O presidente defende como "proxecto de país" a planta de SAIC en Ferrol e o socialista pídelle cumprir os prazos "e que finalmente non o estraguen"
Un inusual cruce de eloxios foi o que presenciaron este mércores os invitados da tribuna do Parlamento, a Peña Bebeuvas de xubilados do BBVA da Coruña e Santiago, un grupo de veciñas "senior" da Coruña e alumnado do centro San Narciso de Marín. Ante eles o líder do PSdeG e o presidente do Goberno galego deixaron claro que a instalación en Ferrol e As Pontes da chinesa SAIC será posible só grazas á colaboración de Xunta e Estado, noutras moitas ocasións abertamente enfrontados.
A sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento iniciouna o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientando que o Goberno galego xa declarou 19 proxectos industriais estratéxicos (PIA) pero ningún está aínda rematado e "catro desapareceron". "Anuncios hai, o problema está nos resultados", dixo o socialista, para asegurar que "quen se converte no valedor deses investimentos son os fondos europeos e estatais e o Goberno do Estado" grazas a "o presidente máis galego", en referencia a Pedro Sánchez.
Rueda respondeu centrándose no proxecto de SAIC, para o que di que, como "proxecto de país", "todo o mundo ten que axudar, agradecino publicamente, non teño ningún problema". "A axuda do Goberno central neste caso, por suposto, recoñecémola, pero non me diga que todo o que hai en Galicia se debe ao Goberno central", matizou o presidente, para quen os proxectos chegan a Galicia "grazas ao noso potencial" e á "estabilidade política que permite que os investidores confíen en nós".
Besteiro di que o proxecto de SAIC tiña "competidores na UE e no Magreb" e en España tamén en "Tarragona ou Valencia" pero que o Goberno de Sánchez "apostou por Galicia"
Na súa segunda intervención Besteiro revelou que o proxecto de SAIC tiña "competidores na UE e no Magreb" e en España tamén en "Tarragona ou Valencia" pero que o Goberno central "apostou claramente por Galicia e por unha zona de transición xusta" como Ferrol e As Pontes. "Creo que neste asunto fomos absolutamente prudentes e discretos", dixo Besteiro, para rematar pedindo a Rueda "que cumpran os prazos e que finalmente non o estraguen".
No peche do debate o presidente Rueda aventurou que co proxecto de SAIC "imos ter o atranco dos de sempre, os do negacionismo indutrial", dirixíndose ao BNG. E rematou, ao igual que os socialistas, gabando o seu propio traballo: "Eu non presumo dos logros, vou presumindo de Galicia por aí adiante para traer investimentos".
Foi nunha sesión de control na que, na súa intevención, Pontón pediu a Rueda "un plus contra a sinistralidade laboral ou as listas de espera" fronte ao "plus por recortar baixas".