Tras meses de "colaboración máxima" de Xunta e Estado a primeira declara proxecto industrial estratéxico a iniciativa da empresa chinesa que suporía un investimento de 200 millóns para comezar a funcionar en 2028
Tras meses de "colaboración máxima, leal e efectiva" de Xunta e Goberno de España, segundo admitiu este luns o Goberno galego, a empresa chinesa SAIC Motor vén de pedir formalmente instalarse en Ferrol e As Pontes cun proxecto de 200 millóns de euros de investimento inicial que crearía 2.300 empregos e comezaría a producir a finais de 2028 uns 120.000 vehículos ao ano. Ante esa petición, este luns a Xunta declarou a iniciativa como proxecto industrial estratéxico (PIA), o que acelerará diversos permisos sectoriais que dela dependen e que irán paralelos da autorización estatal do investimento estranxeiro, que debe contar co permiso do Goberno de España.
SAIC Motor, de propiedade estatal chinesa e con base en Shanghai, conta con marcas como a anteriormente británica MG ou Maxus e vendeu o pasado ano máis de 4,5 millóns de vehículos en 170 países. O seu desembarco en Galicia para implantar o seu primeiro polo loxístico de montaxe e distribución dos seus vehículos en Europa vén precedido de meses de negociacións.
Houbo visitas por parte da empresa o pasado novembro a Vigo e ás Pontes e en xaneiro a Ferrol. En abril houbo viaxes á China para reunirse cos seus directivos do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e do titular da Xunta, Alfonso Rueda. Este último e a súa conselleira de economía, María Jesús Lorenzana, foron os que anunciaron este luns o primeiro paso administrativo entre reiterados eloxios da colaboración co Estado.
Segundo os datos facilitados polo Goberno galego, SAIC quere instalar no Porto Exterior de Ferrol unha planta de montaxe e loxística de vehículos e compoñentes para a "fabricación de 120.000 vehículos ano" e con "previsión de futuras actividades industriais". Tamén nesta primeira fase crearíase un centro "industrial e loxístico" nas Pontes. Segundo a Xunta, o proxecto contaría con 2.000 postos de traballo en Ferrol e outros 300 nas Pontes "nesta primeira fase", cuxas obras a empresa quere iniciar en 2027 para que estea "operativa antes de rematar 2028". Ademais, prevese tamén outro centro de "actividades auxiliares" no polígono ferrolán de Mandiá.
Esta declaración do proxecto de SAIC como estratéxico acelerará os diversos permisos sectoriais que dependen da Xunta. Pero o Goberno galego matizou que tamén son precisas actuacións doutras administracións, como o outorgamento de concesións por parte da Autoridade Portuaria de Ferrol e a autorización por parte do Goberno de España do investimento estranxeiro.
A instalación no porto de Ferrol require que a Autoridade Portuaria, cuxo presidente foi remudado hoxe mesmo, facilite espazos que xa están outorgados a outras concesións
Reiterando os seus eloxios á colaboración entre administracións, a conselleira admitiu que a instalación no porto de Ferrol requirirá de espazos que actualmente están entregados en concesión a outras actividades, pero a conselleira evitou concretar este luns como se van liberar para este proxecto, limitándose a sinalar que as posibilidades son que outros concesionarios renuncien, que as súas concesións rematen ou que se decrete o seu remate por incumprimentos. "Son terreos que van estar libres no momento en que se outorgue a concesión", dixo.
Por outra banda, este mesmo luns o Consello da Xunta aprobou a remuda do presidente desa autoridade portuaria, que desde 2021 era Francisco Barea Paz e que agora pasará a ser José Antonio Álvarez Vidal, ata agora presidente de Portos de Galicia.
Rueda tamén foi preguntado por outros proxectos barallados pola Xunta para As Pontes nos últimos anos como unha fábrica de rodas da tamén chinesa Sentury que non acabou de concretarse. "Amosa o difíciles que son estes procesos", dixo o presidente, que engadiu que "non imos deixar de intentalo por temor a que non frutifiquen".