Boulevar Libraría Edicións vén de anunciar o lanzamento da súa primeira obra, Inventaria, unha poesía reunida en edición bilingüe de Emma Pedreira que abrangue os seus poemarios entre os anos 1999 a 2009
Dende hai uns meses funciona en Bueu unha libraría que, coma todas as librarías, é moito máis. Pero neste caso, con moitos máis motivos. Boulevar (rúa Montero Ríos, 99, Baixo 04) vende libros, organiza contacontos e obradoiros para a cativada, acolle clubs de lectura e, ademais, agora tamén é editora. Boulevar Libraría Edicións vén de anunciar o lanzamento da súa primeira obra, Inventaria, unha poesía reunida en edición bilingüe de Emma Pedreira que abrangue os seus poemarios entre os anos 1999 a 2009.
Coincidindo co seu lanzamento, falamos co responsable de Boulevar, Daniel Chapela (Bueu, 1990), filólogo e concelleiro non adscrito na localidade, que nos explica en primeiro lugar como se debe ler o nome da libraría-editorial que puxo en marcha o pasado mes de abril: "é bou-levar, de levar un bou", facendo referencia á embarcación tradicional tan coñecida no Morrazo, ademais de á palabra francesa para designar unha rúa con árbores.
Dende o inicio o obxectivo de Chapela foi que a súa libraría fose tamén editora e cita como referencia a idea que tiña a compostelá Chan da Pólvora no seu nacemento "funcionar como libraría e como editorial e ademais facer todas as actividades posibles de dinamización da lectura".
"Estamos convencidos de que as formas de facer nunha libraría teñen que ir mudando, basicamente porque o mercado está mudando e as demandas dos consumidores mudan. E as persoas demándannos unha atención máis personalizada"
"Estamos convencidos de que as formas de facer nunha libraría teñen que ir mudando, basicamente porque o mercado está mudando e as demandas dos consumidores mudan. E as persoas demándannos unha atención máis personalizada, un trato máis persoal no que coñeces os lectores, o que lles gusta, informalos das novidades que van saíndo. Penso que este tipo de cousas animan bastante. Unha persoa que vén ao club de lectura acaba tamén mercando máis libros na tenda, porque son persoas amantes da lectura", explica en relación ás actividades que acolle o espazo ou que se organizan nel.
"Estamos moi satisfeitos coa acollida dos veciños, con ser un negocio que no seu segundo trimestre de apertura xa está xerando beneficios", destaca. Neste éxito, apunta, é fundamental para unha libraría pequena e local ser quen de competir con plataformas como Amazon
"Moita xente descoñece que se nos pide un libro hoxe pola mañá, teno aquí mañá pola mañá. Ás veces é cousa de facer un pouquiño de pedagoxía para informar á xente. E unha vez que os veciños e as veciñas saben isto, saben que as condicións que lles imos ofrecer son as mesmas que as de Amazon, pois deciden mercar os libros a nós", di.
"Tócanos explicar ás veces que se a xente quere ter actividades na vila, se queren ter negocios, teñen que apostar polas pequenas librarías"
"Tócanos explicar ás veces que se a xente quere ter actividades na vila, se queren ter negocios, teñen que apostar polas pequenas librarías. Aquí os clientes habituais reciben un carné de cliente co que se lle fai sempre un 5% de desconto, que é o que lle ofrecen nas grandes plataformas, damos agasallos por cada cinco libros que se mercan... Son cousas que fan que a xente teña interese na libraría en vez de apostar polas grandes plataformas", destaca.
E conclúe: "o que é evidente é que o mercado tradicional está obrigado a actualizarse e a buscar unha maneira diferente de facer as cousas cos veciños para que non nos coman as grandes plataformas".
O primeiro libro do selo: de Emma Pedreira
Non foi casual a elección de Emma Pedreira como a primeira autora en ver publicada unha obra en Boulevar. "O nome do noso negocio púxoo ela e tamén puxo o lema: 'Levade libros ou levades hostias', que ela nunca pensou que me atrevese a poñelo no escaparate", explica
Tampouco foi casual a elección de Emma Pedreira como a primeira autora en ver publicada unha obra en Boulevar. "É unha persoa moi especial tanto para min coma para Beatriz Pereira, que é quen fai as maquetas; tivemos sempre moita relación con ela", explica Chapela. "O nome do noso negocio púxoo ela e tamén puxo o lema: 'Levade libros ou levades hostias', que ela nunca pensou que me atrevese a poñelo no escaparate da libraría", di e engade: "parecíame normal agarimar con este recoñecemento a unha persoa que participou desta maneira no proxecto".
A obra, Inventaria, publicada nunha edición bilingüe galego/castelán, reúne os dez primeiros anos da autora coruñesa como poeta, compilando os libros Diario bautismal dunha anarquista morta, Grimorio, Corpo, As posturas do día, Velenarias, O caderno d’amor e os velenos, Casa de orfas, As adentras, Caderno de Lisboa e Alucinario. Ademais, desde a editorial aseguran estar traballando xa nunha recompilación de características similares para a narrativa de Pedreira até o ano 2010, que contería As cinzas adentras ou Bestiario de silencios.
"Penso que é un libro moi necesario", destaca Chapela. "Vivimos nun país no que os libros se descatalogan moi rápido e ás veces resulta complicado acceder a determinados títulos, especialmente no caso da poesía", di
"Penso que é un libro moi necesario", destaca Chapela. "Vivimos nun país no que os libros se descatalogan moi rápido e ás veces resulta complicado acceder a determinados títulos, especialmente no caso da poesía", di. "Ímolo sacar de forma bilingüe, para que calquera persoa no Estado español poida acceder a esa poesía. Eu considero que unha das cousas que máis falta na literatura galega é a cuestión da internacionalización, porque ao final tradúcense títulos moi concretos ou autores determinados e faltan algúns tan destacados como Emma Pedreira, que é unha autora que participou no movemento poético dos 90, que foi un movemento hiperrenovador", sailienta.
Boulevar Libraría Edicións anuncia tamén as súas dúas próximas publicacións: a obra infantil Un verán superheroico, da autoría de Ana Vigo e con ilustracións de Laura Romero, e o libro de banda deseñada Netchu, o neno momia, da autoría de Baltar Morgade. Ambos os libros serán publicados en galego e en castelán.
"Boto en falta esa aposta pola internacionalización da literatura galega, moitas veces pola falta de axudas. Pero creo que é importante conseguir que as nosas voces se escoiten e se lean en todo o Estado", destaca Chapela
"Todas as obras que publiquemos van saír sempre en galego e castelán", adianta Chapela. "E sempre ao mesmo prezo nas dúas linguas -grazas a empresas como Sacaúntos que permite unha política de custos que facilita este obxectivo- pois moitas veces os libros en galego son máis caros", engade.
Boulevar "é un proxecto cultural e un proxecto en boa medida, político, dende un xeito diferente de facer as cousas. Boto en falta esa aposta pola internacionalización da literatura galega, moitas veces pola falta de axudas. Pero creo que é importante conseguir que as nosas voces se escoiten e se lean en todo o Estado", remata Chapela. "O libro de Emma estase vendendo en distintos lugares do Estado e iso é moi importante para a difusión da literatura galega e tamén para incrementar os ingresos dos autores e autoras do país, pois a cultura é unha profesión e os seus profesionais teñen que comer e poder vivir do seu traballo", engade.