O PP recorreu tamén ao risco de espionaxe para distanciarse do proxecto de SAIC en Galicia

Rueda e Feijóo, con membros do PP, este luns nunha parte do Camiño Litoral en Cabanas CC-BY-SA PPdeG

O Goberno de España e a Xunta, que levan meses presumindo da excelente colaboración e traballo conxunto nas negociacións que impulsaron a chegada de SAIC a Galicia, saíron este luns a defender o proxecto da automobilística chinesa ante as alertas de Defensa por un suposto risco de seguridade e espionaxe ao Arsenal e ao estaleiro Navantia na ría de Ferrol

A inusual coincidencia no tema e no enfoque das portadas de El País e El Mundo para advertir das reticencias do Exército e do CNI á implantación da fábrica de coches eléctricos no porto exterior de Ferrol, ao pé das instalacións militares e do estaleiro, sorprendeu a moitos. E non son poucos os que ven detrás unha campaña para que a Moncloa free o proxecto chinés en Galicia, un intento de influír no necesario visto e prace final, que ten que chegar do Consello de Ministros ao tratarse dun investimento estranxeiro que afecta unha infraestrutura crítica como o peirao ferrolán. De quen?

Vista aérea do Arsenal Militar de Ferrol © Ministerio de Defensa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu do "sorprendente" das informacións e lembrou que, durante os labores conxuntos de Estado e comunidade autónoma para atraer o investimento, "en ningún momento se falou de ningunha falta de seguridade nin risco militar". E o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, defendeu a instalación da fábrica, amosouse convencido de que se levará a cabo e limitouse a aclarar que o proxecto pode ter que asumir "unha serie de recomendacións", tamén desde o punto de vista de seguridade, que non poñen en perigo a súa viabilidade. 

A Xunta, Moncloa e o PP saíron a defender o proxecto de SAIC en Galicia; o alcalde de Ferrol advirte de "especulacións" e "intereses empresariais"

Ademais, o alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, cualificou as noticias publicadas de "especulacións" ou "información reciclada" e apuntou "máis a intereses empresariais que de seguridade". Mesmo o vicesecretario de Política Autonómica do PP, Elías Bendodo, malia o escaso entusiasmo do partido a nivel estatal co proxecto, seguiu a liña de Alfonso Rueda para dicir que "lle corresponde ao Goberno de España dicir se supón algún risco para a seguridade nacional" a chegada de SAIC. "Ninguén, ninguén compartiu con nós nin coa Xunta ningunha información ao respecto; todo o contrario, o Goberno coñece o proxecto desde hai meses e polo momento non fixo nin unha soa advertencia", aclarou. 

Fontes coñecedoras das negociacións entre SAIC e as administracións española e galega para o desembarco da empresa en Ferrol xa advertiran a Praza.gal de que os supostos riscos de seguridade pola proximidade ao Arsenal Militar da planta era unha baza que xogaban voces contrarias ao proxecto ou con intención de atrancalo. Entre esas voces, como contaban daquela e insisten agora, estaban e están as máis duras da dereita europea e do PP estatal pola súa posición contraria á China. E tamén algúns dos asesores máis próximos ao líder dos populares e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en materia económica e de política internacional. 

Voces da dirección do PP defenden en diversos foros desde hai tempo os riscos de seguridade que supón a chegada de SAIC a Ferrol

De feito, algunhas das voces que máis insisten en diversos foros estatais e internacionais sobre a ameaza de seguridade que supón a presenza dunha empresa propietaria do Estado chinés na ría de Ferrol forman parte da dirección popular e das súas reunións semanais. Porque a apertura aos investimentos impulsados por Pequín non é visto con bos ollos en filas conservadores nin en moitos dos seus principais asesores. Tampouco nos de Feijóo. 

A posición contraria do PP aos acordos do goberno de Sánchez con China é coñecida e pública. "Comprometen o principio de autonomía estratéxica da UE", encargouse de advertir a formación tras a última visita do presidente español a Pequín. En privado e en diferentes foros, a chegada de SAIC a Ferrol foi un dos acordos que máis criticou parte da dirección dos populares. 

O PP navega entre as críticas aos acordos de España coa China, as voces da dirección que recean da chegada de SAIC, o silencio de Feijóo e o entusiasmo de Rueda e da Xunta

Así, as reticencias que agora disque amosan en Defensa sobre a chegada de SAIC a Galicia non son as únicas. Desde hai tempo no PP estatal hai voces que, ao contrario que no PPdeG e na Xunta de Galicia —onde a posición a favor do investimento chinés no porto de Ferrol é clara—, recean da chegada da empresa automobilística, en liña tamén coas posicións máis duras da dereita internacional e das teses de Donald Trump e dos EUA, a quen hai quen ve tamén tras as informacións publicadas este pasado luns. 

De aí, explican outras fontes, o silencio (incomprensible para moitos) de Feijóo respecto do proxecto industrial para o norte galego. Nin unha palabra sobre o novo futuro que se lle abre a Galicia —tampouco este mesmo luns nun acto en Cabanas con Rueda, a poucos quilómetros de Ferrol— do que foi presidente do país durante 13 anos e sobre unhas comarcas ás que desde o seu goberno se prometeran ducias de iniciativas arredor da aposta de Pemex que quedaron en fracaso e sospeitas. Mentres a Xunta mantén o seu entusiasmo con SAIC. 

"Paranoia"

As mesmas fontes consultadas por Praza.gal advirten de que o temor ou as sospeitas que poidan vir do Estado Maior da Defensa (EMAD) non teñen que ver coa posición do PP, aínda que coincidan. "Responde á típica paranoia dun sector da defensa e da seguridade en España", din estas fontes, que insisten en que a postura desta parte do Exército vai na liña da de moitos dirixentes do PP e que iso explica o escaso entusiasmo que Génova mostra desde sempre co proxecto de SAIC en Galicia. 

A ministra Margarita Robles traslada a Rueda que o proxecto de SAIC en Ferrol terá o aval de Defensa

Contrasta esta posición co interese e as facilidades dadas pola Xunta para a chegada o grupo automobilístico e a aposta clara do goberno de Sánchez por atraer investimento chinés, distanciándose da política dura de Bruxelas e mesmo freando na UE unha guerra comercial co xigante asiático. De aí o temor de SAIC a que unha posible chegada de Feijóo e o PP á Moncloa poña atrancos no seu proxecto. As informacións publicadas este luns non reducen esa inquedanza. 

Mentres, este martes, e segundo conta Europa Press, a ministra de Defensa, Margarita Robles, trasladou a Alfonso Rueda que o proxecto de SAIC en Ferrol terá o aval do seu departamento e garante un informe favorable "sen prexuízo das condicións operativas" necesarias para blindar a seguridade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.