Transición verde e 'made in Europe': a UE define o peso da industria galega na planta de MG

Transporte de vehículos MG nun buque de carga © MG

O proxecto de fabricación de vehículos que o grupo chinés SAIC —a través de MG, a súa marca de referencia en Europa— impulsa en Ferrol e nas Pontes consolida a aposta pola transición verde e a mobilidade sostible da UE, cuxas políticas e iniciativas lexislativas para reindustrializar a Unión marcan tamén o futuro deste polo industrial que o xigante asiático pretende no norte de Galicia. 

A sobreprodución chinesa, os aranceis de Trump —e o intento por esquivalos en Europa— e a transición verde na UE explican a aterraxe de SAIC en Galicia

Xunta e Goberno de España colaboraron e colaboran —sen reproches polo momento— na chegada dun proxecto que fai albiscar un novo e ilusionante futuro industrial nunha zona tan castigada nos últimos tempos. Pero que vén tamén dar solución ao desequilibrio comercial que entre a China e a UE se está a dar nun sector clave como a automoción, e a poñer remedio ás preocupacións dunha e doutra banda. 

"Os coches chineses son unha importante competencia para o sector europeo, sobre todo pola vantaxe que lles outorgan as subvencións públicas que reciben e a posibilidade de vender barato. Teñen sobreprodución e sobrecapacidade e inundan o mercado da UE, que responde con aranceis que as empresas intentan esquivar derivando parte da produción ou a ensamblaxe a Europa", resume unha fonte comunitaria. "Os elevados gravames que impón Trump impídelles entrar no mercado americano, de aí que busquen a maneira de entrar aquí", engade para completar o marco. 

Fábrica de Stellantis en Vigo, nunha foto de arquivo CC-BY-SA Xunta

A política 'made in Europe' da UE e a súa maior ou menor exixencia determinará o nivel da achega da industria local á fabricación de MG en Galicia

A maior ou menor fabricación de compoñentes en Galicia para o proxecto de SAIC marca o debate entre quen teme que o traballo aquí se basee na montaxe de vehículos que cheguen en pezas a Ferrol, e quen confía en que será a industria auxiliar do país a que achegue a maioría. 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, falou dunha "fabricación elevadamente local" e advertiu de que ese aprovisionamento en Europa e o máis próximo posible está garantido se a automobilística chinesa quere evitar pagar aranceis e cumprir cos compromisos que marca Bruxelas a través da súa proposta lexislativa made in Europe

Bruxelas propón que un coche sexa ensamblado na UE e teña un 70% de compoñentes locais para poder participar en programas públicos de compra e axudas e non pagar aranceis extras

Velaí unha das claves: a Lei de Aceleración Industrial que propón a Comisión e se aborda nesta altura nas institucións comunitarias. "O debate clave agora arredor desta lexislación é establecer o que se considera made in Europe e que proporción de contido e de compoñentes debe ter un produto, neste caso un vehículo, para ser considerado local", engaden as mesmas fontes. Porque será o que determine que as empresas automobilísticas como SAIC poidan participar en procesos de contratación pública e en programas de axudas para flotas, ademais de evitar o aumento progresivo de aranceis, máis aló do 10% de base. 

"Os grandes grupos chineses buscan facer fábricas en Europa, pero o fundamental agora é asegurar que, como no caso de SAIC en Ferrolterra e nas Pontes, non sexan só para a ensamblaxe dos vehículos senón que vaia máis aló", insisten as fontes comunitarias que advirten da "boa noticia" que para Galicia supón o proxecto pero tamén do "escrutinio" que terá por parte da Comisión Europea "para que a maior parte da tecnoloxía e da fabricación se dea en Europa". 

Transporte de vehículos MG nun buque de carga © MG

A proposta de regulamento da UE —á espera de emendas e correccións— establece estritos criterios de orixe para que os vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de hidróxeno (os que se fabricarán en Galicia) poidan participar nestes programas públicos e de axudas, que inclúen supercréditos para os obxectivos contra a crise climática. Os limiares serán fundamentais, máis no caso dun grupo como SAIC, que abrangue toda a cadea do valor e podería asumir todo o proceso. 

Así, para que un coche poida ser considerado de orixe europea, e aos seis meses de entrar en vigor a lei, debe ser ensamblando dentro da UE e ter un valor de compoñentes locais superior ao 70% excluíndo a batería, na que polo menos tres elementos deben prover da industria comunitaria, segundo explican medios especializados. 

