A líder do BNG esixe a retirada dunha medida "deleznable" que "non debería ser legal": "Médicos e médicas dan as altas en función das necesidades dos pacientes"
O condicionamento de cobrar unha parte do plus de produtividade do persoal médico de familia a que as baixas laborais dos pacientes non se estendan, ratificado formalmente pola Xunta aos centros de saúde nas últimas semanas, achou o previsible rexeitamento nas forzas da actual oposición, BNG e PSdeG. Unha estratexia "grave" e "indecente", considérana.
"Teño que lin tres veces esa noticia porque me parece que é imposible que alguén queira beneficiar a médicos economicamente por dar a alta aos pacientes antes", ironizaba este venres a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, dende cuxo punto de vista esta fórmula "non debería poder ser legal". Porque, razoa, "estou convencida de que as médicas e médicos dan as altas en función das necesidades dos pacientes".
"Paréceme deleznable -sostén Pontón- que o PP queira condicionar a actuación dos nosos médicos e médicas en base a un plus" e por iso "deberían retirar de inmediato" un incentivo que "vai na liña do que levamos dicindo: un Goberno que quere roubar dereitos" á clase traballadora". "M. Rajoy fixo unha reforma laboral en contra dos dos dereitos dos traballadores e das traballadoras e agora o señor Rueda quere impedir que a xente cando está enferma poida ter a baixa que necesita", conclúe sobre o que ve unha política "infame e indecente".
O secretario xeral do PSdeG censura que Rueda pretenda "cobrar aos médicos a culpa dunha sanidade que afoga" cuns incentivos que só "engaden presión aos profesionais e sospeitas sobre os pacientes"
Para o secretario xeral do PSdeG, esta medida "extraordinariamente grave" vén "retratar a concepción que o PP ten os servizos públicos". "O señor Rueda quere facernos crer que o problema da sanidade pública está nas baixas, nos pacientes ou nos médicos" cando, ao seu xuízo, "o problema é un goberno que non cree nos servizos públicos e que non está disposto a investir o que hai que investir".
Neste sentido, José Ramón Gómez Besteiro insta a encadrar a ligazón entre baixas e salarios médicos nun contexto no que "Galicia é a segunda comunidade autónoma que menos inviste atención primaria, só por tras de Madrid". E "con esas cifras enriba da mesa", lamenta, a resposta do PP é "cobrarlles aos médicos a culpa dunha sanidade que afoga" tras dezasete anos con Executivos do PP que "decidiron que a Atención primaria é prescindible". Esa decisión, conclúe, "non vai resolver nada do que está roto" e vaise limitar a "engadir presión sobre os profesionais e sospeita sobre os pacientes".