A escritora Emma Pedreira vén de recoller o Premio Xerais por Besta do seu sangue, unha novela na que indaga, a partir dunha ampla documentación, na vida e sobre todo, na psique, de Manuel Blanco Romasanta, quen foi, que se saiba, o primeiro asasino en serie galego. A autora gañou tamén o Fiz Vergara Vilariño con As voces ágrafas, aínda inédito. E Alvarellos publicoulle Antídoto, o poemario recoñecido co Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba. Neste último libro inclúese Lista da compra da viúva, poema que recibiu no 2017 o Premio Internacional Jovellanos como El mejor poema del mundo. Pedreira respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre estas tres obras.
Boa parte de Besta do seu sangue conta de que maneira puido Romasanta chegar a ser quen foi. A partir, basicamente, do rexeitamento social por non encaixar no binarismo sexual. Como xorde a idea desta novela e por que decides enfocala así?
Levo moitos anos atrás da figura de Romasanta, desde que visitei por primeira vez a Ribeira Sacra e os lugares que frecuentou en Galiza. Lin, vin, escoitei, preguntei e puiden ir compoñendo a personaxe a través da historia e da mitoloxía. Durante uns anos quedou larvada a idea de escribir sobre el, ata que lin Manuela Blanco Romasanta, o lobishome asasino, de Xosé Ramón Mariño Ferro, onde daba mostras abondas sobre o feito de que Romasanta comezara a súa vida como muller e aí prendeu de novo a chispa.
“Sempre me teño preguntado o por que das condutas psicópatas, cal é a orixe, o punto de ignición na mente dunha persoa asasina”
Contar esa mesma historia, desde o principio e baixo esta perspectiva podía cambiala un pouco. Sempre me teño preguntado o por que das condutas psicópatas, cal é a orixe, o punto de ignición na mente dunha persoa asasina e, en Romasanta, temos a figura da primeira persoa que comete asasinatos en serie e de maneira ritual e que pode ter un calibre histórico, mitolóxico e ficcional á altura do mesmo Jack o Destripador.
A novela mestura, supoño, o que se sabe sobre a biografía de Romasanta coa lenda sobre a súa figura. Gciencia vén de publicar unha reportaxe sobre o que se sabe… Como te documentaches ti?
Ademais de visitar lugares como Esgos, Allariz, parte da Serra de San Mamede ou Chaves para coñecer os escenarios, a documentación que fixen non tivo nun principio a intención de rematar nun texto, senón que era unha viaxe persoal arredor desta figura humana e mitolóxica.
“Durante máis de vinte anos fun lendo todo o que se publicou ao respecto”
Durante máis de vinte anos fun lendo todo o que se publicou ao respecto e que sumaba cine, documentario, programas divulgativos, moitas fakenews (como a do achádego dos restos das vítimas). Mais se cadra teño que dicir que a miña intención de participar o ano pasado nas Xornadas Romasanta que se celebran en Allariz –ás que ao final non puiden acudir, sendo isto clave para poder ter recollido o Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue- foi o que fixo que comezase a recompilar todo o material de cara a construír unha ficción.
Tras estas xornadas, Urco Editora edita un libro compilatorio de relatos que se extraen do falado nas ponencias e, nun destes volumes atopei o fantástico relato de Andrea Barreira Freije O canto da peeira’. Senllas citas abren e pechan Besta do seu sangue porque, teño que recoñecer, hai unha chea de débedas a todo o que teño lido e que achegou luz sobre Manuel/Manuela. Ademais de Barreira Freije, antes citaba a Mariño Ferro e tamén teño que citar o bestial relato fotográfico de Laia Abril Lobismuller, os tres xermolos temáticos centrais da miña novela.
A novela é, realmente, moi lírica no seu estilo. Está estruturada, ademais, coma unha sucesión de pequenos textos que integran a perspectiva dunha multiplicidade de voces. Nótase un esforzo por atopar a palabra xusta, por non contar demais… Hai algunha razón especial que explique tanto o estilo como a estrutura narrativa?
