A fin da pandemia e a eliminación das restricións de capacidade anticipan un verán de regreso total á normalidade e no que os grandes eventos musicais e festivos rexistrarán unha gran demanda. O 2022 será, pois, un período propicio para os festivais, despois de dous anos nos que a Covid-19 obrigou a suspender ou a reformular moitas citas. A provincia de Pontevedra distínguese dende hai tempo pola cantidade, diversidade e calidade dos seus festivais musicais, agrupados baixo a etiqueta de Rías Baixas Fest, que este martes presentou a súa nova edición, de novo co impulso da Deputación de Pontevedra.
O 2022 vai ser o ano para “recuperar os sorrisos e o gran formato”, destacou a presidenta provincial, Carmela Silva
Son sete as citas: PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas, que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro. Na súa presentación, nun acto celebrado baixo o magnolio do xardín do Pazo Provincial, destacouse que o 2022 vai ser o ano para “recuperar os sorrisos e o gran formato”. “Precisamos de alegría e felicidade e non hai nada como a cultura para desfrutar da boa vida”, subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, en presenza dos equipos responsables dos sete festivais.
Son sete as citas: PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas, que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro
“Este é o ano de recuperar os sorrisos e de dicirlle á xente que fomos capaces de manter os festivais, algo que era imprescindible, porque sería unha fonda irresponsabilidade non facelo. E este ano por fin puidemos recuperar ese gran formato para que moita xente poida vir e poidan ser felices”, engadiu Silva, lembrando o apoio emprestado pola Deputación de Pontevedra durante os anos 2020 e 2021, nos que a pandemia puxo en risco a supervivencia económica dos festivais. A presentación estivo amenizada coa actuación de Carolina Rubirosa, que interpretou o tema “O teu camiñar”, co que esta semana representará a Galicia no Festival Internacional Liet de Dinamarca.
Carmela Silva salientou tamén a importancia que estes festivais teñen a nivel turístico e económico para as localidades que os acollen, pois os festivais son música “pero tamén territorio, paisaxe, orgullo do que somos, gastronomía, que aquí é diferente porque está vinculada ás nosas tradicións e a unha relación coa terra que tanto nos dá”. E, igualmente, subliñou as apostas dos Rías Baixas Fest pola igualdade, coa promoción de programacións nas que a presenzas de artistas femininas é cada vez máis importante, e pola sostibilidade.
Os responsables do SonRías Baixas e do PortAmérica destacaron que a pandemia “púxonos ante un reto que criamos inasumible durante moitos meses” e agradeceron o “apoio incondicional” da Deputación
En nome dos eventos interviron Jordi Lauren, director do Festival SonRías Baixas, e de Ana San Román, do Festival PortAmérica, que destacaron que a pandemia “púxonos ante un reto que criamos inasumible durante moitos meses” e agradeceron neste senso o “apoio incondicional” da Deputación á marca dos Rías Baixas Fest. O director do Sonrías Baixas subliñou que “vimos dun período de desacougo e temos que volver convivir e reactivarnos de verdade. A verba coa que me quedo este ano é a de ilusión: volvemos vivir e a traballar con ilusión e estamos desexando abrir as portas e recibir a milleiros de persoas con ilusión”.
Axenda do Rías Baixas Fest
- PortAmérica: do 2 ao 4 de xuño en Portas e Caldas
- Atlantic Fest: do 15 ao 17 de xullo en Vilagarcía
- Vive Nigrán: do 15 ao 17 de xullo en Nigrán
- Sinsal: do 22 ao 24 de xullo na Illa de San Simón
- Sonrías Baixas: do 4 ao 6 de agosto en Bueu
- Marisquiño: do 12 ao 14 de agosto en Vigo
- Revenidas: do 7 ao 11 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía)