"A xente que pensa que somos un grupo que fai música 'mainstream' está súper equivocada"

Tanxugueiras no concerto do 30 de xullo no auditorio do parque de Castrelos en Vigo © A. G. Liste

"Temos algo que pode xogar na nosa contra e é que o que ves é o que somos", din as Tanxugueiras. Conversamos con Sabela, Aida e Olaia sobre Diluvio, a posibilidade de levar a música tradicional a novos escenarios, as mensaxes das cancións e como están a medrar nesta xira

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro atenden a Praza.gal antes do seu concerto no auditorio do parque de Castrelos, en Vigo, onde se deron cita máis de 40.000 persoas para ver en directo as Tanxugueiras un día despois da publicación do seu terceiro álbum, Diluvio (Calaverita Records). Fica moi lonxe o mes de marzo, cando comezaron esta xira na Coruña coa carreira eurovisiva aínda en boca de todos. Cun novo disco e as ideas moi claras, afrontan o que queda do verán cunha axenda apertadísima ata o outono e coa intención de descansar no Nadal para regresar con forzas para o ano que vén. De momento, a xira Midas continúa e as Tanxugueiras están o venres 5 na Romaría Vikinga de Catoira, o sábado 6 no festival SonRías Baixas de Bueu e volven pola Coruña o día 12 para o Festival Noroeste. E antes de que remate o mes de agosto pasarán o día 17 por Cedeira, o 26 pola Illa de Arousa e o 30 por Vilalba.

Que tal vedes a acollida de Diluvio? Estades moi pendentes dos números?

Aida: Acabamos de saber que é número un de ventas en Amazon.

Sabela: Queremos crer que vai ben.

Olaia: Ou quere dicir que os demais non están vendendo nada, cousa que non me gustaría tampouco.

Aida: Coa prevenda do disco xa foi xenial e coas reproducións súper ben tamén. Con Fame de Odio, a canción que sacamos xunto co disco, súper ben. Todo está tendo unha aceptación marabillosa. Así que contentísimas. 

Máis de 40.000 persoas acudiron ao directo das Tanxugueiras ao día seguinte da saída de 'Diluvio' © A. G. Liste

"Vivimos distinto os concertos nos palcos onde a música tradicional aínda non chegara"

É o disco que queriades facer? Ou houbo que acelerar moito as cousas?

Sabela: Nós levabamos traballando nel arredor de dous anos.

Olaia: Desde as primeiras cancións, Midas e Figa.

Aida: En Midas xa sabiamos de que ía ir o disco e antes do Benidorm Fest xa tiñamos todos os temas encauzados: a metade feitos e o resto case rematados. En realidade, o disco tiña que saír moito antes, pero quixemos tomalo con calma.

Sabela: Queriamos repousalo. E a verdade é que estou moi contenta co disco que sacamos.

Estades sendo quen de gozar de todo o que vos está a pasar?

Olaia: Hai veces nas que unha ten que centrarse e dicir ′eh, desfruta′, porque hai tanta sobreestimulación e tanto traballo que por momentos te nubra ese estrés. Despois saes o escenario e ves a toda esa xente cantando as túas cancións, ves todo ese amor e xa se che pasa todo e volves pór os pés na terra, a desfrutar do que estás facendo e a darte conta do que estás conseguindo. E todo é fermoso nese momento.

Coa xira Midas tedes unha axenda de concertos ben apertada, desde fóra parece que non pode ser o mesmo o concerto do festival Río Babel en Madrid que o da festa da Dorna en Ribeira, para vós son moi distintos?

Olaia, Sabela e Aida: Non.

Sabela: Bueno pero o da festa da Dorna é moito máis especial porque Aida é dalí. Pero creo que cada concerto o vivimos dunha forma moi especial. Si que vivimos distinto os concertos nos palcos onde a música tradicional aínda non chegara, porque o vemos como un logro maior. Pero desfrutamos exactamente igual nun sitio que noutro. Tamén depende moito de como esteas ese día: se estás moi cansa, tes moita calor...

Aida: Non hai escenarios máis importantes. Nós tocamos igual para 10.000 persoas que para tres porque ese pode ser o concerto da vida desas tres persoas.

"Tres é o tándem perfecto para o equilibrio"

Percibides diferenzas na reacción do público coas vosas cancións dentro e fóra de Galicia?

Olaia: A parte máis tradicional dos concertos é onde a xente se queda case en silencio, escoitando e asombrada. Creo que se emocionan con estas cancións en todas partes por igual.