Falo de débedas e teño que dicir que a débeda estilística é con Susana Aríns e o seu Seique, por amosar que o hibridismo formal pode axudar a resolver o problema que tiña eu á hora de enfrontarme a Romasanta e levalo ao público lector de maneira efectiva e salvando obstáculos como o enxuizamento, o respecto e a compaixón. Aríns fai no Seique unha estrutura narrativa-poética que flutúa entre varias voces narradoras, muda de lugares sen textos explicativos, rompe a secuencialidade temporal…
“Falar desde Romasanta sen darlle excesivo protagonismo para non descompensar as súas vítimas, non crear un achegamento inxusto, unha mistificación”
Ese tipo de construto, unido á voz poética, resultoume necesario para crear un distanciamento coa personaxe principal. Falar desde Romasanta sen darlle excesivo protagonismo para non descompensar as súas vítimas, non crear un achegamento inxusto, unha mistificación. Nada máis lonxe da miña intención que a persoa que le, ao pechar o libro, sinta que Romasanta é xustificable ou digno de compaixón.
“Nada máis lonxe da miña intención que a persoa que le, ao pechar o libro, sinta que Romasanta é xustificable ou digno de compaixón”
Non hai argumentación, nin a favor nin en contra, hai unha exposición dos feitos desde todas as voces que compoñen a historia para que, como ocorre neste tipo de ficcións fragmentarias, sexa o público lector quen faga unha parte do traballo e decida como posicionarse. Ademais hai moitos hipervínculos invisibles que tiran á xente da lectura para ir na busca de información, para tratar de saber que foi verdade e que ficción.
Romasanta é un home, e tamén unha muller loitando contra un lobo. A relación entre os tres está chea de conflitos… Aínda que Romasanta non nega nada, respecto dos seus crimes. En que sentido é este libro reflexión sobre a relación dos humanos coa súa propia animalidade?
Castelao propuxo a vaca como animal totémico galego. Risco o lobo. A nosa mitoloxía en feminino marca varias mulleres poderosas como lobas sen pasar por ese proceso de licantropía, que é o paso de humana a besta; estas son a Raíña Lupa, a Raíña Loba da Limia e Pepa a loba, lobas todas elas por ir contra as convencións sociais e ser tan poderosas e donas de si como calquera home.
“A animalización pexorativa (loba, raposa, coella, pega) é todo un clásico de noso por estandarización patriarcal e máis de noso é aínda sentirnos a medias entre ser humano e animal”
A animalización pexorativa (loba, raposa, coella, pega) é todo un clásico de noso por estandarización patriarcal e máis de noso é aínda sentirnos a medias entre ser humano e animal. Somos unha sociedade que adora e maltrata a un tempo os animais, chea de matadoiros e santuarios e protectoras, e esa dualidade pode vir do conflito que teñen algunhas persoas co especismo.
“Somos unha sociedade que adora e maltrata a un tempo os animais, chea de matadoiros e santuarios e protectoras”
Esa violencia contra os animais está –fóra de toda abstracción poética- dentro de todas as persoas que non aceptan a súa parte animal.
Romasanta pásase, na novela, toda a vida buscando sangue. Mais en realidade é como se fose o seu propio sangue o que busca. Alén do feito en si dos asasinatos en serie, penso que quixeches darlle a ese devezo polo sangue un significado especial… Cal pode ser?
Eran dúas cousas as que tiña presentes ao escribir a novela: unha era que se quería seguir a tese da intersexualidade e falar do paso de Manuel a Manuela tiña que haber un conflito hormonal e, polo tanto, menstrual. A outra era que prefería a versión do propio Romasanta, na que se declaraba lobishome e non a das persoas que o acusaron, de onde vén o alcume de Sacaúntos.
“Prefería a versión do propio Romasanta, na que se declaraba lobishome e non a das persoas que o acusaron, de onde vén o alcume de Sacaúntos”
Do home-lobo asasino visualizamos tamén o sangue e o vermello sanguíneo é unha das tres cores que predominan na novela. O vermello tinxe case todas as páxinas, desde o menstrual até feminicida, polo que o sangue é alfa e omega, vida e morte e causa de desacougo vital de Blanco Romasanta como ser humano e como animal.
“O sangue é alfa e omega, vida e morte e causa de desacougo vital de Blanco Romasanta como ser humano e como animal”
E do sangue ao corazón. Antídoto está cheo do corazón como imaxe (entre outras). Por que?
Se cadra por aquela educación de base católica todas as persoas teñamos conciencia de que a alma reside no corazón e, para min, corazón e un lugar e un vocábulo recorrente na miña obra. O corazón como lugar da alma e tamén lugar do emocional, polo tanto os danos, os medos, todo sentimento que non ten pasado polo filtro racionalizador, está inserido aí.
