Co permiso do Entroido e do San Xoán, agosto é o mes festeiro por excelencia na cidade da Coruña. O día de inicio do mes máis vacacional éo tamén das festas de María Pita, que este 1 de agosto botaron a andar co pregón de Carolina Iglesias, a presentadora, cómica e guionista coñecida nas redes sociais como Percebes y grelos e que nos últimos tempos triunfa co podcast Estirando el chicle.
Tras o pregón comezou o programa musical con James Blunt, primeiro artista dunhas Noites de María Pita polas que tamén pasarán Edurne, Dani Fernández, Macaco e García MC ou Carolina Durante, entre outros. Como adoito, as festas inclúen tamén outras citas tradicionais como o Festival Internacional de Folclore, a Semana Clásica, o Certame de Habaneras, ou o Festival Manicómicos.
No peche de agosto chegará tamén outra cita tradicional das festas coruñesas, a Romaría do Parque de Santa Margarida, que recupera formato libre de restricións pola COVID. Comezará o día 26 coa Gran noite de folclore á que están convidados Eidos, Xacarandaina, Aturuxo, Donaire e Son d'aquí e continúa os días 27 e 28 con múltiples actividades e obradoiros e mais os concertos de Faíscas da Pontragha, Ailá, Caamaño e Ameixeiras, Mercedes Peón, Arredores, Milladoiro e Xisco Feijóo.
Alén das Festas de María Pita en sentido estrito, o programa festivo coruñés de agosto [pódese consultar enteiro aquí] tamén inclúe as festas de varios barrios. As de Oza-Gaiteira serán do 15 ao 16 de agosto e continúan no Castrillón do 17 ao 19, o 23 e Eirís e do 26 ao 28, en Novo Mesoiro.
Programación do Festival Noroeste
Tanxugueiras e Baiuca destacan no cartel da trixésima quinta edición do Festival Noroeste
A feira de artesanía Mostrart, as feiras do libro e do libro antigo e de ocasión ou Viñetas desde o Atlántico (os catro eventos, nos xardíns de Méndez Núñez tamén volven sen limitacións de asistencia a unhas Festas de María Pita que volverán contar, en paralelo, coa programación do Festival Noroeste, que chega á súa trixésimo quinta edición do 10 ao 14 de agosto.. Os concertos, coñecidos con máis demora do que viña sendo habitual nos últimos anos, celebraranse nunha decena de escenarios noutros tantos puntos da cidade.
O Noroeste deste 2022 comeza o día 10 con artistas e bandas como Ana Moura, Luna Ki, La Pegatina, La La Love You, Dorian, Maruja Limón ou Corizonas. Ao día seguinte, xoves 11, estarán na Coruña Maika Makovski, Emir Kusturica, Dios Ke Te Crew, Amparanoia ou Delaporte, entre outros. O día 12 destacan no cartel Tanxugueiras e Zahara; o 13 soarán Baiuca, Músculo!, UB40 ou Eve Cornelious. Na xornada final, o domingo 14, o programa inclúe a Miguel Costas, Biznaga ou El Combo Batanga. Pódese consultar enteiro, por horas e espazos, nesta ligazón.