E que vos din agora as músicas e músicos cos que xa coincidirades cando agora sodes cabezas de cartel? Tivo que mudar a vosa maneira de relacionarvos?

Olaia: É igual.

Aida: É que non sabemos como se nos ve desde fóra. Pero nós as tres individualmente, e a calquera persoa do noso entorno que lle preguntes, somos exactamente as mesmas persoas. Á parte, temos algo que pode xogar na nosa contra e é que o que ves é o que somos. Non temos unha personaxe nin nada aprendido que teñamos que dicir. Ás veces é un problema, pero somos así e non somos quen de ser doutra forma.

Sabela: Nós naturalizámolo mogollón porque o vemos como un traballo máis. A xente di ′como é a vosa vida agora?′. Pois é igual.

Concerto das Tanxugueiras no auditorio vigués de Castrelos, o pasado 30 de xullo CC BY-NC-SA Praza.gal

Pero tedes un aluvión de traballo, non?

Sabela: Si, moito máis traballo pero despois exactamente o mesmo.

Aida: Nós seguimos indo ás festas, seguimos saíndo en Santiago, seguimos indo aos bares, seguimos relacionándonos con xente de a pé (que é o que realmente somos)...[Risas] Somos tres tías moi normais.

Sabela: Se lle preguntas a unha Rosalía, a un C Tangana, a unha Nathy Peluso ou a unha Beyoncé supoño que si cambiarían. O único que cambia para nós é que cando saímos de festa as tres xuntas –ou imos dar unha volta as tres– temos que sacar moitas fotos. Entón, eu xa as obvio. Cando me din: ′Imos tomar algo?′. Digo que non [risas]. Pero despois, non cambiou nada máis. Nin a nosa relación coas compañeiras e compañeiros cos que subiamos antes o escenario nin cos nosos seguidores.

Pensades que axuda o feito de ser tres e que poidades facer equipa entre vós?

Olaia: Eu creo que si axuda. Tres é o tándem perfecto para o equilibrio. Ademais, se a algunha se lle sube un pouco –que non pasou– sempre haberá outras dúas persoas aí. E, sobre todo, hai un apoio e un non illarte. Ir acompañada sempre axuda. Non sei como sería vivir isto soa, creo que non sería capaz ou que morrería dunha crise de ansiedade no escenario.

"Non nos poñemos barreiras, que creo que é o principal para un artista"

Na entrevista que vos fixo a xornalista Teresa Cuíñas diciades que buscades separarvos un pouco da pandeireta, en que senso?

Aida: Máis nos directos que no disco.

Olaia: Separarnos da pandeireta no sentido de evolucionar á hora de defender un concerto e un proxecto. Sempre que vas detrás dun instrumento vas moi protexida, para nós é un cambio poder coller o micro e dicir ′ostras, que teño mans e teño corpo′. Tamén temos que atrevernos a dar ese paso. Para unha pandeireteira que ama o seu instrumento é como que estás protexida detrás dela; como pasa co pé de micro. Dar ese paso era importante para nós.

Sabela: O máis complicado era atopar o equilibrio nos directos para ter algunhas cancións con pandeireta e outras sen ela. Houbo que buscar ese equilibrio para que non se vira moi forzado, ao principio custou pero agora xa vai ben.

É un paso que xa anticipabades con Figa e Midas, nuns videoclips con máis coreografía entre as tres.

Sabela: Coreografía, non sei. Mellor chamémoslle...

Expresión corporal?

Sabela: Iso.

Aida: Mira que nós o intentamos. Fixemos un intento de coreografías, pero non nos sae. Non porque non sexamos capaces, pero xa vimos que por aí non...

Olaia: Non vai coa nosa personalidade.

Sabela: Eu sabíao desde o principio.

Semella que tedes moi claro o que queredes e o que non.

Olaia, Sabela, Aida: Temos máis claro o que non queremos.

Olaia: O que queremos vai un pouco coa época.

Sabela e Aida: Evolucionando.

Olaia: Non nos poñemos barreiras, que creo que é o principal para un artista. Poñerse metas? É moi importante no longo prazo, pero nós tampouco nos poñemos metas obrigadas. Fluímos.

"Poder poñer en valor palabras como aturuxo, foliada, serán e que a xente de fóra agora as coñeza é unha pasada"

Hai algún sitio de onde vos chamaron para tocar despois do Benidorm Fest que vos sorprendese especialmente?

