O Morrazo acolle os vindeiros 4, 5 e 6 de agosto en Bueu o SonRías Baixas 2022, unha nova edición dun festival "ecléctico, festivo e dinámico" que contará, entre outros, con Kase.O, Tanxugueiras, Delaporte, Grande Amore ou La M.O.D.A.
A organización do SonRías Baixas aposta por un festival "ecléctico, festivo e dinámico" con "estilos diversos"
Desde a organización advirten dun programa con "estilos diversos" e que mestura artistas consolidadas con bandas emerxentes. Serán variadas as apostas que acollerá a praia de Beluso na 19ª edición do estival que dirixen Jordi Lauren e Berta Domínguez.
"Serán tres xornadas intensas de música, gastronomía, praia e lecer no corazón das Rías Baixas, nun evento que pon en valor o territorio como destino turístico, musical e cultural", destacou Lauren, que lembrou a "aposta por un modelo de festival responsable, sostible e de futuro". "Facilitaremos que as e os milleiros de asistentes gocen dun evento de gran formato no que poden gozar do turismo de sol e praia, á vez que permite achegar o talento de artistas galegas emerxentes e favorece a o fortalecemento da economía km 0 a través da colaboración con provedores de proximidade ”, engadiu durante a presentación do certame.
O festival recupera o gran formato, con dous escenarios e vinte concertos
Pola súa banda, Berta Dominguez lembrou que SonRías Baixas é un dos festivais galegos “que cada ano suma máis público novo” e que moitas das asistentes “gozarán no 19º SonRías do seu primeiro festival”. A co-directora destacou a recuperación do gran formato do evento, con dous escenarios (Turismo Rías Baixas e Xacobeo 21-22), vinte concertos e a presenza significativa de mulleres programadas no cartel. Ademais, advertiu tamén da incorporación dunha sesión vermú o sábado 6, que contará coa música de dúas figuras imprescindibles da escena galega na actualidade: Grande Amore e La Duendeneta.
Ademais, Domínguez lembra que os últimos abonos ou entradas de día está dispoñibles na páxina web oficial www.sonriasbaixas.info . O abono (desde 50 euros máis gastos de xestión) inclúe acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia, e as entradas de día (desde 30 euros máis gastos de xestión) permiten asistir a xornadas concretas do evento.
Os concertos do 19º SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. O cartel do xoves destaca pola presenza do dúo electropop Delaporte, que dará a coñecer ‘Abril’, o seu último traballo discográfico, e do magnetismo único e pop urbano de Rels B, quen aúna decenas de millóns de seguidores en todo o mundo. Sobre o escenario do Multiusos da Estacada tamén estarán Sofía Gabanna, unha das grandes promesas do rap arxentino: JazzWoman, rapeira valenciana sempre disposta a abordar nos seus temas a denuncia social e o empoderamento feminino e que participará por vez primeira nun festival galego; Maurino, quen amosará por primeira vez en Galicia o seu future latin, e a rebordate enerxía de Cool Nenas (Mariagrep, Dani Costas e Kimberley Tell), sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.
O venres 5 o SonRías continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que regresa a Bueu co seu proxecto ‘Jazz Magnetism’, despois de esgotar as entradas do anto pasado, e na que será a súa última actuación en Galicia antes da súa retirada dos escenarios; o rapeiro Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais, e que chega ao festival coa súa xira do 20º aniversario; ou Ciudad Jara, o proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), que presenta nun potente directo o seu novo disco, ‘Cinema’.
A noite do vernes tamén contará coas actuacións de Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña na actualidade e que unicamente estará en Galicia no marco do SonRías; Bala, destacado dúo galego da escena do rock/metal alternativo que dará a coñecer o seu último disco, ‘Maleza’; Emlan, na súa primeira actuación en territorio galego cun novo e sorprendente espectáculo de rock e pop; e García Mc & Nación Quilombo, que proporá ao público unha estimulante viaxe polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’.
A programación pecharase o sábado 6 con Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a revolucionar a música tradicional galega e na que será a primeira actuación nun festival logo do lanzamento do seu novo disco, ‘Diluvio’; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, e que presentará o ‘Nuevo Cancionero Burgalés’ no SonRías -na súa única cita na provincia de Pontevedra deste verán-; ou Arnau Griso, no que será o seu derradeiro concerto ante o público galego.
Completan o cartel desta terceira xornada de SonRías Eskorzo, unha das bandas pioneiras do movemento mestizo en España e que está a celebrar o seu 25º aniversario; Sara Hebe, coa única data confirmada para Galicia este verán e na que presentará o seu último disco, ‘Sucia Estrella’; Balkan Paradise Orchestra, big band formada integramente por mulleres nas que os ventos e as percusións farán bailar ás e aos asistentes; e Suu, unha das novas voces catalanas máis destacadas da actualidade e quen dará a coñecer ‘Karaoke’.