“Antídoto un poemario de todo o dano que rexistra o corazón como filtro espiritual do corpo”
Antídoto é un poemario de todo o malo que se incrustou no corazón e que o foi enfermando e deixando morrer. É un poemario de todo o dano que rexistra o corazón como filtro espiritual do corpo.
Podería chamarse antídoto por buscar, se cadra, iso, un antídoto contra a dor. Que é dobre, quizais: a dor física da enfermidade. E a dor psíquica da perda de alguén que se quere. De que é antídoto este libro?
O título foi o último que escribín deste libro e foi unha decisión dificilísima, non atopaba nada que o definira; durante moito tempo estivo sen chamarse de ningunha maneira e noutro momento facía referencia ao veleno da dor e como remoer certos fantasmas vai debilitando a psique e o corpo.
“Antídoto forma parte dun proceso persoal de perda e de asunción da soidade e de aceptarse a unha mesma en singular”
Antídoto forma parte dun proceso persoal de perda e de asunción da soidade e de aceptarse a unha mesma en singular, polo que despois dunha tempada repousando, nunha tempada de dó asumida, os textos do poemario deixaron de mancar e puiden ver que o proceso da escrita fora mesmo curativo, polo que había que mudar o ton de velenoso a esperanzador, daí o antídoto. Sangrar o veleno, drenar o dano, limpar a ferida manca pero termina por curar.
O medo é un tema moi presente en Antídoto. Por que?
Creo que a soidade non escollida é un dos grandes medos desta sociedade no momento actual. O choque que supoñen as perdas emocionais e o illamento ao que nos levan é algo inevitable, pero no que pensamos con certo pavor. O afastamento mental da morte, a non preparación mental e física para sufrir desleixo ou perda… cando caes na conta de que na vida vas pasar por ese proceso non unha, senón varias veces, a sensación de vertixe e baleiro é enorme, algo que sobrepasa a simple definición do medo.
“Creo que a soidade non escollida é un dos grandes medos desta sociedade no momento actual”
Por outra banda, na soidade, o medo á responsabilidade unipersoal é abrumador; todas as cargas que se dividían agora recaen sobre a mesma persoa e, ademais dese momento de dó pola perda, asumir todas as tarefas en solitario tamén supón un pánico razoable. Ademais, un terceiro medo: a recaída.
“E se, unha vez que nos curemos das dependencias, volvemos caer no mesmo e repetimos os mesmos patróns?”
E se, unha vez que nos curemos das dependencias, que asumamos que podemos vivir como persoas individuais e non como parte de algo, volvemos caer no mesmo e repetimos os mesmos patróns? Daí os títulos das dúas partes do poemario: e seguido e Dúas veces na mesma pedra.
Antídoto está cheo de referencias literarias, mitolóxicas… De moitas mulleres nas que se busca, quizais, apoio. Por que? (Penso que ten que ver coa construción social da dor nunha sociedade patriarcal)
Para min é importante saber que todas as persoas temos a necesidade de ter unha rede de afectos que nos sosteña e que funcione por nós cando para nós é imposible. A parálise emocional e física en determinadas situacións é innegable e ter quen faga as cousas por ti permite que podas iniciar un proceso curativo de introspección. Isto ímolo entendendo as mulleres cada vez mellor, e imos procurando a construcións da tribo, das redes, do tecido de sororidade que nos permite continuar a vida en certos momentos.
“Imos procurando a construcións da tribo, das redes, do tecido de sororidade que nos permite continuar a vida en certos momentos”
Pero que pasa cando non existe esa rede e tes que abrir unha paréntese real na túa vida porque a dor non te permite erguerte para ir traballar, alimentarte, formar parte do día a día? Falo da depresión como doenza, da perda, da recuperación trala ruptura, da doenza física, dos pospartos, dos posoperatorios. A sociedade quérenos perfectas, silentes e activas, pero os nosos corpos e as nosas mentes non poden –nin deben-saltar o proceso de curación.
"Falo da depresión como doenza, da perda, da recuperación trala ruptura, da doenza física, dos pospartos, dos posoperatorio"
Hai en Antídoto unha mitoloxía de mulleres febles e fortes. As febles non tiveron ese soporte tribal e abandonaron porque preferiron a desaparición total a continuar finxindo e cargando coa dor. As fortes, dalgunha maneira, atoparon a máscara para facer que non pasaba nada. Ou foi ao revés, que as fortes abandonaron e as febles finxiron?
