A chegada do xigante chinés SAIC a Ferrol activa as alertas de seguridade polo risco de espionaxe e de seguridade para España. El País e El Mundo publicaron nas últimas horas senllas informacións que informan da preocupación que existe no Ministerio de Defensa e no Centro Nacional de Intelixencia (CNI) ante a futura instalación do complexo industrial que a empresa automobilística propiedade do Estado chinés prevé no porto exterior, a uns cinco quilómetros do arsenal militar.
A proximidade da planta de SAIC coas instalacións da Armada e co estaleiro Navantia, que constrúe as fragatas F-110 e modernizará as F-100 da Armada, preocupa e moito en Defensa segundo relatan ambos medios, que confirman o adiantado por Praza.gal o pasado 21 de xuño.
Daquela, este diario advertía dalgúns dos escasos receos que mantiña a empresa chinesa de cara á súa aterraxe en Galicia: o cumprimento dos prazos —que a Xunta insiste en facilitar coas súas medidas e boa sintonía con China— e unha posible chegada á Moncloa de Feijóo e o PP estatal, moi afastados do entusiasmo do Goberno galego e de Alfonso Rueda e que manteñen silencio, cando non reticencias, á chegada de SAIC.
Defensa advirte do risco de espionaxe ao Arsenal e a Navantia, un temor que o PP estatal xa difundira para deitar dúbidas sobre a chegada de SAIC a Galicia, como adiantou Praza.gal
Varias fontes coñecedoras das negociacións entre SAIC, a Xunta e o Goberno de España levan tempo advertindo da presión que exerce a dereita europea e a parte máis dura do PP estatal coa súa posición contraria á China, alertando mesmo do risco de seguridade que tería a instalación dunha compañía de propiedade estatal chinesa ao pé de instalacións militares españolas en Ferrol. Figuras relevantes populares e algúns dos principais asesores de Feijóo levan tempo insistindo no risco xeoestratéxico da presenza chinesa na ría ferrolá, difundindo esa idea no Estado e na UE e acompañando e fomentando un temor que xa estaba instalado en parte do Exército, como veñen de confirmar as últimas informacións.
Agora é o propio Ministerio, segundo as publicacións deste luns, quen alerta, aínda que Defensa xa aclara que apoia o proxecto de SAIC e garantirá a seguridade na zona. Con todo, o presidente galego, Alfonso Rueda, di que "é difícil de entender" e "sorprendente" o temor manifestado.
"É sorprendente e difícil de entender que un departamento do Goberno central faga agora estes pronunciamentos cando en ningún momento se falou de falta de seguridade nin de risco militar", dixo este mesmo luns en declaracións aos medios Rueda, que insistiu en que a Xunta foi "dos primeiros en gabar a xestión conxunta" de ambas administracións para a chegada de SAIC, pero que aclara que "non lle corresponde" ao Goberno galego "avaliar uns supostos riscos, se os hai". "Correspóndelle exixir ao Goberno central compatibilizar a seguridade nacional coa oportunidade fantástica e histórica que se lle presenta a Galicia", dixo.
Rueda considera "sorprendente" e "difícil de entender" que Defensa advirta agora de riscos para seguridade "cando en ningún momento se falou" deles
Rueda aclarou que as informacións publicadas non lle gustan "nin lle fan ningún favor ao proxecto" e insistiu en que debe ser o Estado "quen ten que ser quen de compatibilizar" seguridade e oportunidade industrial. "É sorprendente que o maior risco á seguridade nacional sexa unha fábrica de coches que se quere instalar en Ferrol", insistiu Rueda apenas unha semana despois de que o seu partido presentase como tal a entrada masiva de migrantes en Ceuta. Con todo, di confiar en que a iniciativa de SAIC "teña un final satisfactorio". "Outra cousa sería moi difícil de entender", engadiu.
Desde o Goberno de España, o ministro para a Transformación Dixital, Óscar López, non tardou tampouco en responder ás informacións publicadas defendendo a instalación de SAIC en Ferrol e mostrándose convencido de que se levará a cabo garantindo o respecto á seguridade.
O ministro Óscar López defende a instalación de SAIC en Ferrol e di estar convencido de que se levará a cabo respectando a seguridade do Estado
López negou que se poida chegar a rexeitar este investimento, que require da aprobación do Consello de MInistros, por motivos de seguridade e di que se están a analizar todas as "implicacións" que supón e que tomarán "as decisións oportunas". Así, aclarou que nestes investimentos "pódense establecer unha serie de condicións para facelos viables" pero insistiu en lanzar unha mensaxe de "tranquilidade".
