A marcha de CCOO deixa un só sindicato na mesa da Xunta sobre as baixas

Constitución da mesa do diálogo social, o pasado 14 de maio CC-BY-SA Xunta

CCOO planta a mesa de diálogo social creada para tratar as baixas laborais pola acometida da Xunta contra as ausencias por enfermidade no traballo. Así o anunciou o sindicato, que suspendeu a participación neste organismo para tratar o "absentismo", segundo o define o Executivo galego, ante o que considera un "baleirado" do proceso e unha "campaña de estigmatización" das persoas traballadoras

CCOO decide abandonar a mesa contra o absentismo polo "baleirado" do proceso e a "campaña de estigmatización" das persoas traballadoras

O grupo de traballo específico sobre o absentismo, posto en marcha pola Xunta coa patronal galega, UGT e a propia CCOO hai unha semana en Vigo, queda agora sen un dos seus membros, que "apraza a súa participación activa nos grupos de traballo". Xa non contaba coa CIG, sindicato maioritario no país, xa que desde hai anos é contrario a estas mesas de diálogo social, ademais de manifestar tamén críticas ás iniciativas que o goberno de Rueda anunciou hai semanas para reducir o absentismo laboral. 

A Xunta insta a CCOO a "reconsiderar" a súa decisión e "seguir contribuíndo" ao proceso, pero o sindicato insiste en que a Administración está “baleirando de contido real o proceso de concertación”, anunciando e impulsando medidas executivas en paralelo á mesa e convertendo o diálogo nun “mero escaparate mediático” que, ao seu xuízo, non responde aos principios da negociación colectiva, da boa fe e do respecto á representación sindical. 

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia CC-BY-SA CCOO Galicia

UGT, pola súa banda, continúa na mesa e prevé asistir á reunión convocada este venres en Santiago, aínda que fontes consultadas por Europa Press advirten tamén que "a paciencia ten límite", tras acusar a Xunta de "torpedear o diálogo social a golpe de titulares e declaracións fóra de lugar". 

Comisións acusa a Xunta de anunciar e impulsar medidas executivas en paralelo á mesa e converter o diálogo nun “mero escaparate mediático”

CCOO asegura que rexeita “frontalmente a narrativa que reduce o incremento das baixas por enfermidade a unha cuestión de fraude ou absentismo”. “Tras estes indicadores hai factores estruturais amplamente documentados: a deterioración das condicións laborais, o aumento da sinistralidade e dos riscos psicosociais, o envellecemento dos cadros de persoal, a precarización das condicións de traballo e as dificultades do sistema sanitario público para garantir diagnósticos e tratamentos en prazos axeitados”, asegura. 

"Estigmatizar as persoas traballadoras non só é inxusto, senón que desvía a atención das verdadeiras solucións”, que, ao seu ver, pasan por investir en prevención primaria, benestar laboral e fortalecemento da atención sanitaria. Comisións subliña que o diálogo social é un instrumento “fundamental” para a “gobernación democrática e a xustiza social”, pero avisa de que só cumpre a súa función cando se desenvolve con respecto ás organizacións representativas, sen anuncios previos que condicionen o resultado e cando as partes poden negociar con liberdade e igualdade.

"Estigmatizar as persoas traballadoras non só é inxusto, senón que desvía a atención das verdadeiras solucións”

Ao respecto, asegura que a Xunta leva mostrando “nos últimos meses” unha “dualidade inadmisible”. “Por unha banda eloxia publicamente a participación sindical e institucionaliza a mesa mediante decreto; por outra impulsa campañas e plans de comunicación e medidas unilaterais que prexulgan o debate, limitan a capacidade real de acordo das organizacións e deixan sen percorrido o propio foro creado para este fin”, critica. Neste contexto, Comisións afirma manter “intacta” a súa disposición para regresar ao proceso “no momento en que se dean as condicións mínimas de boa fe”.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, nunha xuntanza da mesa de diálogo social CC-BY-SA Xunta

Informe nesgado

CCOO pide o “cesamento da presión contra as persoas que exercen o seu dereito á saúde, paralización de anuncios ou da aplicación de medidas que baleiran a negociación e compromiso expreso de que o foro do diálogo social sexa o espazo único e prioritario para a definición das políticas sobre benestar laboral e xestión da incapacidade temporal”. “Non renunciamos ao diálogo, renunciamos a un simulacro”, sentencia. A

No comunicado, CCOO anuncia que presentará “proximamente” unha análise detallada do estudo elaborado polas universidades de Vigo e Santiago, titulado O absentismo laboral en Galicia. O sindicato censura que, “baixo unha aparencia de neutralidade técnica”, o informe peca dun “marcado nesgo ideolóxico”, xa que, segundo afirma, tende a individualizar a responsabilidade das ausencias laborais nos cadros de persoal, omitindo o impacto dos factores estruturais nas condicións de xestión empresarial e no propio sistema sanitario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.