A lista da compra da viúva é unha muller que leva na lista o que é importante para ela, que non ten por que ser o que é importante para os demais. Podes explicar un pouco este poema?
Este poema tivo moita repercusión por ser premiado en 2017 como Mellor Poema do Mundo. Visibilizouse moito e recibín moitas mensaxes sobre el por parte de todo tipo de mulleres que fixeron lecturas moi interesantes e persoais. Eu falo del explicando que cada vez que unha muller fica soa polo que sexa, a súa lista da compra muda.
“Cada vez que unha muller fica soa polo que sexa, a súa lista da compra muda”
Non é só que pase do plural ao singular, senón que volven ao carro produtos de coidado e de aloumiño para si mesma que, se cadra, antes a desatención persoal viña aparellada cos coidados o resto e que polo tanto, cando ese coidado xa non é obrigatorio, a muller volve a verse a si mesma e pode redefinirse. Fala da soidade en termos de nova oportunidade e achádegos.
Listas da compra hai varias en As voces ágrafas. Que fai poesía a partir dunha experiencia tan cotiá como ir ao supermercado: e mirar con ollos curiosos. O xurado falou dunha “épica” da resistencia cotiá. Definiríalo así?
Todas pasamos case que a diario por unha superficie comercial e imos ao noso; a sociedade da présa e da urxencia fai que miremos a nosa lista da compra, os andeis de produtos e a fita transportadora da caixa, pero non nos preocupemos de quen despacha, quen repón, quen cobra.
“Entrar no supermercado con outra curiosidade e con empatía fai que vexamos historias persoais en cada lugar”
Entrar no supermercado con outra curiosidade e con empatía fai que vexamos historias persoais en cada lugar. Na carnicería, no lugar dos lácteos, na caixa de cobro. Todas elas historias de probable precariedade, de horarios de escravitude, de carreiras e aspiracións frustradas, de inexistencia de dereitos laborais, de conciliación familiar. Cando maior é a superficie comercial maior é o número destas potenciais historias, da súa épica. E para min estaban sen contar, por iso son “ágrafas”.
Aquí tamén hai varias voces. Como a dun circuíto pechado de televisión, que abre e pecha o libro, ademais. Quen nos fala en As voces ágrafas, que relevancia teñen as voces femininas e por que?
En As voces ágrafas falan case sempre mulleres porque sobre elas é que recae case toda a precariedade laboral deste mundo. Hai un par de homes que teñen discurso pero é agresivo e controlador xa que os seus traballos (seguridade de control e garda xurado) son estereotipos masculinos e ademais coinciden con postos de traballo normalmente reservados para os homes.
“En As voces ágrafas falan case sempre mulleres porque sobre elas é que recae case toda a precariedade laboral deste mundo”
Tamén hai repoñedores e clientes que, cada vez máis van facendo a compra con responsabillidade e coñecemento nos supermercados, pero que non son a masa habitual destes lugares. O resto son un desfile de mulleres clientas/dependentas que falan desde a súa experiencia de temas como a maternidade, a sobreexposición, a precariedade laboral, a falta de dereitos, a explotación no téxtil, a migración, a mendicidade.
A través da observación dun supermercado, o libro fala de varios temas, e entre eles, precisamente, a precariedade laboral é dos máis presentes. Algo lóxico cando se trata dun supermercado mais… penso que quixeches remarcar iso, e a súa relación co machismo (por exemplo, a historia da muller que non pode aleitar o seu fillo). Por que?
Se nos insertamos en calquera lugar de traballo o primeiro que respiramos son eses dous termos: precariedade e machismo, semella que van da man porque son as mulleres as que sofren esa maior falta de dereitos. En calquera posto de traballo que para acceder requira dunha foto, unha data de nacemento e un saber se es home ou muller antes da propia formación e experiencia, sabemos que vai haber unha clara descompensación.
“O capitalismo brutal golpea a familia, non existe conciliación familiar, respecto pola baixas maternais, as licenzas de lactancia, os horarios de escolarización das crianzas”
Non só falamos de que a partir de certa idade es inservible para certos postos ou que as diversidades funcionais estean descartadas para a vida laboral, senón que o capitalismo brutal golpea a familia, non existe conciliación familiar, respecto pola baixas maternais, as licenzas de lactancia, os horarios de escolarización das crianzas, e todo incide con maior violencia sobre a muller.