O presidente asegura que o 40% dos médicos de familia están a aplicar o seu plan contra o absentismo laboral
O plus salarial da Xunta aos médicos que reducen os tempos de baixa dos seus pacientes centrou o debate entre a nacionalista Ana Pontón e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control deste mércores no Parlamento. Pontón reclamou a Rueda maior esforzo no control das empresas que dos empregados e o presidente asegurou que, fronte ao rexeitamento dos colexios médicos e sindicatos, o 40% dos médicos de familia están a aplicar o seu plan contra o absentismo laboral.
Pontón comezou a súa intervención lembrando que Galicia "é a segunda comunidade con menos baixas do Estado" e criticou que a medida da Xunta "atenta contra o código deontolóxico médico" xa que os afectados "son persoas enfermas, non paquetes que hai que despachar canto antes". E fronte ao control das baixas, a líder do BNG pediu "un plus contra as listas de espera, un plus contra a sinistralidade laboral ou un plus contra as horas extra sen cobrar".
Rueda lembra que en Galicia cada semana "morre unha persoa por accidente laboral" ou trabállanse "122.000 horas extra gratuítas"
Nesa liña Pontón salientou que "en Galicia morre de media cada semana unha persoa por accidente laboral" e trabállanse "122.000 horas extra gratuítas cada semana". Tamén lembrou que as críticas non son só do BNG senón que "pedíronllo catro colexios médicos, a asociación galega de medicina de familia e a maioría dos sindicatos".
Na súa resposta, Rueda asegurou que "o 40% dos médicos están aplicando" a medida e preguntouse se eses profesionais "están coaccionados". O presidente asegurou que "todo traballador que estea de baixa porque o necesite, é sagrado", pero puxo o foco nas "pequenas empresas e autónomos" que sofren a falta de empregados ou nos "traballadores cumpridores que teñen que cubrir a baixa dos seus compañeiros".
Foi nunha sesión de control na que, na súa intervención, Besteiro atribuíu os investimentos industriais en Galicia a Pedro Sánchez e Rueda recoñeceu a axuda pero pediu non esaxerar.