Galicia, segundo territorio con menos baixas laborais pero con máis duración

Incidencia da incapacidade laboral en cada comunidade autónoma © Montaxe: Praza.gal

Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos baixas laborais en relación ao total de persoas afiliadas (27 por mil) pero tamén o segundo territorio no que as baixas laborais teñen unha maior duración media (80,6 días)

Cada vez se conceden máis baixas laborais. A incidencia da incapacidade laboral sobre o total de traballadores e traballadoras leva anos medrando en Galicia e no conxunto do Estado, aínda que os datos varían moito por idade (o persoal máis mozo pide máis baixas, pero de menor duración) e por territorio: as comunidades autónomas con máis renda presentan máis baixas laborais, segundo os datos publicados este mércores pola Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (Airef) a partir das estatísticas oficiais da Seguridade Social.

Así, Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos baixas laborais en relación ao total de persoas afiliadas (27,27 por mil), só por detrás de Estremadura e lonxe da media española (36,8 por mil) e máis aínda dos datos de Navarra, Cataluña e País Vasco, que encabezan a lista.

A incidencia da incapacidade laboral pasou de 19 casos por cada mil afiliados en 2017 a 27 en 2024, un aumento do 40%

En cambio, Galicia é igualmente a segunda comunidade autónoma na que as baixas laborais teñen unha maior duración media (80,6 días), de novo por detrás de Estremadura e practicamente duplicando a media española (45,9 días). Navarra e Cataluña son os territorios nos que as baixas teñen unha menor duración media. 

A maior idade media dos traballadores e traballadoras en Galicia pode explicar que o noso país practicamente encabece un indicador no que tamén figuran nos primeiros lugares outros territorios envellecidos, como Asturias ou Castela e León.

A incidencia da incapacidade laboral pasou de 19,41 casos por cada mil afiliados en 2017 a 27,27 en 2024, un aumento algo inferior (+40,5%) ao rexistrado no conxunto do Estado neste tempo, de 24,42 a 36,78 (+50,6%).

O persoal máis novo adoita presentar máis baixas en termos relativos, pero estas duran máis nos traballadores de máis idade

Os datos por idades amosan as importantes diferenzas existentes entre uns e outros traballadores neste indicador. O persoal máis novo adoita presentar máis baixas en termos relativos. Porén, en Galicia a diferenza entre uns e outros traballadores en función da súa idade é moi inferior á que se pode ver noutras comunidades autónomas e no conxunto do Estado. Así, o persoal máis novo (de 25 a 35 anos) presenta en Galicia 27 baixas por cada mil, fronte ás 44 da media española. 

En Galicia aumentan especialmente as baixas de 1 a 3 días (sen remuneración), un 138% máis dende o 2017

Onde si hai grandes diferenzas por idade é na duración destas baixas. As baixas nos traballadores máis novos teñen unha duración media de 52 días, moi lonxe da media (83 días) e aínda máis dos datos do persoal de máis idade: as baixas dos maiores de 55 teñen unha duración media de 116 días. 

Airef debulla os datos das baixas laborais en función da súa duración. En Galicia aumentan especialmente as baixas de 1 a 3 días (sen remuneración), un 138% máis dende o 2017; moi por riba do incremento das baixas de 4 a 15 días (cunha remuneración do 60% a cargo da empresa). As baixas de máis de 15 días (nas que a remuneración corresponde parcial ou totalmente ao Estado) soben só un 28%.

As incidencias máis comúns son as musculoesqueléticas, pero as que máis medraron nos últimos anos foron as mentais e de comportamento, que practicamente duplicaron a súa incidencia dende o 2017, máis aínda entre a mocidade

As incidencias máis comúns son as musculoesqueléticas, cunha incidencia de 6,62 por cada mil traballadores, por riba das respiratorias (3,75). Con todo, as que máis medraron nos últimos anos foron as mentais e de comportamento (3 por cada mil afiliados), que practicamente duplicaron a súa incidencia dende o 2017. 

O aumento aínda foi maior nos traballadores e traballadoras de menos de 35 anos (a incidencia pasou de 1,6 a 3,8 casos por cada mil afiliados e afiliadas).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.