A primavera está xa a ser intensa para as orquestras galegas, despois de dous anos de actividade máis limitada por mor da pandemia de COVID. Por exemplo, no que levamos de mes de xuño a París de Noia pasou por Aguións (A Estrada), A Silva (Cerceda), O Castiñeiro (Lugo), A Valenzá (Ourense), Suxo (Muxía), Malpica de Bergantiños, Seoane (O Carballiño) e Poio, ademais de ofrecer outras sete actuacións en Madrid, León, Valladolid e Asturias. Mentres, a Panorama estivo en Cuntis, Barrocás (Ourense), Barrantes (Ribadumia), Burela, Poio, Sarria e A Estrada, ademais doutros 13 concertos en Madrid, Cataluña, Estremadura, Aragón, Asturias e Castela e León.
A primavera está a ser intensa para as orquestras galegas, despois de dous anos de actividade máis limitada por mor da pandemia de COVID e o verán promete selo moito máis. Volven as verbenas masivas
Tampouco parou outra das grandes orquestras galegas, o Combo Dominicano, con eventos en Barrantes (Ribadumia), Perlío (Fene), Cee, Burela, Carreira (Ribeira), Viveiro, Dena (Meaño), A Valenzá (Barbadás), Troáns (Cuntis), Vilamartín Pequeno (Barreiros), Isorna (Rianxo), Redondela, San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa), Ourense, Calo (Teo), Sampaio (A Estrada), Sarria ou Leiro. E, por suposto, os meses de xullo e agosto preséntanse cunha programación aínda máis cargada para os conxuntos musicais galegos, que percorrerán cidades, vilas e aldeas, todas as parroquias galegas de norte a sur nun verán no que volven as verbenas masivas.
A parroquia de Vilamaior conta con pouco máis de 300 habitantes, pero este mércores espérase que o duelo das dúas orquestras xunte máis de dez mil persoas
Un dos días grandes deste ano terá lugar este mércores 29 de xuño no pequeno núcleo rural de Vilamaior, en Verín, onde se sitúa o Santuario dos Remedios, a uns catro quilómetros do centro urbano da vila ourensá. Alí a partir das dez da noite actuarán a Panorama e a París de Noia, as dúas orquestras galegas que arrastran máis seguidoras e seguidores e que adoitan reunir milleiros de persoas nos seus concertos. A actuación conxunta de seguro que atraerá público de todo o sur de Galicia.
A actuación conxunta da Panorama e da París de Noia reuniu máis de 20.000 persoas en San Martiño (Foz)
A parroquia de Vilamaior conta con pouco máis de 300 habitantes, pero este mércores espérase que o duelo das dúas orquestras multiplique varias veces esta cifra. Son poucas as ocasións en que estas dúas agrupacións actúan á vez. Fixérono, por exemplo, no 2018 en San Martiño (Foz), reunindo máis de 20.000 persoas. E tamén ese ano en Callobre (A Estrada), provocando atascos quilométricos na estrada N-640. O pasado ano a TVG acolleu o "duelo" entre as dúas orquestras nun programa especial que buscaba responder á pregunta "Cal das dúas orquestras máis importantes de Galicia gusta máis?".
Protección Civil de Verín recomenda ao público asistente achegarse "con tempo para evitar posibles retencións"
A agrupación de Protección Civil de Verín recomenda ao público asistente achegarse "con tempo para evitar posibles retencións". Recoméndase acudir a pé, seguindo un itinerario de dous quilómetros dende o Fogar de Santa María. As persoas que accedan en coche deberán facelo a través da estrada OU-114 que vai a Campobecerros e advírtese que "non estará permitido o acceso pola estrada dos viñedos en dirección ao Santuario dos Remedios, agás transporte público". Haberá aparcamentos habilitados a carón da zona de concertos e unha parada de taxis a carón do Santuario dos Remedios.
Oo evento está impulsado por unha adega da Denominación de Orixe Monterrei, que aproveitará o concerto para lanzar unha nova marca de viño
As dúas orquestras chegan a Verín despois de reunir en días sucesivos a varios milleiros de persoas en Poio, no marco das festas de San Xoán. A organización do evento en Vilamaior está impulsada por unha adega da Denominación de Orixe Monterrei, que aproveitará o concerto para lanzar publicamente unha nova marca de viño, cultivado precisamente nesta zona.