Olaia: Pois a maioría dos que estamos tocando. Río Babel, Cruïlla, SonRías...

Aida: Eu penso que estar nos escenarios nos que a música tradicional e o galego nunca estivo. Poder dicir que estivemos aí é moi guai. E, obviamente, non é só traballo noso: é un traballo colectivo de todas as artistas que son contemporáneas a nós e ás de antes, que traballaron para que nós puideramos conseguir isto. Estar diante de 10.000 persoas que só falan en castelán e que canten cancións en galego porque vas ti coa túa pandeiretiña... Para min, que fun unha nena á que criticaron moitísimo por tocar a pandeireta, é moito.

Por que che criticaban por tocar a pandeireta?

Aida: Pois porque dicían que era de paletos. Estiven moitos anos perdéndome aniversarios das amigas por ir tocar a pandeireta e non o entendían. Eu dicíalles que era porque me obrigaba miña avoa, pero non sempre era así. Aínda que moitas veces si, porque ela dicía que se te comprometes hai que ir. Miña avoa ensinoume moitos valores como este do compromiso, pero tamén estaba aí a miña forza de vontade porque as miñas amigas estaban por detrás dicíndome que era unha friki por tocar a pandeireta...

Sabela: E mira agora!

[Risas]

Aida: Non, non, que elas se alegran moito!

Agora as crianzas téñenvos como referentes se queren tirar pola música tradicional.

Aida: Eu non sei por que é, pero o dos nenos e nenas é incrible. Igual é porque somos tres chavalas novas...

Olaia: Igual que nós tivemos referentes como Leilía. Agora a rapazada ve que nós vestimos coma eles, estamos nas redes e falamos coma eles. Ven isto como algo moderno do que estar orgullosos. Pode ser que isto chegue máis agora.

Volvendo a iso de levar o galego a novos palcos, o que estades é ensinándolle a todo o mundo o que é unha foliada.

Olaia: E é difícil eh! Primeiro veñen os cinco minutos de risas...

Aida: O peor de todo é que non lle explicamos aos de fóra o que é unha foliada, moita xente galega non sabía o que era. Poder poñer en valor palabras como aturuxo, foliada, serán e que a xente de fóra agora as coñeza é unha pasada. Por iso fixemos Terra. As palabras que hai na letra están especificamente escollidas para explicar todo isto.

"Fame de odio é unha forma de expresar un berro para rachar cos estereotipos"

Séguevos gustando cantar Terra?

Sabela: A min ségueme molando moito.

Olaia: Significa moito para nós, é o cambio. E ver ese orgullo nas caras da xente cando a tocamos.

Aida: Rayden díxonos despois dun concerto na praza da Quintana que el escoitara moitos tipos de aplausos, pero que un aplauso que non escoitara nunca e que vivira alí é o aplauso de orgullo. A xente non só aplaudíndonos a nóns, senón ao orgullo de ser de onde somos.

É que houbo un orgullo colectivo arredor desa canción e de como a defendíchedes no Benidorm Fest.

Olaia: O que facemos non é doado. É moi complexo poder abrir a mentalidade da xente co idioma, coa cultura, coa forma de cantar, co que expresamos en cada canción. Somos persoas comprometidas coa mensaxe, non é nada doado avanzar nese aspecto xa que hai moita xente que se sente atacada porque estás rompendo as conviccións que levan anos tendo.

Aida: A xente que pensa que somos un grupo que fai música mainstream está súper equivocada. Nós facemos música máis contemporánea e que pode chegar a máis xente, pero facendo música tradicional e en galego é de todo menos mainstream. Entón, nós o camiño témolo moito máis complicado. Sabemos que temos que traballar o triplo, porque aínda que a xente estea abrindo a mente hai moito camiño que andar, a respecto do galego por exemplo.

Olaia: E a todo.

Ás mensaxes tamén, claro. En Fame de odio, que presentades agora, trasladades unha idea moi potente tamén.

Olaia: Nós sempre escribimos cancións en feminino porque así nos sentimos identificadas.

Sabela: Escribimos algo que vivimos.

Olaia: Fame de odio, como pasa con outras moitas cancións, é unha forma de expresar un berro para rachar cos estereotipos. Agora parece que todas temos que ser iguais, e non. Vivan os corpos, viva a diversidade e viva o amor por nós mesmas.