Aos tres anos de aplicarse a nova normativa, as exixencias aumentarían, exixindo polo menos cinco compoñentes do acumulador de enerxía de orixe local e un 50% de orixe comunitaria no sistema de propulsión e a electrónica. 

O caso Cupra: dous anos de 'lobby'

Velaquí outra clave. "España está conseguindo atraer moitos investimentos no ámbito da electrificación, que é o futuro da automoción, pero a UE debe defender que iso implique unha transferencia da tecnoloxía porque China está moito máis avanzada no que ten que ver coas baterías", explican as mesmas fontes, que cren que o subministrador que MG teña en Galicia destas baterías será fundamental, así como as sinerxías que poida ter coa factoría destes mecanismos que Stellantis constrúe en Zaragoza... da man dun grupo chinés. 

Mapa das instalacións que quere SAIC Motor divulgado pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Lei de Aceleración Industrial fomenta as "áreas de fabricación limpa" para impulsar investimentos enerxéticos en áreas como a de Ferrol-As Pontes

Desde MG, e respecto ao proxecto en Galicia, explican que "a nova planta integrará investigación e desenvolvemento de vehículos, fabricación avanzada, subministro de compoñentes clave e operacións loxísticas intelixentes, configurando un ecosistema industrial totalmente conectado de principio a fin"

Queda por ver a despregadura final, pero desde as institucións comunitarias tamén lembran a importancia que nestes aspectos teñen as negociacións coa UE. E citan o recente caso do modelo Tavascan de Cupra, deseñado e desenvolvido en Martorell (Barcelona) pero fabricado na China, o que lle sumaba un arancel adicional que subía a cota a máis do 30% e ameazaba, segundo o grupo Volkswagen, a estabilidade financeira da empresa e o emprego en España. 

Finalmente, a Unión aceptou quitarlle os aranceis ao modelo, un caso inédito. Foi a través dun compromiso por parte da automobilística para vender o coche por riba dun prezo mínimo establecido, entendendo a Comisión que así se neutraliza a vantaxe competitiva desleal coa que contaba. 

"Chegar a este acordo supuxo dous anos de traballo de lobby nas institucións europeas", indican fontes comunitarias, que sinalan como as políticas comunitarias para favorecer a industria e as empresas europeas acaban afectando moitas delas pola alta dependencia que teñen, tamén, da fabricación na China. 

Compoñentes eólicos fabricados en Navantia Fene, nunha imaxe de arquivo © Navantia

No intento por rematar con esta contradición e co devalo industrial en Europa, a Comisión propón coa Lei de Aceleración dar prioridade ao produto europeo e descarbonizado, con criterios de preferencia para produtos made in EU e hipocarbónicos, aqueles que xeran menos emisións de efecto invernadoiro durante todo o seu ciclo de vida, como baterías, aeroxeradores ou aceiro limpo. Tamén condiciona investimentos estranxeiros elevados (por exemplo en vehículos eléctricos) a que acheguen valor e transfiran tecnoloxía. E simplifica os trámites administrativos e fomenta e impulsa a creación de "áreas de fabricación limpa" e sostible, agrupacións de proxectos onde se facilitarán investimentos esenciais en infraestruturas enerxéticas. 

De queimar carbón a base eólica e fotovoltaica

Aí é onde tamén o proxecto de SAIC en Galicia conta con vantaxes, como recoñecen desde a propia empresa, que ten en conta as posibilidades que achega a futura planta fotovoltaica do porto exterior de Ferrol ou a puxante industria eólica en toda a zona. Unha contorna de enerxía verde con base no peirao de Caneliñas, onde non hai moito tempo Endesa usaba unha ampla área de 100.000 metros cadrados para descargar e almacenar carbón para a súa central térmica, un dos focos máis contaminantes e máis favorecedor da crise climática de Europa. 

A fortaleza da industria auxiliar e automobilística do sur de Galicia, o acceso loxístico por mar que ofrece a dársena ferrolá e a súa futura conexión ferroviaria ou a man de obra cualificada, alén do labor de Xunta e Estado, explican a elección de Galicia por parte de SAIC. No fondo, o cambio climático e a normativa da UE que establece a prohibición de vender coches que emitan CO₂ desde 2035. A viabilidade comercial de MG en Europa a partir dese ano dependerá moito do proxecto que desenvolva entre Ferrol e As Pontes nos vindeiros anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.