O caso é que hai que tempo que quedou claro o interese e as facilidades dadas pola Xunta para a chegada o grupo automobilístico, así como a aposta clara do goberno de Sánchez por atraer investimento chinés —distanciándose da política dura de Bruxelas e mesmo freando na UE unha guerra comercial co xigante asiático—, algo que é moi valorado por SAIC. A empresa chinesa, no entanto, non ve ese entusiasmo no PP estatal e teme os atrancos que poida supoñer unha posible chegada de Núñez Feijóo á Moncloa. Polo que se ve, tampouco en Defensa todas as posicións están claramente aliñadas coa Moncloa.
Entusiasmo fronte a reticencias
O risco de espionaxe ao arsenal militar e ao estaleiro de Navantia, que traballan con avanzados sistemas de combate dos EUA, preocupa en Defensa e é unha das bazas que o Partido Popular leva empregando nos foros económicos e ante as autoridades estatais e europeas para poñer trabas á operación que a Xunta cualifica como "o maior proxecto internacional que chegou a Galicia nas últimas décadas".
Os temores e as reticencias amosadas por Defensa coinciden coas difundidas polo PP estatal e asesores de Feijóo, que non amosan entusiasmo pola chegada de SAIC
O entusiasmo da Xunta contrasta coa preocupación no PP estatal e en Defensa, que advirte da proximidade de SAIC ao arsenal que serve de base ás cinco fragatas da clase Álvaro de Bazán (F-100) e a dous buques de aprovisionamento en combate.
A presenza de numerosos talleres de apoio loxístico e de toda unha industria auxiliar de Navanta na comarca preocupa tamén, di El País, ante a posibilidade de que algún operario sexa captado por servizos de intelixencia chineses. E El Mundo alerta da posibilidade de que a OTAN e a UE deixen de ver Ferrol como porto seguro.
Ambos xornais dedican a súa portada á mesma información, xusto días despois da crise humanitaria en Melilla e tras as críticas ao CNI ou as diferenzas na análise da situación entre o Ministerio de Defensa e outros departamentos do Goberno do Estado.
"Rivalidade xeopolítica"
Desde Pequín, segundo conta El Mundo, asegúrase que os seus investimentos só responden a criterios comerciais, lembran o recurso ao capital chinés durante os peores anos da crise por parte de moitos países europeos e poñen o porto do Pireo, en Grecia, controlado por capital chinés, como exemplo de boa cooperación e beneficios. Converter calquera investimento de China nunha cuestión de seguridade "responde máis á rivalidade xeopolítica impulsada polos Estados Unidos que a ameazas reais", din funcionarios chineses que cita El Mundo.
En Galicia, a Xunta mantén a súa folla de ruta, destacando a boa sintonía coa empresa SAIC e co goberno chinés. A pasada semana, o presidente Alfonso Rueda reuniuse en Cambados co embaixador da China en España, Yao Jing, que foi investido como Cabaleiro da orde na 74ª edición da Festa do Albariño.
O BNG di que "entre os intereses militares e a defensa da industria galega e do emprego", vai escoller "sempre os intereses de Galiza"
Ademais, a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, preguntada polas informacións publicadas este luns, asegurou que “entre os intereses militares e a defensa da industria galega e dos postos de traballo", o Bloque "sempre" vai "escoller os intereses de Galiza".
Pola súa banda, desde Sumar Galicia, o seu secretario xeral, Paulo Carlos López, reafirmou o apoio da súa formación a un proxecto que é "unha oportunidade industrial" que o país "non pode deixar pasar". "Non vai afectar a seguridade europea, senón que vai crear moitos postos de traballo en Galicia”, dixo.
Desde o Concello de Ferrol, o seu alcalde, José Manuel Rey Varela, foi contundente: "A noticia publicada en moitos lugares, sobre todo especulacións e información reciclada, apunta máis a intereses empresarias que de seguridade". Ademais, dixo que "algúns dos argumentos formulados parecen obviar que vivimos en 2026 e non en 1941; non fai falta chamar a unha consulta dun dentista con vistas á enseada para coñecer o estado dunha ría", engadiu en referencia á chamada codificada a un dentista xaponés que impulsou o ataque a Pearl Harbor.