gravara é un tesouro da nosa tradición que se perdeu para sempre.
En cambio, cando comezamos a finais dos oitenta moita desa xente aínda tiña recordos e pasounos unhas anécdotas incribles. A Guerra Civil supuxo unha ruptura brutal entre o que se facía antes e o que despois esmoreceu, porque morreu a expresión espontánea dese tipo de manifestación cultural. Algo que era habitual nas aldeas, que a xente se xuntaba dúas ou tres veces á semana para facer festa, esmoreceu coas prohibicións de xuntarse. E alá foi todo, despois veu a emigración masiva, as aldeas foron quedando baleiras e todo iso se perdeu. Moitos dos fillos das nosas informantes non tiñan nin idea da memoria disto que gardaban as súas nais. É moi emotivo ver a unha persoa maior, coas mans cheas de artrite, que colle unha pandeireta e iso funciona en automático. É esa memoria que as leva a cando eran novas, é unha conexión coa terra tan grande! Dáste conta de que estás facendo un traballo etnográfico, de recuperación de país. Chegamos a tempo para ser ponte directa entre as aldeas e o presente.
No ano 2012, nunha entrevista en Praza, Montse Rivera criticaba que ese traballo de recolleita non se tivera feito antes desde as institucións.
Non hai un traballo oficial de recollida nin un organismo que defenda a busca e a recuperación desas tradicións. Hai cantidade de información en casetes e cintas VHS que se están deteriorando, polo menos antes as informantes atopaban máis atrancos que facilidades para legar ese material a unha institución. Sendo unha memoria que nos define como pobo, pero falta esa parte institucional que se implique e aposte pola conservación e a difusión dese valor.
"Serán uns concertos nos que pecharemos o círculo"
Vostedes, ademais, foron pioneiras en tratar a tradición cunha ollada feminista.
Si, a tradición oral galega está vinculadísima á muller. A muller era a que tiña que cantar, bailar e tocar ben porque non se podía desprazar de aldea en aldea para ir de serán en serán, para mocear e coñecer, quen se podían mover eran os homes. Elas tiñan que ser un reclamo para que á súa aldea acudisen homes doutros lugares. Á marxe de que a sociedade galega era totalmente matriarcal porque moitos homes ou estaban emigrados ou estaban no mar. Eran as mulleres quen comandaba os fillos, as casas, as aldeas e o ocio tamén.
Como vai ser esta xira de Vidas cantadas?
Temos o vindeiro concerto o 8 de abril en Carnota e virán máis durante o verán. Despois faremos unha paradiña en setembro para preparar os últimos espectáculos, que irán da man de Quico Cadaval, que é o noso director escénico. Serán uns concertos nos que pecharemos o círculo porque as melodías que forman parte deste disco teñen un significado importante. Foron melodías que estiveron con Leilía desde o comezo, pero nunca se gravaron nun disco noso. Nestes anos Leilía evolucionou a nivel de voces e de arranxos musicais e de pandeireta, entón agora estes temas terán unha visión distinta.
"Estamos moi contentas e moi orgullosas do que levamos feito e de ver que iso ten unha repercusión e ten unha proxección de futuro"
Cambiou o seu público nestas tres décadas?
Agora temos tres xeracións de público. O panorama musical galego cambiou a raíz da aparición de Leilía nos escenarios porque nos anos oitenta os músicos buscaban a inspiración en Irlanda, Escocia ou na Bretaña, pero cando nós, armadas coas nosas pandeiretas, subimos a un escenario a xente deuse conta de que pasaba algo. Que é isto? Ata os músicos se decataron de que tiñan toda esa riqueza nas aldeas. Houbo un punto de inflexión nese momento e a música cambiou, deixou de buscar inspiración fóra para centrarse no que había aquí. O público evolucionou porque tamén tivo que aprender a descubrir e valorar esta música.
Están orgullosas das novas xeracións que seguen mirando cara á música tradicional?
Estamos absolutamente contentas polos pasos que nós demos, que creo que foron moi coherentes sempre. Primeiro por ter feito un primeiro disco que é un traballo etnográfico realmente, no que respectabamos ata os tons nos que cantaban as mulleres das gravacións. Despois dese disco viñeron os musicados e todo o resto de traballos. Estamos orgullosas da nosa traxectoria e de ter apostado pola dignificación da música da aldea e do papel da muller.
Á marxe diso, nós sabemos que fomos pioneiras, que abrimos camiño, e que sen nós moitas das manifestacións musicais non estarían e moito do interese que hai na xente nova pola tradición, polo baile, pola recuperación e pola dignificación do papel da muller non existiría. Sería unha falsa modestia negalo. Estamos moi contentas e moi orgullosas do que levamos feito e de ver que iso ten unha repercusión e ten unha proxección de futuro.