Sabela: Vivan os corpos, viva a diversidade e vivan os gustos diferentes. É o que dicimos sempre: a xente á que estás atacando –igual que eu, que me atacan tamén polo meu físico– ten espellos na casa e non lle fai falta que lle digas ti nada.

Olaia: Á parte nós temos moi clara a regra dos cinco segundos, que é que todo o que non poida arranxar en cinco segundos esa persoa á que lle estás dicindo algo, non llo digas.

É unha regra que aplicades entre vós?

Olaia: Entre nós podemos dicirnos de todo, con sinceridade. Pero é verdade que para o resto da xente temos esta regra moi presente.

Aida: Se é para dicirlle algo bonito a unha persoa, adiante. Se ti pensas que pode non ser bonito, mellor calada.

 "Se teño que saír ao escenario enfadada con elas creo que xa non saio"

Agora que tedes que traballar con xente distinta todas as semanas, vai ben ter algo de paciencia non?

Sabela: Nós eramos as persoas con menos paciencia do mundo mundial. Era en plan: quero isto e o quero xa. Quero o disco e quero que salga xa. A raíz de traballar nisto fomos desenvolvendo bastante máis paciencia.

Aida: Imaxínate. Eu quería tirar todo abaixo porque Figa saíu tres meses máis tarde do que tiña que saír e xa non me aguantaba.

E para subir ao escenario, precisades ter un determinado estado de ánimo?

Aida: É moito máis fácil saír cantar cando todo está ben. Moi poucas veces hai tensión na nosa equipa, pero saír con tensión... Eu se teño que saír enfadada con elas creo que xa non saio.

Olaia: É que non podemos finxir no escenario. Hai días que estás mal, pero somos conscientes de que salvo que sexa algo moi grave, ou que ti te encontres mal, tes que dar o mellor de ti porque esas persoas pagaron unha entrada e están empregando o seu tempo en vir a verte. Polo tanto, ti tes que dar o mellor de ti sempre, e iso é moi esgotador.

Sabela: Cando sobes a un escenario tes unha responsabilidade.

Aida: Eu coa xente que non coñezo son súper tímida e cústame traballo cantar diante de xente, pero cando sobes ao escenario tes que tirarte cara a arriba.

Sabela: Eu métome no meu mundo.

Olaia: Pois eu teño un debate interno comigo mesma, sempre. Empezan aflorar as miñas inseguridades e a miña parte de empoderamento dime ′estás aquí porque o mereces′ para quitarme todas esas conviccións que me quixeron meter durante toda a vida de que eu non valía. Hai como un diálogo interno, á parte de lembrarme da letra e saber para onde teño que ir no escenario. O meu cerebro vai a moitísimas revolucións.

Aida: Eu a verdade é que non debato. Pero nos temas que me sei mellor teño que estar máis concentrada para non pensar en cousas como que teño que poñer a lavadora.

"Nas redes o que pasa é que moi pouca xente fai moito ruído"

Unha cousa moi interesante dos vosos concertos é que sempre hai un público moi heteroxéneo.

Aida: O mellor que nos puido pasar é ver a familias enteiras escoitando a nosa música. Ver a pais, avoas e netos todos xuntos. É que iso podes facelo moi poucas veces.

Estades un pouco nunha nube?

Sabela: Son tantas cousas as que se che pasan pola cabeza que ás veces estás na realidade e outras veces é como que a túa cabeza se vai e o ves todo como en terceira persoa. A min pásame que por momentos é como se Tanxugueiras fose un grupo e eu fose só Sabela, como se non pertencese a todo isto. Creo que hai veces nas que a miña cabeza me protexe e me pide distanciarme.

E como levades o que sucede nas redes sociais, porque a intensidade non baixou, para ben ou para mal.

Aida: Quedamos co bo. Non o lemos todo, Sabela e mais algo máis. Pero hai veces que veñen insultos de ′paletas′ ou ′ir a ordeñar vacas′ que dis ti: para que facerlle caso? Entón, quedamos co bo e penso que nos vai bastante mellor así.

Olaia: Eu creo que as redes sociais sacan o peor das persoas. Son moi boas para axudar en moitas circunstancias, pero parécenme a lacra da sociedade.

Aida: Levamos 45 concertos e en ningún nos insultaron nin pasou nada malo. Nas redes o que pasa é que moi pouca xente fai moito ruído.

As Tanxugueiras, durante a gravación do videoclip de 'Pano Corado' en Catoira © Rocío Cibes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.