Desde que hai tres semanas a Xunta anunciase a declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE) para o complexo que o grupo automobilístico SAIC pretende entre Ferrol e As Pontes, a multinacional chinesa non aforra reunións, contactos e achegamentos con empresas e institucións en Galicia.
Malia que a maioría destes contactos son discretos, e inclúen tamén conversas máis informais para coñecer o contexto social, económico e político da zona, SAIC déixase ver tamén publicamente. O pasado 17 de xuño, dous enxeñeiros da empresa participaron nos actos polo 50º aniversario do CIFP Ferrolterra, celebrando a súa próxima chegada ao porto exterior de Ferrol e ás Pontes e amosando o seu interese polos plans de estudo do centro e a posibilidade de formar alumnado nas materias vinculadas á futura fábrica en Caneliñas.
Mentres, o grupo contacta xa con construtoras galegas para os equipamentos que precisará en poucos meses e confirma a chegada ao porto exterior ferrolán o vindeiro 8 de xullo dun megabuque portavehículos da súa filial de transporte mariño. Comprobará así o funcionamento da dársena que será a vía de entrada para boa parte dos seus compoñentes e rampla de saída de milleiros de coches.
SAIC aumenta os contactos en Galicia cunha principal preocupación: que se cumpran os prazos para a súa aterraxe en Ferrol e As Pontes
Con estes actos e xestos, tan importantes, SAIC pretende reforzar o seu compromiso e aposta por Ferrolterra e Eume como base dun proxecto de 200 millóns de euros de investimento inicial que crearía 2.300 empregos e comezaría a producir a finais de 2028 uns 120.000 vehículos híbridos e eléctricos ao ano. Pero tamén aprema nunha das cuestións que máis preocupan ao xigante chinés: o cumprimento dos prazos.
A declaración da iniciativa como PIE por parte da Xunta facilita os trámites e axuda no obxectivo de comezar as obras no porto exterior en 2027 e ter a planta operativa en 2028 para un proxecto que debería ser presentado formalmente xa este ano. Fontes coñecedoras das negociacións entre SAIC e as administracións consultadas por Praza.gal advirten que cumprir cos prazos marcados (no que ten que ver con permisos, obras e burocracia) é a principal preocupación e obxectivo do grupo chinés, que aprema as institucións e é moi exixente nas datas para a súa chegada a Galicia.
Considera SAIC que "o momento é agora", como explican as mesmas fontes, consciente tamén da clara sintonía e boa relación tanto coa Xunta como co Goberno de España.
SAIC recea dun posible cambio na Moncloa ante as reticencias aos seus investimentos por parte do PP de Feijóo, en contraste coa boa sintonía con Sánchez e Rueda
As xestións coas dúas administracións —cunha "colaboración máxima, leal e efectiva" entre ambas, como recoñeceu o goberno galego— son moi ben valoradas pola multinacional chinesa, que amosa a súa inquedanza ante un posible cambio no executivo de España.
O interese e as facilidades dadas pola Xunta para a chegada o grupo automobilístico e a aposta clara do goberno de Sánchez por atraer investimento chinés —distanciándose da política dura de Bruxelas e mesmo freando na UE unha guerra comercial co xigante asiático— son moi valoradas por SAIC, que non ve tanto entusiasmo no PP estatal e teme que unha posible chegada de Núñez Feijóo á Moncloa supoña atrancos que, polo de agora, apenas existen.
Porque non hai ese entusiasmo. As mesmas fontes —varias— advirten da presión que exerce a dereita europea e a parte máis dura do PP estatal coa súa posición contraria á China, alertando mesmo do risco de seguridade que, ao seu ver, supón a instalación dunha compañía de propiedade estatal chinesa ao pé de instalacións militares españolas en Ferrol. Non só, claro. A apertura aos investimentos impulsados por Pequín non é visto con bos ollos en filas conservadores nin en moitos dos seus principais asesores. Tampouco nos de Feijóo.
Máis valor engadido
As preocupacións na Xunta e no Goberno de España son outras. A principal, que SAIC achegue todo o valor engadido posible a Galicia e lograr que boa parte da fabricación de compoñentes se realice no país, algo que a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, di que xa está asegurado nun mínimo do 50%. En definitiva, que a factoría na dársena exterior non sexa só un espazo para a ensamblaxe de vehículos.
Para logralo, os executivos de Rueda e Sánchez saben que será clave a lexislación que prepara a UE para condicionar os investimentos estranxeiros a que se priorice a produción local. É a denominada Lei de Aceleración Industrial, aínda a debate, á que están moi atentos desde SAIC, consciente de que as exixencias normativas que China impuña aos investimentos europeos vólvenlles agora de volta.
Que España manteña un baixo prezo da enerxía é clave para o asentamento de SAIC en Galicia
Asúmeno sempre que poidan aproveitarse do baixo prezo da enerxía, unha vantaxe de España respecto a outros Estados da que agora tira proveito e que é clave na aterraxe en Galicia de SAIC, que xa advirte da necesidade de manter prezos competitivos na tarifa eléctrica.
Non parece que haxa problema nese aspecto, máis cando, ao tempo que declaraba a fábrica de MG como PIE, a Xunta outorgaba autorización ambiental para a planta fotovoltaica no porto de Ferrol que poderá abastecer con enerxía limpa o complexo industrial. Ou cando a empresa chinesa insiste en destacar o importante desenvolvemento eólico do norte como unha das razóns que a impulsaron a elixir Galicia como destino.
Mérito repartido
O grupo chinés intensifica os contactos e avanza nos trámites para a súa fábrica de MG en Galicia, convencido de da fiestra de oportunidade que se lle abriu na aposta decidida de Xunta e Goberno de España polo seu proxecto, pero sabedor de que este contexto idóneo pode non selo tanto dentro duns meses. De aí que apure os prazos, exixa compromisos e coide a súa relación con ambas administracións.
Mentres a Xunta e o seu presidente, Alfonso Rueda, presumen de persuasión e do traballo feito para a chegada desta importante iniciativa, no Goberno de España meditan unha presentación oficial coa presenza de Pedro Sánchez e dirixentes chineses. Tamén porque desde o PSOE e o PSdeG hai voces que reclaman que o mérito, compartido, non caia só nun lado.