As orquestras de verbena contan, por vez primeira, cun convenio colectivo

Actuación da orquestra Panorama © Panorama

"Isto era a selva". Así define Teté Pérez Pardo (CC.OO) a situación do sector das orquestras de verbena ata hoxe. Un sector que abrangue a 4500 traballadores e traballadoras (a cuarta parte, aproximadamente 1125, son mulleres) entre artistas, persoal técnico e de condución de vehículos que ata agora carecían en moitos casos dalgúns dereitos laborais básicos. Este venres representantes de CIG, CCOO, UGT e CSIF e da Asociación Galega de Orquestras (AGO) como parte empresarial asinaron o primeiro convenio colectivo do sector das orquestras de verbena. O primeiro de Galicia e de toda España, onde funciona un de salas de festas e discotecas, que recolle por riba a situación dos músicos, pero que non se axusta á actividade real das orquestras. As entidades asinantes destacan que pode ser "un referente en todo o Estado".

No último momento unha das organizacións empresariais, ASEVEGA, descolgouse do acordo, "non sen antes ter intentado rebentar o proceso, dedicándose a asinar diferentes convenios de empresa de xeito simultáneo", segundo denuncia a CIG.

O sector emprega a 4500 traballadores e traballadoras entre artistas, persoal técnico e de condución de vehículos que ata agora carecían en moitos casos dalgúns dereitos laborais básicos

Teté Pérez Pardo cualifica o acordo como "un feito histórico" que "marcará un antes e un despois" e que "culmina décadas de traballo sindical para regular e mellorar as condicións laborais deste colectivo profesional". Un "bo convenio" que sobre todo axuda a superar a actual situación de desregulación que sufrían estes traballadores e traballadoras. "Había moita xente que non tiña unha nómina, que non tiña un descanso entre xornada e xornada, que cotizaba á Seguridade Social por cantidades moi inferiores ás que deberían. Por fin conseguimos que este colectivo de 4.500 traballadores e traballadoras pasasen a ter ese tratamento de traballadores/as, porque ata agora eran músicos ou artistas, un concepto que os deixaba sen dereitos moi importantes", salienta.

"Había moita xente que non tiña unha nómina, que non tiña un descanso entre xornada e xornada, que cotizaba á seguridade social por cantidades moi inferiores ás que deberían"

O persoal pasa a ter dereito a unha nómina mensual, cotización á seguridade social polo salario realmente percibido, deducións en concepto de IRPF, descansos semanais, vacacións e licenzas retribuídas, pagas extraordinarias... En canto ás táboas salariais, establécense segundo a facturación anual de cada empresa, divididas estas en catro grupos. En cada grupo, os salarios fíxanse segundo os diferentes grupos profesionais, oscilando entre os 14.490 e os 30.632 euros ao ano como mínimo. Ademais, o salario dos bolos ou das actuacións establécese en 60 euros diarios na tempada baixa e 90 na alta. A este respecto, o ano natural divídese en dous tipos de tempada: a baixa, do 1 de novembro ao 30 de abril, e a alta, do 1 de maio ao 31 de outubro.

"Moitas orquestras, ata hai pouco, nin sequera eran empresas" -explica Pérez Pardo- "e a relación cos seus traballadores non era unha relación laboral común, eran tratados como artistas, que é unha figura que pode funcionar para unha actuación concreta e puntual, pero non para estas persoas. Persoas que poden estar traballando de forma continuada seis meses, pero que vían como despois dese tempo tiñan cotizados 20 días". O convenio permitirá cousas tan básicas como que os traballadores e traballadoras teñan recoñecementos médicos periódicos ou que se lles poida retribuír o desgaste dos seus instrumentos. "Porque os instrumentos lévanos eles e tamén se gastan ou rompen e ata agora todo tiña que saír do seu peto. Ao igual que a roupa de traballo, a roupa para actuar", subliña a representante de CCOO.

O convenio permitirá cousas tan básicas como que os traballadores e traballadoras teñan recoñecementos médicos periódicos ou que se lles poida retribuír o desgaste dos seus instrumentos

Teté Pérez Pardo sinala outros aspectos do convenio asinado, por exemplo o relativo aos horarios e tempo de descanso estipulado legalmente, fixando unha xornada máxima anual de 1.680 horas, distribuídas en 36 horas semanais. No convenio recóllese así mesmo a consideración dos ensaios, gravacións, actuacións e tempos a disposición da empresa como xornada laboral. "É importante que teñan un descanso entre xornada e xornada. Pode haber xente que saia da súa casa ás seis da mañá, toca nunha sesión vermú, toca pola noite, desprázase a outro lugar, fai o mesmo, e así durante varios días. Non había xornada regulada, non había tempos de descanso...", di. O convenio detalla todos estes puntos e dereitos, e mesmo dedica un apartado a regular a sesión vermú (fixa unha axuda económica de corenta euros para compensar a participación en sesións matinais).

"Non había unha política de saúde laboral específica e son traballadores moi expostos porque están todo o día na estrada, porque teñen que soportar ruídos fortes de forma continuada"

De igual xeito, Pérez Pardo salienta elementos relacionados coa saúde e as enfermidades laborais propia das e dos músicos e do resto do persoal das orquestras: "Non había unha política de saúde laboral específica e son traballadores e traballadoras moi expostas, porque están todo o día na estrada, porque teñen que soportar ruídos fortes de forma continuada".

 

Unha loita con décadas de historia

O acordo foi asinado por Teté Pérez Pardo, responsable do Sector de Medios, Ocio, Cultura e Deporte da FSC de CCOO de Galicia; Pedro Pérez Caride, secretario nacional de Negociación Colectiva da CIG-Servizos; Raimundo Méndez García, secretario de Política Social da FMC de UGT Galicia e Eduardo Reto Portela, presidente da CSIF-Galicia.

A loita sindical polas condicións laborais do persoal dedicado ao mundo do espectáculo remóntase aos anos setenta do século pasado

A loita sindical polas condicións laborais do persoal dedicado ao mundo do espectáculo remóntase aos anos setenta do século pasado. O Sindicato Galego da Música (SGM), posteriormente Sindicato Galego do Espectáculo (SGE) e hoxe en día integrado en Comisións Obreiras, tivo un papel fundamental neste traballo, destaca Pérez Pardo. Dúas persoas claves na fundación do SGM foron Benedicto García Villar, cantautor de Voces Ceibes e sindicalista de CCOO, e Ángel García Seoane Gelo —actual alcalde de Oleiros—, músico de orquestra naqueles tempos e primeiro secretario xeral do sindicato.

Desde CCOO salientan así mesmo o labor realizado por persoas que estiveron na dirección do SGM, como Moncho Varela, Cruz Andrade, Xosé Ramón Santomil, Antón Rodríguez ou Pablo Morán —este último, ademais, presente na mesa de negociación do convenio que acaba de ser presentado— ou, xa na época do SGE, de Vicente Montoto, Avelino González ou Susana Dans.

 

Sinatura do convenio, este venres © CIG
Actuación da orquestra Panorama © Panorama
Público durante unha verbena no San Froilán © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.