A marca de orixe británica mercada pola chinesa SAIC salienta que o seu proxecto en Galicia supón "o reinicio da fabricación en Europa"
MG, a marca emblema para Europa de SAIC Motor, emitiu un comunicado no que detalla algunhas características do proxecto de fabricación de vehículos que quere instalar en Ferrol e As Pontes e para o que xa está a tramitar os permisos. Segundo di, "a nova planta integrará investigación e desenvolvemento de vehículos, fabricación avanzada, subministro de compoñentes clave e operacións loxísticas intelixentes, configurando un ecosistema industrial totalmente conectado de principio a fin".
MG, nacida no Reino Unido en 1924, pasou por diversas mans ata que foi mercada pola chinesa SAIC hai dúas décadas. A marca salienta que a planta que agora quere instalar en Galicia suporá "o reinicio da fabricación en Europa", e confirma as grandes cifras avanzadas este luns pola Xunta, que tramita o proxecto en "colaboración máxima" co Goberno de España: "aproximadamente 200 millóns" de euros de investimento, "máis de 2.000 empregos", inicio da produción previsto para 2028 e capacidade anual de "ata 120.000 vehículos".
Segundo MG, a planta de Ferrol "ampliará significativamente a produción e o aprovisionamento localizados, reforzando a resiliencia, capacidade de resposta e axilidade da cadea de subministro europea de MG". Segundo o seu director xeral para Reino Unido e Europa, William Wang, a plan responde á súa estratexia 'En Europa, para Europa' de "fortalecemento da nosa presenza en Europa" coa que di acelerar "o camiño de Europa cara a un futuro de mobilidade máis limpo, intelixente e sostible".
A marca salienta que a comezos deste ano entregou "o seu vehículo número un millón no mercado europeo" mentres que o grupo matriz, SAIC, "acadou a entrega do seu vehículo número 100 millóns a clientes en todo o mundo".