As comisións de festas e orquestras están a vivir o seu rexurdir este verán, no que tiveron incertezas ata o último momento. As festas parroquiais son de novo masivas, pero ata cando se manterán? A Xunta ten unha solicitude para declaralas patrimonio cultural e inmaterial á que non contestou
En Santa Comba (A Coruña) celebraron este verán ″as festas máis exitosas″, non se recorda algo semellante desde que hai máis de trinta anos unha actuación de Manolo Escobar enchera a vila. Alí, a comisión de festas tivo que sortear as incertezas ante unha nova onda da pandemia e subir os prezos da cantina para facer fronte á inflación, que non deixou de aumentar desde que comezou a guerra na Ucraína. Problemas compartidos por todas as parroquias que non están impedindo que a veciñanza se organice para salvar as verbenas despois de dous anos de restricións sanitarias.
″Que son as verbenas? Galicia. O verán en Galicia para min baséase nisto, na xente desfrutando, praias e verbena″, asegura José Ramón Giao, secretario da comisión de festas de Vilalonga (Sanxenxo), que esta fin de semana celebra as festas do Carme, pero que xa tivo a gran celebración polo seu patrón, San Pedro, coas actuacións das orquestras Panorama e El Combo Dominicano. ″Aquí as festas son algo cultural, único, e deberan ser recoñecidas como tal″, salienta Nicolás Marrero, membro da directiva da Asociación Galega de Orquestras, que ten presentada na Xunta unha proposta para declarar patrimonio cultural e inmaterial as verbenas galegas.
Despois da regularización fiscal de 2012, o sector que rodea as verbenas tivo que mudar vellas prácticas e, nese afán, apostou por darlle peso ao seu valor cultural. Ao amparo da lei aprobada en 2016 en Galicia, que incorpora a figura do patrimonio cultural e inmaterial, e máis na lei de espectáculos de 2017, a Asociación Galega de Orquestras encargou en 2018 un informe que estimaba positiva a proposta de incluír as verbenas tradicionais na listaxe do patrimonio cultural e inmaterial do país. Dito informe, que tamén contemplaba declarar Ben de Interese Cultural (BIC) as festas parroquiais, está en mans da Xunta, pois foi presentado no rexistro da Consellería de Cultura para o seu estudo antes do inicio da pandemia. É a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a encargada de pronunciarse ao respecto, pero a súa resposta non chegou.
"Somos o país das tres mil verbenas, porque hai tres mil e pico entidades parroquiais, e cada parroquia quere ter a súa festa", di Amoedo
″O sector afronta neste verán unha especie de encrucillada porque se vai comprobar como queda a oferta de orquestras despois deste parón de dous anos, e por outro lado veremos cantas comisións de festas e asociacións de veciños quedan vivas e están dispostas a afrontar os riscos que supón neste momento facer unha verbena, unha festa parroquial. Está por ver como reacciona o sector e se segue a ser necesaria unha especial protección das festas parroquiais como un fenómeno cultural bastante peculiar. Somos o país das tres mil verbenas, porque hai tres mil e pico entidades parroquiais, e cada parroquia quere ter a súa festa″, explica Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e encargado de elaborar o informe.
″O informe ten un punto de vista legal, aínda que tamén contempla cuestións históricas, sociolóxicas e mesmo antropolóxicas relativas á herdanza castrexa, romana esueva, e a ese fenómeno parroquial. Limiteime a apuntar as principais evidencias que dotan de carácter cultural senlleiro ás festas parroquiais, que son as que debera incluír o expediente de declaración de patrimonio cultural e inmaterial que debería ter emitido a Consellería de Cultura″, agrega Amoedo, para apuntar as eivas no desenvolvemento das políticas patrimoniais en Galicia, que manteñen unha tradicional atención ao patrimonio físico, pero non se dan présa en protexer cuestións inmateriais coma estas festas parroquiais ou mesmo o baile tradicional, que tamén agarda por ese recoñecemento e protección.
A Asociación Galega de Orquestras estima que unhas vinte orquestras desapareceron nos dous últimos anos
Desde a Asociación Galega de Orquestras trasladan que este ano non teñen máis traballo que antes da pandemia, pois polo camiño quedaron moitas orquestras que tiveron que deixar de actuar ou que non atoparon persoal para este verán, ou que incluso non se prepararon para saír ante as incertezas da COVID-19. Non manexan cifras exactas, pero estiman que unhas vinte orquestras desapareceron nos dous últimos anos. ″Este ano non houbo axudas das Administracións, pero mantívose a incerteza ata o último momento″, conta Nicolás Marrero, quen non considera que exista unha ′moda′ das orquestras: ″Sempre estiveron aí″.
Porén, este representante do colectivo das orquestras destaca como moitas souberon achegarse ao público máis novo, modificando as cancións que interpretan e a súa maneira de comunicarse nas redes sociais. ″A diferencia é que agora, se hai xente nova entre o público, non escoitarás todo pasodobres″, di Marrero, que non fai distincións entre orquestras grandes e pequenas, se non que distingue as orquestras con maior poder de convocatoria. Estas serían, a día de hoxe, a Panorama, París de Noia, Satélite e Olympus. "Teñen mega infraestruturas e o seu prestixio vai acompañado pola cantidade de xente á que moven. Aquí o público é o que manda", sinala.
O momento para reunirse
Hai seis anos que un grupo de amigos se encarga da comisión de festas en Santa Comba, este verán resultoulles máis difícil organizalo todo porque comezaron máis tarde e co medo aos contaxios co coronavirus non tiñan claro o que pasaría. O certo é que todo saíu mellor do esperado e as incertezas volveron ser as de sempre. ″Estivemos rezando para que non chovera porque por moita carpa que teñas, se chove vén menos xente e nós non temos uns ingresos fixos, necesitamos que veña moita xente e consuma no bar″, recoñece Rafael Pérez desde a comisión do municipio coruñés. Aínda lles queda por celebrar o San Cristovo, o último fin de semana de xullo, e o Muuuito Rock in Xallas en setembro.
"O feito de que haxa unhas festas, como se só hai un gaiteiro, e de poder xantar coa familia, iso é o que significa unha festa", di Rafael Pérez, da comisión de Santa Comba
Unha das peculiaridades destas festas parroquiais é a maneira de financiarse, pois a maior parte dos ingresos chegan directamente da veciñanza. ″Imos porta por porta pedindo para as festas por todo Vilalonga. Case un 80% do orzamento que temos sae de aí, e ten que ser así porque ese contacto coa xente está moi ben. Sei que nalgúns sitios xa che pasan un recibí polo banco, pero vexo mellor este sistema. Como comisión de festas fas un esforzo, pero é para o teu pobo. Hai xente maior que che di, eu non vou ir pero douche igual. Por iso é importante manter unhas festas que sexan para a xente de aquí. Está ben traer orquestras grandes e que veña xente de fóra, pero daría moita rabia que a xente do pobo que contribúe non puidera entrar na praza″, debulla José Ramón Giao desde Vilalonga.
″Para min son as datas nas que moita xente se volve ver. Moita xente que está emigrada no Brasil, Suíza e na Arxentina, sobre todo, regresa para as festas. Se non houbese festas sería un incentivo menos para volver. Eu teño amigos que case só volven polas festas, veñen ver á familia e pasar uns días por aquí; e son os días que os vexo ao longo do ano. A importancia destas festas par min é iso, que son unhas festas de reunión. Impórtame menos que orquestra hai, porque iso é para que veña xente de fóra. O feito de que haxa unhas festas, como se só hai un gaiteiro, e de poder xantar coa familia, iso é o que significa unha festa″, expón Rafael Pérez.